29 de xaneiro de 2011

As obras do palco contemplarán tamén a renovación das xanelas:::

As obras do palco de Ouzande xa están moi avanzadas, en breve a veciñanza poderá facer uso destas instalacións. O Concello da Estrada ten previsto cambiar as xanelas do soto do palco que se atopan en moi malas condicións. Arestora os traballos están a piques de rematar, ofrecemos unhas imaxes ilustrativas




15 de xaneiro de 2011

O alcalde da Estrada visita as obras do palco de Ouzande:::

Xosé Antonio Dono, alcalde da Estrada, visitou o pasado mércores as obras que se están a acometer no palco. Segundo reza un cartel colocado expresamente para informar da obra, esta está finaciada cos fondos do plan Feesl conxuntamente cunha serie de melloras que tamén se desenvolven no Museo do Pobo Estradense.O aspecto exterior que ten agora o palco mellora xa, con moito, a situación inicial. Xa están feitas as divisións das dúas estancias en que se dividiu a zona propiamente de palco.Tamén se pode comprobar que esta actuación supoñerá unha mellora considerable das condicións de seguridade no acceso ás dúas alturas do edificio. A Fervenza de Ouzande está a impartir provisionalmente as distintas clases de música e baile no local da veciña parroquia de Guimarei. As obras avanzan a bo ritmo e estarán rematadas en poucas semanas.




unha nova fronte achégase a Galicia tralo temporal que deixou numerosas molestias na parroquia:::

O temporal de auga que afectou á parroquia desde o día de Reis e que se prolongou até a fin de semana deixou numerosas incidencias de pequeno calado en Ouzande. Presas desbordadas, camiños anegados, veigas a nado... Isto provocou que tivera que facer acto de presenza a Policía Local no lugar do Picoto ante unha presa que estaba desviada cara á calzada, provocando o anegamento do camiño do Redondo e da estrada local que une a parroquia coa Estrada.

6 de xaneiro de 2011

Boa acollida das "Malas Cartas" de Manuel Pereira:::

Este martes o MOME (Museo da Madeira da Estrada) acolleu a un centenar de persoas na presentación da novela breve "Malas Cartas", unha obra de Manuel Pereira. A Fervenza de Ouzande desculpou non poder realizar esta actividade en Ouzande debido ás obras que se están a executar no palco ao tempo que agradeceu ao Concello da Estrada a colaboración prestada para contar con estoutro espazo para presentar a novela.
Tucho Calvo, o editor e responsable de Biblos explicou como funciona este proxecto que agasalla cos libros editados aos seus subscritores, este mes o libro de agasallo é o de Pereira. O autor foi presentado por Miguel Louzao. A xeito de entrevista Manuel Pereira foi contestando e reflexionando sobre distintos aspectos da novela ante as preguntas de Louzao.

Malas Cartas relata a historia de Suso, unha historia real e verídica que a veciñanza de Ouzande e da contorna coñecerán. Non é a historia tal cal pois está literaturizada. Aínda así os lectores recoñecerán os espazos ambientados no Ouzande a A Estrada de 1951. Malas Cartas afonda nas inxustizas, no uso do poder e no devir dos acontecementos por causa do azar.

Ao final do acto vendéronse exemplares de Malas Cartas que o autor asinou e dedicou ao público que abarrotou a sala. En febreiro, a novela hase presentar na faculdade de filoloxía da Complutense de Madrid

2 de xaneiro de 2011

Avance da remodelación do palco:::

As obras de remodelación do palco de Ouzande avanzan a bo ritmo. A parte superior estará ocupada por dúas salas e un baño, pasando o palco á parte exterior do edificio tal e como xa deixan entever estas fotos da obra.

O acceso ao palco faráse por catro escaleiras que se presentan cara ao frontal do edificio, tamén hai unha rampa na marxe dereita.

Este acceso parte da zona das escaleiras de acceso ao campo desde o camiño onda a fonte de San Lourenzo, paralela á rampa que xa existe para entrar na parte inferior do palco. A sala máis pequena terá unha ventá ao nivel da porta do local inferior.

Os accesos ás salas de nova contrución serán desde o propio palco, habendo un pequeno vestíbulo, unha sala máis reducida na dereita e un local máis grande á esquerda. Este espazo polivalente contará cun acceso amplo desde o palco grazas a unha grande porta.

Manuel Pereira presenta un novo libro no Museo do Moble da Estrada:::


Será o próximo martes, día 4 de xaneiro ás 8 do serán no MOME, Museo deo Moble da Estrada, ubicado na Avenida de Benito Vigo (nº92) ao lado da base de Protección Civil, Radio Estrada, conservatorio ou Biblioteca Municipal.
O emprazamento escollido para esta presentación está motivado polas obras que se están a executar no local social de Ouzande.
O acto estará presentado por Xabier Camba, presidente da Fervenza de Ouzande. No mesmo intervirán o editor Tucho Calvo e o profesor estradense Miguel Louzao. O propio autor falará da súa obra no transcurso da presentación.
Malas Cartas é unha novela breve que se suma á longa traxectoria de Manuel Pereira, competando a súa obra poética. Máis información no blog da Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande.