6 de xaneiro de 2011

Boa acollida das "Malas Cartas" de Manuel Pereira:::

Este martes o MOME (Museo da Madeira da Estrada) acolleu a un centenar de persoas na presentación da novela breve "Malas Cartas", unha obra de Manuel Pereira. A Fervenza de Ouzande desculpou non poder realizar esta actividade en Ouzande debido ás obras que se están a executar no palco ao tempo que agradeceu ao Concello da Estrada a colaboración prestada para contar con estoutro espazo para presentar a novela.
Tucho Calvo, o editor e responsable de Biblos explicou como funciona este proxecto que agasalla cos libros editados aos seus subscritores, este mes o libro de agasallo é o de Pereira. O autor foi presentado por Miguel Louzao. A xeito de entrevista Manuel Pereira foi contestando e reflexionando sobre distintos aspectos da novela ante as preguntas de Louzao.

Malas Cartas relata a historia de Suso, unha historia real e verídica que a veciñanza de Ouzande e da contorna coñecerán. Non é a historia tal cal pois está literaturizada. Aínda así os lectores recoñecerán os espazos ambientados no Ouzande a A Estrada de 1951. Malas Cartas afonda nas inxustizas, no uso do poder e no devir dos acontecementos por causa do azar.

Ao final do acto vendéronse exemplares de Malas Cartas que o autor asinou e dedicou ao público que abarrotou a sala. En febreiro, a novela hase presentar na faculdade de filoloxía da Complutense de Madrid

Ningún comentario:

Publicar un comentario