22 de xuño de 2015

Ouzande celebra mañá martes o seu tradicional Lumeiro:::

Mañá, martes 23 de xuño, o Campo da Festa de Ouzande acolle unha nova festa, desta volta é a quenda do Home do Saco, que fiel á tradición presidirá os festexos para rematar entre chamas. Desta forma, A Fervenza de Ouzande, organizadora do evento queimará todas as cousas malas nesta entrada do verán e farano con festa da man de Retrouso. A gastronomía non se baseará nas típicas sardiñas, senón nos tradicionais chourizos ao loureiro. A festa comeza ás 19h cunha sesión infantil para a organización dos actos da noite e da recollida das herbas para facer a auga de San Xoán. Xa contra o lusco-fusco iníciase a festa que ten como reclamo que o saco do Home do Saco acollerá papeliños con aquelas cousas que cadaquén queira queimar para logo botar ao lume.
Cartel da actividade e imaxes de arquivo

21 de xuño de 2015

Guimarei adiantouse a celebrar o San Xoán:::


Fin de semana festeira en Guimarei coa celebbración o pasado sábado día 20 da tradicional sardiñada de San Xoán. Organizada pola Asociación de Veciños Santa Apolonia, contou coa animación musical dun grupo de gaiteiros. Os asistentes, veciños e amigos da parroquia, tiveron que anotarse previamente para poder gozar das distintas viandas que preparou a organización. A festa foi no Local Social do Outeiro, sito detrás da igrexa parroquial.
Non moi lonxe de alí, na Somoza, celebraron nesa mesma data as festas patronais na honra de San Andrés. O sábado houbo unha verbena con "Los Duendes" e "Solara". Xa no domingo celebráronse os actos relixiosos e houbo concerto da Banda de Música Municipal da Estrada.

Fotos cedidas pola AA.VV.Santa Apolonia de Guimarei

18 de xuño de 2015

A Escola de Música Tradicional de Ouzande celebra unha festa fin de curso:::


Será este sábado 20 de xuño ás 21h no Campo da Festa de Ouzande. Trátase dunha inciciativa da Fervenza de Ouzande e coa que se quere clausurar o curso académico 2014-2015 das clases de música e baile tradicional que se desenvolven semanalmente no Local Social da parroquia. Segundo informan desde a citada asociacion mantívose a alta matrícula de cursos anteriores, con alumnado de todas as idades e disciplinas: gaita, tambor, pandeireta, baile, cancións tradicionais e acordeón. 
No transcurso da velada haberá unha merenda gratis para os asistentes así, como non, coma exhibición dos distintos grupos de música e danza folclórica que compoñen a escola.
Ademais, A Fervenza de Ouzande, vén de presentar a camisola oficial da entidade para este verán. Deseño de Rosa Herraiz, está motivado nos fíos dun tear, activade moi exitosa da asociación nesta última tempada. Ao deseño engadíronlle o lema "seguimos tecendo" e é que a entidade cumprirá en breve os 15 anos como asociación.




Imaxes de arquivo, foliada fin de curso 2014

15 de xuño de 2015

Sardiñada con sabor a folclore:::

O pasado venres 12 Ouzande celebraba a tradicional festa do Santo Antonio, aínda que os actos comezaron na igrexa parroquial ás 21h cos oficios relixiosos na honra deste venerado santo ouzandés, había ser contra as 22h cando no Campo da Festa se foi caldenado o ambiente. Sardiñas e outras viandas foron a atracción para moitos dos festeiros que ata alí se achegaron. Pero a sorpresa habíana dar as distintas formacións musicais que fixeron as delicias dos asistentes. Son´s d a Mina, de Fontao foron os primeiros en actuar. Tamén houbo rifas, sorteáronse varios lotes de produtos e, a seguir música tradicional dos veciños da parroquia; Retrouso e Recanto que seguiron a festa ata altas horas. Os cantos tradicionais mesturáronse así co sabor a sardiña.
 As festas continúan  polo momento a vindeira fin de semana pois no mesmo lugar haberá  a festa dos grupos de música tradicional. O día 23 celebrarase o Lumeiro e as festas de Ouzande continúan coas patronais en agosto e co Socorro en setembro.









Andaravía Teatro estreou dúas novas pezas esta fin de semana:::

A Casa da Terceira Idade de Vedra foi o escenario no que debutaron os actores e actrices de Andaravía Teatro con dúas novas propostas. Foi o sábado 13 e o domingo 14 ás 20h e cunha máis que notable afluencia de público. Trátase dunha peza infantil e outra para adultos. A primeira é a estrea da compañía neste xénero, celebrouse o sábado e leva o título de Conta Contos. Por outra banda, e xa no domingo foi a quenda de Maniféstate, un convite para reflexionar o por que cadaquen é tamén Rosalía. Con estas representacións iníciase a xira por teatros de toda Galicia con estas obras que farán as delicias do público que teña a oportunidade de velas.
Fotos: Andaravía Teatro





O concerto de despedida de “A Cada Canto” abriu o III Ocafolk:::

Concerto despedida de A Cada Canto en Oca
A parroquia de Oca viviu unha intensa fin de semana festiva coa celebración tanto do III Ocafolk así coma coa festa de Santo Antonio. A Praza de Oca acolleu o pasado venres o concerto de despedida de “A Cada Canto”, un marco incomparable ao que se achegaron os seus incondicionais seguidores así coma o numeroso público que quixo gozar co Ocafolk. Tralas actuacións destes e de Cé, Orquestra Pantasma fóronse sucedendo no palco os distintos grupos que conformaban o cartel: A Requinta da Laxeira, A Banda da Balbina e os Regatos alongaron a festa ata altas horas da madrugada. O Pazo de Oca foi testemuña dos cantos que ecoaron na praza, así coma dos improvisados bailes ou da oferta gastronómica ofrecida por un polbeiro. O sábado 13, día do Santo e diante xusto da capela do mesmo, celebrouse a verbena coas formacións Assia e América.

Xosé Lois Romero, Guadi Galego, Xabier Díaz e Guillerme Fernández
O concerto arrancou coa interpretación de varios poemas de Rosalía de Castro
A Cada Canto comezou a festa
O público ateigou a praza.
Público no III Ocafolk
Entre actuacións animación de Cé, o home orquestra. Foto de Ocafolk
A Banda da Balbina. Foto de Ocafolk
A Requinta da Laxeira. Foto de Ocafolk
Regatos, foto de Ocafolk
A Praza de Oca acolleu os festexos

9 de xuño de 2015

Guimarei celebrará a festa do lumeiro o sábado 20:::

Local Social do Outeiro 
O vindeiro sábado día 20 de xuño Guimarei celebra a festa do lumeiro 2015 cunha gran cea ás 22h no Local Social do Outeiro, na parte traseira da igrexa parroquial. A festa céntrase na compoñente gastronómica que estará composta por sardiñas, chourizos, empanada e churrasco. Contarán tamén con música tradicional para amenizar a velada.
Imaxe de arquivo do lumeiro de 2014
igrexa de Guimarei

Andaravía Teatro de Vedra presenta esta fin de semana dúas novas pezas teatrais:::

Rosalía de Castro vive en cada galego que polo mundo ande, por iso "Eu son Rosalía", a nova proposta de Andaravía Teatro dirixida por Manolo Cortés e Paula Carballeira que se presenta este domingo 14 de xuño ás 20h no Centro da Terceira Idade de Vedra. Desta volta, a Asociación Papaventos decidiu crear unha obra específica tamén para os máis pequenos da casa, así é que o sábado 13 ás 20h representarán tamén "Brinca Contos", un espectáculo infantil creado desde Vedra.




A Cada Canto, este venres no III Ocafolk:::

Esta fin de semana Oca celebra as súas festas do Santo Antonio, a programación esténdese desde o venres 12 que celebrarán a 3ª edición do Ocafolk ata o sábado 13 que haberá unha verbena. Dentro do Ocafolk acturán A Banda da Balbina, A Requinta da Laxeira, Regato, Ce orquestra pantasma e A Cada Canto. O sábado pola mañá serán os actos relixiosos e actuará a Banda de Música Municipal da Estrada. Pola noite verbena con Assia e América.
A Cada Canto está composto por catro nomes coñecidísimos do panorama musical galego; Guadi Galego, Guillerme Fernández, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero. Nos seus currículos entrecrúzanse nomes de grupos históricos da cultura galega coma Fuxan os Ventos, Berrogüeto e máis actualmente o proxecto Espido, ou  Romero, Lamas e Baamonde. En Oca compartirán escenario coa festeira Banda da Ballbina que se dera a coñecer grazas ao coñecido Estomballada e que continúa animando as festas co seu espectáculo. Coma o que darán os de Sarandón, A Requinta da Laxeira que xa son ben coñecidos desta banda do Ulla. Cè o home-orquestra animará co seu espectáculo persoal a noite de Oca, así coma os Regatos de Callobre. 



Xa son 14 as hectáreas queimadas en Orazo:::

A parroquia de Orazo revivía na tarde de onte o horror do lume logo de que o incendio que se daba por controlado se reavivara, aumentando considerablemente a zona afectada. Desde a Consellería do Medio Rural informaron de que ás 2h da madrugada do domingo para o luns fora dado por extinguido, pero na tarde de onte tiveron que enviar novos efectivos posto que o lume reavivou e existía perigo tanto polo vento coma polas altas temperaturas de que este volvese amenazar o monte de Orazo. As consecuencias son de 12 hectáreas arboladas calcinadas e de 2 de monte baixo.
Lembramos que o lume se inciara na tarde do domingo ás 15h entre os montes das parroquias de Orazo e Agar. O lume chegou a estar moi preto das vivendas de Valiñas en Agar, aínda que a zona máis afectada foi o monte de Orazo, onde ardeu a maior parte da superficie.
O lume arrasou 8 hectáreas

8 de xuño de 2015

Un incendio arrasa o monte de Orazo e Agar:::

Na tarde de onte producíase un incendio forestal nos montes das parroquias de Orazo e Agar. Contra ás 15h comezaron os labores de extinción que se estenderon durante toda a tarde, ata o serán que foi cando os servizos de emerxencia o consideraron controlado. Arderon ao redor de 8 hectáreas e o lume estivo moi preto das vivendas de Valiñas en Agar, aínda que a zona máis afectada foi o monte de Orazo, onde ardeu a maior parte da superficie arborada. As altas temperaturas e o vento fixeron que houbese que mobilizar ata 11 brigadas de extinción e numerosos recursos de técnicos, motobombas, pas e tres helipcóptero así coma un hidroavión. Nada se sabe das causas do mesmo. A columna de fume podías apreciar desde toda a comarca.
O lume arrasou 8 hectáreas

Guimarei descobre os seus encantos:::

Torre de Guimarei

A parroquia de Guimarei foi a escollida pola Fervenza de Ouzande para celebrar a última ruta de primavera de 2015. Unhas vinte persoas congregáronse ás 10 da mañá de onte, domingo, para iniciar unha ruta de 13 quilómetros polos distintos camiños e pistas de Ouzande, Guimarei e A Somoza. As primeiras paradas foron para o románico da zona,  tanto na igrexa de Ouzande coma a Torre e Pazo de Guimarei. A seguir a casa grande da Algalia e a igrexa de Guimarei. Neste punto visitaron a escalinata barroca que xunto á Torre de Guimarei e á igrexa de Ouzande constitúen elementos moi identificables na obra gráfica de Castelao. O patrimonio de Guimarei fíxose protagonista, pasando tamén polo Pazo de Xerlís e pola presa deste mesmo lugar. 
A Torre de Guimarei son de titularidade privada e están en ruína, a primeira é do século XII e o pazo do XVII, destaca pola monumentalidade da súa pedra. O Pazo da Algalia tamén se atopa en situación de abandono e só se puido entrever no medio da maleza. A igrexa de Guimarei é de estilo barroco e destaca pola fachada e torre monumentais así como polas escaleiras inmortalizadas polo propio Castelao na súa obra gráfica. O Pazo de Xerlís é o único que se rehabilitou en 2012, trátase dun pazo do século XVII, vivenda residencial dunha familia de escribáns beneficiados polas rendas de foros propiciados pola Igrexa naquela época. Na súa fachada destaca o brasón familiar. Actualmente destinase á hostelería, sendo escenario de banquetes e grandes eventos. Ao lado desta construción centenaria parte unha das presas de rega da parroquia.
Con esta andaina, péchanse as saídas de primavera, pero as rutas da Fervenza de Ouzande continuarán no outrono-inverno, tal e como indicaron na propia actividade.

Cruzando Alemparte.
Cruzando auténticos escenarios de película
A andaina percorreu 13km

Pazo de Guimarei
Pazo da Algalia
Igrexa de Guimarei e Pedralba
Pazo de Xerlís, hoxe destinado á hostelería.
Visitantes que se cruzan nos camiños