29 de novembro de 2016

Cosmética e limpeza BIO en Ouzande:::

A conciencia co medio que nos rodea levou, unha vez máis, a Ouzande produtos de uso cotiá con filosofía ecolóxica. Ás veces a solución máis é a mellor. Así quedou demostrado no obradoiro que fixo Montse Fernández Búa baixo a organización da Fervenza de Ouzande o pasado sábado 26 de novembro ás 17.30h no Local Social da parroquia estraderense. Ademais das aprendizaxes impartidas pola propietaria da tenda bio Casa Xorxeira, houbo tempo de confeccionar xabóns de tocador ou de lavadora así coma produtos cosméticos. Foi unha iniciativa máis do programa cultural de outono da Fervenza de Ouzande.




24 de novembro de 2016

Esgótanse as prazas do "Obradoiro de produtos de limpeza e cosméticos naturais":::

A Fervenza de Ouzande vén de informar de que as prazas para o OBRADOIRO DE PRODUTOS DE LIMPEZA E COSMÉTICOS NATURAIS están esgotadas. Esta novidosa actividade será impartido por Montse Fernández Búa (Bio Casa Xorxeira) e tamén inclúe a elaboración de xabón de tocador, bálsamo de caléndula, xabón de lavadora.
A base deste obradoiro son os produtos totalmente naturais, e é que a actividade enmárcase dentro da liña que mantén a asociación á hora de divulgar e promover o respecto polo ambiente e a utilización de materiais reciclados.
A actividade desenvólvese no Local Social de Ouzande este sábado 26 ás 1730h.


17 de novembro de 2016

Cando o outono entra pola porta grande:::

Nos últimos días, a comarca da Estrada, está a rendirse ao encanto da estación na que anda instalada. O pasado sábado tocoulle á parroquia de Ouzande que organizou unha gran festa para recibir o outono como se merece. Contaron coa colaboración das Carabuñeiras de Santo André de Vea e de Recanto e Retrouso no apartado musical e coa dos socios que confecionaron distintos dóces con ingredientes de tempada. Houbo chourizos asados e castañas así coma un bar para apagar as sedes. A festa comezou ás 20.30h pero prolongouse ata altas horas da madrugada. Foi unha noite con moita asistencia de público e animación.





Teatro en Cerdedo este sábado ás 19.30h con DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO:::

Este sábado 19 de novembro o auditorio do Centro Cultural de Cerdedo acolle a representación da comedia TEIMAS da compañía estradense DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO.
 A obra ten unha duración aproximada de 75 minutos e non se recomenda para menores de 16 anos. Trátase dunha comedia de enredo que se desenvolve na consulta do Doutor Teixeiro e á que van chegando unha serie de personaxes con cadansua teima. A conversa entre os seis pacientes que agardan polo afamado doutor derivará nunha tola interacción chea de humor coa que máis de un se ha sentir identificado. 
 Esta función encádrase dentro da programación cultural do Exmo Concello de Cerdedo e supón a segunda cita neste municipio da compañía estradense, logo do éxito da representación da anterior obra "Eran outros tempos, ou non?" o 14 de marzo de 2015. 
 Desde a compañía, composta por coñecidos actores da comarca, salientan o éxito desta segunda producion que xa leva 12 funcións por toda Galicia, destacando o interese de moitos concellos por contar con esta obra nas súas programacións culturais e polos organizadores de mostras de teatro amador, que confían no bo facer dos estradenses. A función de TEIMAS no Centro Cultural de Cerdedo será con entrada gratuíta e dará inicio ás 19.30h, podendo ser retirados os billetes de balde na propia billeteira da sala.
 A seguir a Cerdedo, Disfunción xa ten previstas novas representacións, destacando a de Aguiño (Ribeira) o próximo sábado 26 ás 20.30h e en Portas o 4 de decembro ás 18.30h.


11 de novembro de 2016

Guimarei celebra o magosto facendo irmandade cos veciños de Ouzande:::

Dúas parroquias man con man, así foi o magosto da Asociación Cultural de Santa Apolonia de Guimarei. Os veciños reuníronse ao redor dunhas mesas nas que degustaron distintas viandas propias da época e recibiron aos músicos e cantantes da veciña parroquia de Ouzande que fixeron as delícias dos asistentes. A festa prolongouse nun ambiente cordial que levou ao local social do Outeiro, tras da igrexa de Guimarei a ser o lugar de irmanamento das dúas parroquias con motivo do Magosto 2016. Este sábado continúa a festa en Ouzande co magosto desta parroquia, na que contarán coas Carabuñeiras de Santo André de Vea.





Ouzande recibe o outono este sábado cunha foliada:::

A Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande continúa co seu programa "DE OUTONO", coa celebración da Festa de Outono que terá lugar este sábado 12 de novembro ás 20:30 da noite no Campo da Festa de Ouzande. No programa contarán con castañas asadas e viño novo de balde para todos os asistente e teñen a previsión de estrear algunhas novidades gastronómicas interesantes para facer unha festa máis doce para todos: -Degustación de pasteis e doces elaborados con castañas e produtos do outono cociñados por socios e socias. -Tamén instalarán un servizo de bar con chourizos asados a prezo módico para completar a festa. Non faltará a música cos compoñentes de RETROUSO, e co grupo de cancións RECANTO. Nesta ocasión contarán ademais coa participación musical do grupo de S. André de Vea, AS CARABUÑEIRAS DE VEA.

Disfunción Continua levará "Teimas" a diversos concellos galegos:::

No presente mes de novembro Disfunción Continua Teatro levará a obra "Teimas " a distintos concellos galegos, estas funcións permitirán que lugares como O Carballiño, Cerdedo ou Ribeira coñezan a última produción dos estradenses. A consulta dun eminente doutror galego será o escenario desta comedia de 80 minutos na que sete actores da zona se meterán na pel duns divertidos personaxes que vivirán situacións incribles no tempo que agardan polo doutor. 
As citas son este domingo día 13 no Carballiño ás 19h no Auditorio Municipal, o vindeiro sábado 19 ás 19.30h no Auditorio do Centro Cultural de Cerdedo e o sábado 26 en Aguiño (Ribeira) ás 20.30 e no Conservatorio de Aguiño. No mes de decembro tamén teñen prevista unha función o día 5 en Portas.