17 de novembro de 2016

Teatro en Cerdedo este sábado ás 19.30h con DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO:::

Este sábado 19 de novembro o auditorio do Centro Cultural de Cerdedo acolle a representación da comedia TEIMAS da compañía estradense DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO.
 A obra ten unha duración aproximada de 75 minutos e non se recomenda para menores de 16 anos. Trátase dunha comedia de enredo que se desenvolve na consulta do Doutor Teixeiro e á que van chegando unha serie de personaxes con cadansua teima. A conversa entre os seis pacientes que agardan polo afamado doutor derivará nunha tola interacción chea de humor coa que máis de un se ha sentir identificado. 
 Esta función encádrase dentro da programación cultural do Exmo Concello de Cerdedo e supón a segunda cita neste municipio da compañía estradense, logo do éxito da representación da anterior obra "Eran outros tempos, ou non?" o 14 de marzo de 2015. 
 Desde a compañía, composta por coñecidos actores da comarca, salientan o éxito desta segunda producion que xa leva 12 funcións por toda Galicia, destacando o interese de moitos concellos por contar con esta obra nas súas programacións culturais e polos organizadores de mostras de teatro amador, que confían no bo facer dos estradenses. A función de TEIMAS no Centro Cultural de Cerdedo será con entrada gratuíta e dará inicio ás 19.30h, podendo ser retirados os billetes de balde na propia billeteira da sala.
 A seguir a Cerdedo, Disfunción xa ten previstas novas representacións, destacando a de Aguiño (Ribeira) o próximo sábado 26 ás 20.30h e en Portas o 4 de decembro ás 18.30h.


Ningún comentario:

Publicar un comentario