Amosando publicacións coa etiqueta música. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta música. Amosar todas as publicacións

26 de decembro de 2019

Festa fin de ano da Escola de Música Tradicional de Ouzande:::

Profesorado e alumnado da Escola de Música Tradicional da Fervenza de Ouzande despediron o ano cunha cea de Nadal o pasado 13 de decembro no Restaurante O Xarro. Como xa vén sendo tradicional, a boa mesa e a mellor sobremesa estivo regada por boa música e mellor baile. As clases de pandeireta, baile, gaita, percusión, voz... reunen cada sábado no local social de Ouzande a centos de persoas desexosas de aprender máis das súas especialidades e xa xeraron, sen ser o seu obxectivo inicial, dous grupos de música; Retrouso e Recanto. 





16 de xuño de 2019

A Escola de Música Tradicional de Ouzande celebra o fin de curso cunha mexilloada:::

A Escola de Música Tradicional da Fervenza de Ouzande celebrou onte o peche do curso 2018/2019 cunha gran festa a base da demostración do bo facer aprendido no curso e co bo sabor do mar da Arousa con mexillóns cocidos fresquiños que os propios socios tiveron a ocasión de colaborar a elaborar. As actuacións comezaron co, grupo de pandeireteiras e cos gaiteiros e percusionistas, pero polo palco pasaron todas as disciplinas; baile, acordeón, canto... ata ben entrada a noitiña. 

As clases de música tradicional celébranse todos os sábados e están abertas a todo o mundo, non teñen a intención de crear grupos de música, senó naprender e pasalo ben coa música. Iso si, co tempo xa saíron destas clases grupos como Recanto ou Retrouso, quen este verán participará no Festival Intercléltico de Lorient con Invernía. Agora comeza un merecido descanso, pero nun par de meses volverán as aulas e a música ao Local Parroquial de Ouzande, as inscricións están abertas.







27 de setembro de 2018

Arranca o curso escolar de música tradicional en Ouzande:::

Co outono a parroquia de Ouzande énchese de cultura, co decrecer dos días comezan as clases de danza e músicas tradicionais que se celebran no local social do Campo da Festa. As disciplinas que se ofrecen son  acordeón, gaita, percusión, pandeireta, baile e canto tradicional. E non é novidade, pois xa se levan dando clases ininterrumpidamente desde o ano 2002. O "primeiro día de escola" vai ser este mesmo sábado 29 de outubro e sempre serán os sábados en distintos horarios. Están abertas tanto á veciñanza coma a calquera persoa desexosa de aprender a facer soar algún dos instrumentos propostos ou de iniciarse cos puntos e picados do baile tradicional. Para anotarse chega con inscribirse vía telemática a través do correo da organización, A Fervenza de Ouzande (carreirosouzande@gmail.com), tamén se pode facer na páxina do facebook https://www.facebook.com/afervenza.deouzande ou no blog www.carreiros.blogspot.com. Tamén se poden inscribir asistindo no horario que se indica a partir do próximo sábado 29 de setembro.

Falando sempre dos sábados, as disciplinas máis madrugadoras son gaita, percusión e acordeón que teñen os seguintes horarios ACORDEÓN 10:30 a 11:30 Profesor: Marcos Varela. GAITA (Iniciación) 11:30 a 12:30 Profesor: Marcos Varela. GAITA (Perfeccionamento) 12:30 a 13:45 Profesor: Marcos Varela. TAMBORIL (Iniciación) 10:30 a 11:30 Profesor: Xosé Martíns, Fofi TAMBORIL (Perfeccionamento) 11:30 a 12:30 Profesor: Xosé Martíns, Fofi 

Xa en horario de tarde temos PANDEIRETA (Iniciación) 17:30 a 19:00 Profesora: Silvia Martínez PANDEIRETA (Perfeccionamento) 18:30 a 20:00 Profesora: Silvia Martínez BAILE 20:30 a 22:00 Profesora: Silvia Martínez CANTO 22:00 a 23:00 Profesor: Marcos Varela.

26 de marzo de 2017

A Estrada, capital dos “Cantos de Taberna”:::

A Estrada convertiuse na xornada de onte na capital dos cantos de taberna, ao encher con grupos
chegados de toda Galicia os bares e tabernas da vila con música e cantos populares. Xornada festiva que se completou cunha feira de artesanía, onde os produtos feitos a man foron os protagonistas. Un total de 12 formacións musicais congregáronse contra ao mediodía na Praza do Concello, facendo unha multitudinaria procesión ata a Praza da Farola, lugar escollido para que cada grupo se desviase aos bares propostos, foron rotando cada media hora, favorecendo que a música e os cantos populares chegasen e todos os recantos da vila. Mentres tanto, na Travesía da Igrexa un total de 22 postos de artesanía completaban a feira sabatina con produtos feitos a man, con pedra, téxtil, orfebrería ou madeira como materia prima. As formacións procedían de localidades próximas como Lestedo (O Ghusto do Boi), Santiago de Compostela (Pana Raiada, Garatuxa e Muiñeiros do Sarela), Vedra (Son do Souto), Caldas de Reis (Fanfarria Furruxa), Marín (Salghariteiros) ou non tan próximas como Redondela (Ferrriña Furtiva) e, como non da Estrada (Retrouso e Recanto de Ouzande, Regatos e Os ke hai de Callobre, Tequexetéldere da vila) Todos eles pararon para xantar na Praza do Mercado e contaron con ata 13 tabernas, bares e cafeterías da Estrada que foron os palcos desta animada xornada festiva a cargo dos Cantos de Taberna.







11 de novembro de 2016

Ouzande recibe o outono este sábado cunha foliada:::

A Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande continúa co seu programa "DE OUTONO", coa celebración da Festa de Outono que terá lugar este sábado 12 de novembro ás 20:30 da noite no Campo da Festa de Ouzande. No programa contarán con castañas asadas e viño novo de balde para todos os asistente e teñen a previsión de estrear algunhas novidades gastronómicas interesantes para facer unha festa máis doce para todos: -Degustación de pasteis e doces elaborados con castañas e produtos do outono cociñados por socios e socias. -Tamén instalarán un servizo de bar con chourizos asados a prezo módico para completar a festa. Non faltará a música cos compoñentes de RETROUSO, e co grupo de cancións RECANTO. Nesta ocasión contarán ademais coa participación musical do grupo de S. André de Vea, AS CARABUÑEIRAS DE VEA.

25 de setembro de 2016

Arrancan as clases da Escola de Música Tradicional de Ouzande:::

Cunha reunión e unha merenda inaugurábase na tarde de onte o novo curso académico das clases de música e baile tradicional da Fervenza de Ouzande. Foi ás 18h nos baixos do local social da parroquia. Durante o transcurso desta xuntanza, o presidente do colectivo, Xabier Camba explicaba os pormenores das matrículas e inscricións así como prezos e profesorado. Marcos Varela será o docente de gaita, acordeón e canto tradicional, Xosé Martíns de percusión tradicional e Silvia Martínez de pandeireta e baile. Os horarios serán semellantes ao curso pasado abranguendo practicamente toda a xornada do sábado. Ao remate abriuse a secretaría para as novas incorporacións e matrículas ao tempo que se facía unha merenda de convívio entre os asistentes ao acto de inauguración deste curso. 
As persoas interesadas en participar nas clases poden aínda cubrir as vacantes que haxa libres, simplemente poñéndose en contacto coa entidade ou no teléfono 986 57 02 85 ou achegándose en horario de sábado á disciplina na que estea interesado. A vindeira semana comezan percusión, canto, gaita e acordeón e na semana seguinte baile e pandeireta.




22 de decembro de 2015

Callobre a ritmo de "Folk de Raíz":::

Cada segundo sábado de mes a vella escola de Callobre convértese nunha catedral do folclore e da festa da man da Asociación Cultural Regatos. A iniciativa pretende levar aos meses do inverno a intensidade da música da que tanto se pode gozar no verán a través dos festivais organizados nas distintas parroquias do municipio. 
A última cita foi o pasado sábado 12 de decembro e contou co apoio da gastronomía pois ofrecéronse callos e tortilla aos asistentes. A festa marcárona tres formacións ben diferentes. Por unha banda, e procedentes de Ponte Caldelas, a chaganga Airiños da Fracha fixo as delícias dos asistentes, elevando o nivel festivo ao máximo. A seguir, os veciños de Ouzande, reunidos baixo o nome de Recanto, botáronse a cantar, ofrecendo unha actuación memorable. Esta agrupación reúnese todos os sábados no local social de Ouzande nunhas clases de canto moi especiais, posto que xuntan a boa parte da veciñanza cos cantos tradicionais como interese común. Tamén se deixaron acompañar por músicos doutras disciplinas das escolas de música tradicional da parroquia. Na festa non podían faltar os acordes dos veciños de Callobre que se uniron en comuñón á impresionante romaría tradicional do pasado 12 de decembro. 
 A vindeira cita toca para o 9 de xaneiro, agardando a que "Folk de Raíz" faga público o anuncio e dea o nome dos artistas convidados.






10 de decembro de 2015

Airiños da Fracha e Recanto este sábado nas "Noites de Raíz":::

Callobre acolle este sábado día 12 unha nova edición das "Noites de Raíz". A organización tén prevista ademais a degustación de Callos e tortilla. A festa comezará coa charanga de música tradicional de Ponte Caldelas, Airiños da Fracha. A seguir os ouzandeses Recanto ofrecerán un concerto. Esta última formación local está formada por veciños e veciñas que participan nas clases de música tradicional da Fervenza de Ouzande. Nos últimos tempos están a actuar en numerosos festivais, de feito veñen de actuar a semana pasada na Nave de Vidán en Santiago de Compostela.
Con esta actividade, a asociación Folk de Raíz continúa co seu plan de inverno que consiste en ofrecer un serán mensual para gozar coa música tradicional todo o ano.
Airiños da Fracha

Recanto na Nave de Vidán o pasado venres 4 de decembro

4 de novembro de 2015

Ouzande celebra o magosto este sábado 7 de novembro:::

A parroquia de Ouzande celebra este sábado ás 20.30h a súa tradicional festa do outono. Esta actividade encádrase dentro da programación cultural da Fervenza de Ouzande que xa comezou con clases de música tradicional todas as fins de semana e un curso de labores relacionados co tecido.
A festa hase celebrar no Campo da Festa da parroquia e contarán coa animación de tres formacións musicais: Retrouso e Recanto de Ouzande e  o grupo de música tradicional de Santo André de Vea, AS CARABUÑEIRAS DE VEA. A gastronomía tamén ocupará un lugar destacado na festa xa que haberá unha exposición e degustación de froitos e sobremesas dóces da estación, elaboradas por socios da Fervenza de Ouzande. Esta degustación complétase cun servizo de bar e comidas como chourizos asados. A cita é ás 20.30h no Campo da Festa de Ouzande. 
imaxes de arquivo e cartel da actividade



29 de setembro de 2015

Ouzande retoma as clases de música e danza tradicional:::

Presentáronse nunha reunión o pasado sábado ás 17h e as clases comezan o vindeiro día 3 de outubro. As persoas interesadas aínda están a tempo de inscribirse poñéndose en contacto coa asociación ou acodindo en persoa ao local social da parroquia nas primeiras sesións de clases, sempre e cando queden vacantes nos distintos grupos. As disciplinas que se ensinan en Ouzande son baile tradicional, canto, percusión, acordeón, gaita e pandeireta. Para máis información pódese acceder ao sitio web da Fervenza de Ouzande.




22 de setembro de 2015

A Escola de Música tradicional presenta o novo curso:::


Será o próximo sábado ás  17:30 h no Local Social da parroquia. As clases que presenta A Fervenza de Ouzande este curso é de gaita, acordeón, percusión, pandeireta, baile e  cancións tradicionais. A asociación ouzandesa convida a quen queira achegarse a probar cos instrumentos tradicionais, o canto ou o baile. Nesta reunión darán máis información sobre o curso.


imaxe arquivo

14 de setembro de 2015

Fervenza festeira en Ouzande:::

O pasado venres 11 de setembro a parroquia de Ouzande acolleu unha exitosa edición da Fervenza de Músicas, tratouse da oitava edición deste festival herdeiro do desaparecido "Músicas da Terra" e no que a música se fai a pé de campo, sendo protagonista e ofrecendo numerosas sorpresas. Centos de persoas abarrotaron a partir das 22h as carpas habilitadas para degustar o tradicional polbo como para escoitar as distintas actuacións programadas. A primeira sorpresa foi o debut da charanga de Tequexetéldere, a agrupación municipal de música e baile tradicional presentou unha formación moi animada e coa que arrancou a festa. A continuación espectación ante Nai, unha formación moi orixinal liderada por Marcos Varela, profesor de gaita en Ouzande e que deleitou aos asistentes coa súas voces, teclados, acordeóns, percusión e ventos. Sonche Lerias, de San Xulián de Sales foron os seguintes en darlle forza á velada cun repertorio movido e alegre. A agrupación local de canto, Recanto foi a seguinte en actual, un conxunto de veciños de Ouzande que se reunen semanalmente para aprender a cantar e que desta volta deron un impresionante recital ante os seus propios veciños. Finalmente Retrouso foi o encargado de poñer o broche de ouro a esta cita, con pezas que seguramente se poderán escoitar no seu novo disco que xa está gravado e que en breves se poñerá á venda. O tempo respectou escrupulosamente a festa, quedando unha noite agradable de músicas en fervenza.





visualice todas as fotos do Portal de Ouzande clicando nesta imaxe... 
VIII FERVENZA DE MÚSICAS Ouzande 11.09.15

31 de agosto de 2015

Cinco grupos participarán na VIII Fervenza de Músicas o próximo venres 11 de setembro:::

Será o pistoletazo de saída das festas de setembro na parroquia de Ouzande. Cinco grupos conforman o cartel do festival que cada ano gaña máis adeptos. A cita é o vindeiro venres 11 de setembro no Campo da Festa de Ouzande ás 22h, hora en que comezarán a soar os primeiros acordes ao tempo que a gran carpa dun polbeiro acolle aos comensais que desexen comezar a festa con bo sabor de boca. Os primeiros en actuar serán os compoñentes da formación folclórica municipal da Estrada, Tequexetéldere que animarán o campo co cantos tradicionais da zona e co bo baile que vén representando á Estrada polo mundo adiante nos últimos anos. A agrupación Sonche Lerias de San Xulián de Sales (Vedra) tomaralles o relevo. O grupo Nai de Santiago e no que participan coñecidos músicos da zona coma Marcos Varela fará tamén un concerto dentro da Fervenza de Músicas. Non faltará a actuación dos incombustibles Retrouso que contarán coa colaboración do orfeón de canto tradicional de Ouzande, Recanto. No Campo instalarase unha carpa para que a friaxe da noite non enfríe a calor da música e do baile que de seguro leva a Fervenza de Músicas ata altas horas da madrugada. 
Este festival de música tradicional enmárcase dentro das festas do Socorro que continuarán durante toda a fin de semana, con distintas actividades tanto relixiosas como musicais e que terán o seu punto álxido o domingo 13 coa tradicional poxa das ofrendas á Virxe.