26 de agosto de 2014

O Tallo reclama a súa identidade:::

As reivindicacións identitarias non son patrimonio dos pobos sen estado. En Ouzande, o lugar do Tallo vén sufrindo desde hai tempo problemas co correo tradicional a causa da mala numeración das casas, pero sobre todo pola non consideración do Tallo como entidade de poboación por algúns organismos. 
A numeración postal das casas na parroquia fíxose desde o número 1 ata o que se precisase e por lugares, pero no Tallo operan varias liñas de numeración, o que provoca que haxa varios casos de dúas casas co mesmo número. Por outra banda, algunhas entidades non consideran O Tallo como entidade de poboación polo que poñen O Castro ou o Cano Sifón nas cartas, sendo o primeiro o nome doutro lugar e o segundo un elemento singular que hai próximo ao Tallo, na estrada de Forcarei, pero xa na Estrada. 
O Tallo é considerado hoxe polas súas características como unha entidade de poboación máis da parroquia, aínda que historicamente é unha das zonas máis novas. O Topónimo que tomou foi o do nome das terras  de labranza nas que se asentaron as primeiras casas, hoxe próximas ao casco urbano da vila e, polo tanto, unha zona que medrou moito no século XX. A complicación con Correos veu a causa de que varias vías cruzan a aldea como a estrada local de Ouzande ou as dúas pistas que discorren paralelas entre este vial e a estrada provincial A Estrada- Forcarei. 
Os veciños denuncian que teñen moitos problemas co correo, complicando a súa localización. Aínda que este problema foi exposto pola veciñanza ante diferentes organismos, parece que a solución é complexa ao implicar un esforzo na actualización de datos ou mesmo unha renumeración das casas desta zona da parroquia. Pero non só os veciños sofren as consecuencias desta situación, tamén o persoal de Correos e transportistas teñen que fiar fino para desenvolver o seu traballo, ao non se poderen fiar nin das numeracións nin dos nomes dos lugares e tendo que aprender o nome dos residentes de memoria ou recurrir ao vello método de preguntar casa por casa.

O Tallo, na entrada da parroquia experientou un crecemento poboacional importante.

Algunhas casas están numeradas polo vial no que se asentan.

Hai casas na mesma aldea co mesmo número.

Algunha zona foi rebautizada como Cano Sifón, estando este na estrada de Forcarei.

20 de agosto de 2014

Máxica noite no muíño en Ouzande:::

Ouzande celebrou o pasado sábado 16 de agosto unha festa moi particular ao pé do Muíño do Rubio. Trátase d´Unha noite no muíño, unha inicitiva promovida pola asociación A Fervenza hai máis de 10 anos trala limpeza desta zona e que se repite cada verán. As condicións metereolóxicas da presente edición acompañaron, propiciando que a contorna do muíño se fose enchendo de xente desde as 22.00h. Un pouco antes, ás 19.00h e no local social celebrábase un obradoiro de maquillaxe para axudar a caracterizar a quen desexase ir vestido para a ocasión. O camiño que dá acceso aos muíños desde Alemparte convertiuse nun goteo de xente que, en grupos, ía accedendo aos misterios da noite. Os extraños sons no medio da escuridade, as bruxas a espreitar polo medio das pólas dos carballos, mesmo algún aforcado íanlles dando a benvida. Xa na porta do muíño e contra as 23.00h tivo lugar un aquelarre de bruxas chegadas de distintos lugares do mundo e de diversas dimensións temporais. Alleas ás miradas dos festeiros, as meigas festexaron ante un demiño todas as maldades que tiñan realizado naquel día. A cea foi un tempo de falar e compartir manxares. Retrouso e Milgrandeira levaron a música á Fervenza, animando aos asistentes a puntear xotas e muiñeiras. Contra a 1.30h tivo lugar o conxuro da queimada  ante a mirada atenta dos asistentes. E ao remate máis música e cantos populares que aínda alongaron algo máis a festa na noite. 
Cea tipo pic-nic ao pé do muíño.

A cea foi espazo de falar e compartir manxares.

O Muíño do Rubio foise enchendo de xente.

Mesmo houbo quen viaxou anos atrás desde a máquina do tempo do Rubio.

Cea entre veciños e  amigos.

Unha vez ao ano, a Fervenza convértese nun lugar máxico.

Música e baile con Retrouso e Milgrandeira.

A festa alongouse na prácida noite de agosto.

Cantos perante os muíños.

Preparando a queimada.
As bruxas chegaron con vasoiras e aspiradores.
A Fervenza tivo á venda as camisolas "Faxión".

19 de agosto de 2014

"Galegas nas Letras" e no Areal de Berres:::

As traballadoras d´A Sega decidiron apretar con forza o mango do fouciño, erguelo e facelo rebrillar baixo o sol de agosto no Areal de Berres para evidenciar que as mulleres que cantan foron silenciadas secularmente.  A xeito de romeria e contra a unha do mediodía , Lara Rozados e Andrea Nunes leron o manifesto, que a xeito de pregón abriu a festa. O xantar foi compartido e de romería baixo os ameneiros, carballos e algarrobos do Areal. Contra as 16:30h Isabel Rei Sanmartín foi a encargada de pasear ao público polas letras e notas musicais que non moi lonxe de alí compuxo Avelina Valladares, falando e cantando, mesmo con axuda do público e da mesma Mercedes Peón. Paula Carballeira subiu ao palco para contar un par de historias coas que captou a atención do público e que conmoveron a máis dun e dunha. As mulleres que tradicionalmente transmitiron as letras e músicas das coplas da lírica popular volveron soar en Berres a ritmo de muiñeira ribeirana na voz de Mercedes Peón, quen dirixiu o protagonismo precisamente cara a esas mulleres silenciadas e que tanto aportaron ao noso imaxinario colectivo. Habelas Hainas levaron a música da gaita, tamboril, pandeireta e bombo a Berres e prolongaron a tarde de romería, animando ás bailadoras e bailadores a desafiar as irregularidades do terreo. Desta volta as homenaxeadas foron as mulleres que nos transmitiron o rico corpus da lírica popular galega e representadas por Dorothé Shubarth, quen recompilou moito deste material no Cancioneiro Popular Galego, pero o éxito desta primeria edición fai que a sega continúe. De feito as redes sociais convertéronse nun fervedoiro de comentarios que evidenciaron o bo ambiente e goce colectivo desta primeria seitura.
Lara Rozados e Andrea Nunes leron o manifesto.

O xantar foi a xeito de romería.
Isabel Rei, guitarra en man, facendo referencia ao Cancioneiro de Shubarth.

Público atento ás notas interpretadas por Isabel Rei.

Paula Carballeira sorprendeu con dúas historias moi entrañables.

Un voluntario colaborando con Paula Carballeira.

Muiñeira Ribeirana nas ribeiras do Ulla.

O público animouse a bailar a muiñeira ribeirana. 
Mercedes  participou activamente na festa.

Andrea Nunes recitou un poema composto para a ocasión.

Habelas Hainas montaron boa festa.

O Areal foi escenario dunha festa moi animada.

Aprendendo entre os fentos do Areal.

Couso botouse a bailar coas "Nosas Músicas":::

O baile foi o protagonista na XIX edición das "Nosas Músicas". A actividade comezou aló polas 5 da tarde con xogos populares, a medida que se ía chegando xente ao campo da festa de Couso tamén foron abrindo os postos dunha pequena feira de artesanía. Contra as 8 houbo un obradoiro de iniciación ao baile tradicional impartido por Marcos Botana, actividade que de seguro animou a máis de un a participar activamente no festival a ritmo de xotas e muiñeiras. Un pouco máis tarde, os membros de Tamparrantán fixeron mostra do seu bo facer nas clases de música e baile tradicional, con exhibición dos máis pequenos e maiores, esta mesma asociación abriu unha pequena exposición sobre indumentaria tradicional, xa contra a  noite houbo ruada ao pé do campo e á espera de que comezasen as actuacións no palco. O ambiente foi aumentando ata que se encheu o recinto festivo. As primeiras en tocar e cantar no escenario das Nosas Músicas foron as pandereteiras de Toutón que romperon o xeo presentando o seu disco, OS CARAPAUS ofreceron un completo concerto e puxeron a bailar aos asistentes. RADIO COS, liderado por Xurxo Fernandes e Quique Peón imprimíronlle máis ritmo á noite de Couso e introduciron aos asistentes na madrugada. A pesar de que o río Ulla ofrecía unha fresca humidade, os bailadores non se rendiron e seguiron ao ritmo dos Calandracas que animaron a pé de campo a festa. Os d´Abaixo foron os últimos en subir ao palco pero mantiveron a festa animada ata moi altas horas, e a cousa non decaeu porque ao remate aínda houbo forzas para festexar na cantina e no campo a ritmo de ruada os 19 éxitos que leva colleitados o festival das Nosas Músicas que con tanto esmero organiza a asociación A Xesteira.
Grupo infantil de Tamparrantán

Os adultos de Tamparrantán animaron ao baile pola tarde

O campo foise enchendo a medida que avanzou o festival.

Radio Cos presentando o seu primeiro disco en Couso.

Rodas de baile por todo o campo.

Cartel e Radio Cos.

Festa cos Calandracas.

Os d´Abaixo facendo festa en Couso.

actuación dos d´Abaixo en Couso.

11 de agosto de 2014

Nova noite "no muíño" este sábado 16 de agosto:::

Este sábado 16 de agosto Ouzande volve subir aos Muíños da Fervenza para celebrar a festa "Unha noite no muíño". As actividades xa comezan ás 19:30h no local social cun "obradoiro de maquillaxe" para todas as idades, trátase dun atelier de maquillaxe de cara para preparar aos asistentes que queiran participar caracterizados para a ocasión, non hai que levar nada específico, simplemente roupa negra. O paso seguinte da festa será subir ao Muíño do Rubio con comida para cear tipo pic-nic e seguidamente gozar da música e do baile tradicional que terá preparada A Fervenza de Ouzande, organizadora da festa. A actividade é gratuíta e aberta a todo o público, só hai que levar lanterna e algo para comer así como algún instrumento se se ten e recoméndase ir "caracterizado" con roupas propias da época na que os muíños aínda traballaban (anos 50). 


Velaquí un video de arquivo, así foi a festa "Unha noite no muíño" en... 2012!


O Areal de Berres acolle este venres os actos do "Día das galegas nas letras":::

cartel da actividade.
O Areal de Berres acolle o venres 15 unha singular festividade, trátase do "Día das galegas nas letras", unha romería moi particular organizada pola asociación "A Sega" e que ten como obxectivo honrar a figura de Dorothé Schubarth, unha musicóloga suíza que en 1984 chegou a Galicia para entrevistar mulleres e así recoller delas un importantísimo corpus musical publicado no Cancioneiro Popular Galego. A entidade organizadora pretende deste xeito facer visible o labor das mulleres no ámbito cultural. Escolleron este venres cadrando co día da "Nosa Señora" e o Areal de Berres como espazo bucólico onde desenvolver a xeito de romería unha actividade do máis singulare e interesante. Como o obxectivo é "saudar a dignidade da literatura de tradición oral e o labor silenciado de todas as cantadoras que lograron manter vivo até hoxe o acervo musical que nos alimenta" convidan á veciñanza a ir comer de romería. Toda persoa, familia e grupo que traia comida para partillar e a alegría do canto e do baile será benvida. Comezan ás 13.30.h coa presentación do acto e lectura dun manifesto ao respecto por parte das integrantes d'A Sega. Ás 14.00h comeza o "xantar compartido" para ás 16.00h facer festa coa intervención da contadora Paula Carballeira, madriña da Fervenza de Ouzande, Mercedes Peón, quen traballou arreo no eido da recollida de música tradicional, a guitarrista Isabel Rei e o grupo de pandereteiras Habelas Hainas. Terán megafonía con micrófono aberto para todas aquelas persoas que queiran cantar, tocar ou contar.
O Areal de Berres, lugar da actividade, ao pé do Río Ulla.
Áurea Rodríguez, quen nos anos 20 dirixiu "Os marabillas de Cartelle" facendo un gran labor que daquela estaba prohibido ás mulleres e que aínda hoxe non se coñece.

10 de agosto de 2014

Codeseda celebra a VII edición da feira medieval con Retrouso e Merecumbé:::

VII Feira Medieval de Codeseda.
A parroquia de Codeseda acolleu durante toda a xornada do domingo a VII edición da Feira Medieval no lugar da Sagrada. Xa pola mañá instaláronse sete postos na contona da carballeira. Aínda que a afluencia de público foi escasa polas malas condicións atmosféricas, contra as 11 aumentou o ambiente cos sons do grupo ouzandés Retrouso que deu un concerto na praza fronte á carballeira e tocou na procesión da misa que se celebrou ás 12. A intención da asociación Codeseda Viva, que organizaba o evento, era que o público asistise caracterizado con traxes medievais, pero infelizmente non houbo xente vestida para a ocasión. O que si funcionou e ben foi o posto dun polbeiro instalado para a feira e que estivo cheo ao mediodía. Pola noite estaba previsto un concerto do grupo Merecumbé. Con esta iniciativa a Asociación Codeseda Viva trata de recuperar a feira na aldea e revitalizar a economía da zona, ofrecendo un lugar de compras ambulantes e creando un atractivo para os visitantes.

Concerto de Retrouso no centro de Codeseda.
Entrada de Retrouso no adro da igrexa de San Xurxo de Codeseda.

Escaso público pola mañá.

Camiño da misa, ás 12.

Intensa fin de semana festiva en Ouzande:::

A parroquia de Ouzande viviu unha fin de semana en loita continua coa climatoloxía para poder desenvolver o programa festivo previsto. O venres e tras chover todo o día houbo unha tregua para as actuacións de Galilea e do humorista Isi. O polbeiro estivo a medio gas e as atraccións non conseguiron concentrar moito público no Campo.
As festas arrancaron coa Orquesta Galilea





O veciño de Arca, Isi, achegouse a Ouzande para amenizar co seu espectáculo a verbena do venres.
O sábado celebráronse as actividades relixiosas na honra a San Lourenzo, patrón de Ouzande. Actuou Retrouso e o trío Géminis amenizou a “sesión vermouth”.
Imaxe de San Lourenzo ao inicio da procesión.
Retrouso tocou na procesión e animou a saída da misa.

O animado trío Géminis actuou na sesión vermouth.

A sesión vermouth foi no Campo da Festa.
Xa pola noite e tras unha tarde de xantares nas casas da parroquia volveu Géminis acompañado de Togayán ao Campo da Festa para animar a noite, un pouco máis concurrida e agradable. O domingo volvería a chuvia, aínda que se mantivo a programación. Pola mañá a charanga Os Atrevidos amenizaron a festa con pasarrúas e un pequeno concerto na “sesión vermouth”. No adro da igrexa, ao pé do centenario cruceiro instalouse unha gran alfombra floral que impresionou á veciñanza ao recoller como motivo a propia igrexa románica vista desde a ábsida. 

Os Atrevidos animando a sesión vermouth.
Alfombra floral que reproduciu o propio templo ouzandés.
Vista aérea do cruceiro e maila alfombra que sorprendeu aos asistentes.
Pola tarde e desafiando á chuvia, un grupo de rapaces e rapazas de Ouzande foron ao Campo ante a convocatoria do “Gran Xogo do Caldeiro Penzo”. A Fervenza de Ouzande, organizadora da actividade, substituíu esta gran actividade por unha divertida tarde de xogos baixo a carpa instalada no Campo da Festa e na que se animaron a participar todos os asistentes. O xogo previsto queda adiado e será debidamente anunciado.
O xogo da corda animou aos adultos a xogar.

A carpa do polbeiro serviu de escenario do xogo.
A choiva non freou a diversión en Ouzande.

 Contra as 21:00h pechábase a programación e polo tanto poñíase punto e final ás festas patronais deste ano. As próximas citas festivas da parroquia serán vindeiro sábado 16 con “Unha noite no muíño” e na segunda fin de semana de setembro coas festas do Socorro.