O baile foi o protagonista na XIX edición das "Nosas Músicas". A actividade comezou aló polas 5 da tarde con xogos populares, a medida que se ía chegando xente ao campo da festa de Couso tamén foron abrindo os postos dunha pequena feira de artesanía. Contra as 8 houbo un obradoiro de iniciación ao baile tradicional impartido por Marcos Botana, actividade que de seguro animou a máis de un a participar activamente no festival a ritmo de xotas e muiñeiras. Un pouco máis tarde, os membros de Tamparrantán fixeron mostra do seu bo facer nas clases de música e baile tradicional, con exhibición dos máis pequenos e maiores, esta mesma asociación abriu unha pequena exposición sobre indumentaria tradicional, xa contra a noite houbo ruada ao pé do campo e á espera de que comezasen as actuacións no palco. O ambiente foi aumentando ata que se encheu o recinto festivo. As primeiras en tocar e cantar no escenario das Nosas Músicas foron as pandereteiras de Toutón que romperon o xeo presentando o seu disco, OS CARAPAUS ofreceron un completo concerto e puxeron a bailar aos asistentes. RADIO COS, liderado por Xurxo Fernandes e Quique Peón imprimíronlle máis ritmo á noite de Couso e introduciron aos asistentes na madrugada. A pesar de que o río Ulla ofrecía unha fresca humidade, os bailadores non se rendiron e seguiron ao ritmo dos Calandracas que animaron a pé de campo a festa. Os d´Abaixo foron os últimos en subir ao palco pero mantiveron a festa animada ata moi altas horas, e a cousa non decaeu porque ao remate aínda houbo forzas para festexar na cantina e no campo a ritmo de ruada os 19 éxitos que leva colleitados o festival das Nosas Músicas que con tanto esmero organiza a asociación A Xesteira.
|
Grupo infantil de Tamparrantán |
|
Os adultos de Tamparrantán animaron ao baile pola tarde |
|
O campo foise enchendo a medida que avanzou o festival. |
|
Radio Cos presentando o seu primeiro disco en Couso. |
|
Rodas de baile por todo o campo. |
|
Cartel e Radio Cos. |
|
Festa cos Calandracas. |
|
Os d´Abaixo facendo festa en Couso. |
|
actuación dos d´Abaixo en Couso. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario