16 de marzo de 2013

Retrouso fixo soar "OU" nos Seráns en Compostela:::

Santiago de Compostela volveu acoller as sesións nocturnas de música e baile tradicional que se viñan celebrando na Sala Nasa baixo o nome "Seráns da Nasa" mais desta volta con nova ubicacións; a Nave de Vidán e novo nome "Seráns en Compostela". A novidade é que se imparten ao inicio unhas aulas de baile tradicional para que todo o mundo se poida poñer a bailar ao son dos distintos músicos que animan a velada. Desta volta, e para a estrea, quixeron contar con Retrouso quen deu boa conta das pezas do seu disco "OU" levando un anaquiño de Ouzande ao barrio compostelán de Vidán. Logo dos bailes ao son dos "Retrousos" tamén actuou a mítica formación Ultreia e presentaron as músicas do Ghusto do Boi. Ao remate houbo música con mesturanza de formacións e instrumentos ata altas horas, a pesar de ser xoves e o venres ser día laborable. 






14 de marzo de 2013

Esta noite Retrouso participa nos "Seráns en Compostela":::

Hoxe, xoves 14, o grupo local Retrouso actuará na "Nave de Vidán" xunto con outras formacións de carácter tradicional no que se coñece como "Seráns en Compostela". No cartel aparecen as formacións "Ultreia", "O Ghusto do Boi" e "Retrouso". A velada comeza ás nove e media cun obradoiro de baile tradicional impartido pola profesora Eva Barona de Ultreia, a seguir (10.30) é o turno dos ouzandeses que presentarán as pezas do seu disco OU. Ás 11.15 o grupo de música e baile Ultreia dará conta do seu bo facer deixando para a medianoite a actuación do Ghusto do Boi. Ao remate haberá foliada tradicional ata que "o corpo aguante".
A "Nave de Vidán" está en Santiago de Compostela, na Avenida Mestra Victoria Míguez, á altura do número 44, próximo ao Hospital Clínico e ao Campus Sur da USC.
Cartel do evento
Retrouso na actuación de presentación de OU no Teatro Principal da Estrada
mapa coa ubicación da "Nave de Vidán"

13 de marzo de 2013

A neve deixouse ver timidamente en Ouzande:::

Unha fina nevada cubriu hoxe a parroquia de Ouzande. A vaga de frío polar procedente da rexión escandinava xa se comezou a sentir na tarde de onte cun descenso imparable das temperaturas, deixando os ceos despexados durante a noite e provocando unha forte xeada, xa contra a mañanciña a neve caída callou con forza nas veigas e tellados ouzandeses pero como as precipitacións non foron abondosas, as folerpas non causaron problemas na rede viaria. O que si houbo hoxe foi unha fermosa estampa de inverno para alegría de pequenos e maiores.  As previsións de Meteogalicia falan dun ascenso da cota de neve ao longo do día, deixando temperaturas baixas pero sen máis neve. Este episodio climatolóxico súmase ás intensas chuvias, sarabias e ventos fortes dos últimos días que están a converter no presente inverno nun dos máis húmidos e desapacibles dos últimos anos. 


10 de marzo de 2013

Entrevista musical a Miguel Carbajal:::

Reproducimos unha entrevista realizada por Sara Valcárcel a Miguel Carbajal, veciño de Ouzande e profesor de Música no IES Manuel García Barros. Achéganos unha serie de reflexións sobre o mundo da educación e da música.

8 de marzo de 2013

O local social convírtese no escenario dunha película de terror:::

O local social de Ouzande vén de convertirse nun plató cinematográfico da man de Abel Carbajal. O novo cineasta rodou a curtametraxe "Cirujano" en distintas localizacións da Estrada, correspondéndose a de Ouzande á parte máis impresionante da cinta. O trailer foi estreado o pasado 2 de febreiro no Teatro Principal da Estrada ás 20.30h. Na película participan diversos actores coñecidos na comarca e algún veciño da parroquia: Gonzalo Valcárcel, Paula Aboy e Martín Riveira (Martín do Cereiro). Esta é xa a segunda cinta que presenta Abel Carbaljal, logo do éxito colleitado tralo filme TE PILLÉ que foi presentado no Teatro Principal da Estrada e que contou coa participación de distintos veciños de Ouzande.