Amosando publicacións coa etiqueta Oca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Oca. Amosar todas as publicacións

15 de xuño de 2015

O concerto de despedida de “A Cada Canto” abriu o III Ocafolk:::

Concerto despedida de A Cada Canto en Oca
A parroquia de Oca viviu unha intensa fin de semana festiva coa celebración tanto do III Ocafolk así coma coa festa de Santo Antonio. A Praza de Oca acolleu o pasado venres o concerto de despedida de “A Cada Canto”, un marco incomparable ao que se achegaron os seus incondicionais seguidores así coma o numeroso público que quixo gozar co Ocafolk. Tralas actuacións destes e de Cé, Orquestra Pantasma fóronse sucedendo no palco os distintos grupos que conformaban o cartel: A Requinta da Laxeira, A Banda da Balbina e os Regatos alongaron a festa ata altas horas da madrugada. O Pazo de Oca foi testemuña dos cantos que ecoaron na praza, así coma dos improvisados bailes ou da oferta gastronómica ofrecida por un polbeiro. O sábado 13, día do Santo e diante xusto da capela do mesmo, celebrouse a verbena coas formacións Assia e América.

Xosé Lois Romero, Guadi Galego, Xabier Díaz e Guillerme Fernández
O concerto arrancou coa interpretación de varios poemas de Rosalía de Castro
A Cada Canto comezou a festa
O público ateigou a praza.
Público no III Ocafolk
Entre actuacións animación de Cé, o home orquestra. Foto de Ocafolk
A Banda da Balbina. Foto de Ocafolk
A Requinta da Laxeira. Foto de Ocafolk
Regatos, foto de Ocafolk
A Praza de Oca acolleu os festexos

9 de xuño de 2015

A Cada Canto, este venres no III Ocafolk:::

Esta fin de semana Oca celebra as súas festas do Santo Antonio, a programación esténdese desde o venres 12 que celebrarán a 3ª edición do Ocafolk ata o sábado 13 que haberá unha verbena. Dentro do Ocafolk acturán A Banda da Balbina, A Requinta da Laxeira, Regato, Ce orquestra pantasma e A Cada Canto. O sábado pola mañá serán os actos relixiosos e actuará a Banda de Música Municipal da Estrada. Pola noite verbena con Assia e América.
A Cada Canto está composto por catro nomes coñecidísimos do panorama musical galego; Guadi Galego, Guillerme Fernández, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero. Nos seus currículos entrecrúzanse nomes de grupos históricos da cultura galega coma Fuxan os Ventos, Berrogüeto e máis actualmente o proxecto Espido, ou  Romero, Lamas e Baamonde. En Oca compartirán escenario coa festeira Banda da Ballbina que se dera a coñecer grazas ao coñecido Estomballada e que continúa animando as festas co seu espectáculo. Coma o que darán os de Sarandón, A Requinta da Laxeira que xa son ben coñecidos desta banda do Ulla. Cè o home-orquestra animará co seu espectáculo persoal a noite de Oca, así coma os Regatos de Callobre. 



6 de marzo de 2015

Oca celebra a II Ruta Cabalar o próximo sábado 21 de marzo:::

Trátase dunha ruta cabalar organziada pola comisión de festas de Oca e que percorrerá distintos puntos de Oca, Riobó, Berres e Moreira. Comezará ás 10 da mañá do Campo de Chancelas, a ruta levaraos ao Pazo de Oca, Riobó e o Areal de Berres onde farán un avituallamento. O roteiro continuará cara á Mouteira para dar regreso ao Campo de Chancelas onde terá lugar un xantar de confraternidade sobre as 14h.
Fotos Cabaleiros de Riobó
arquivo I Ruta Cabalar




Oca saboreou o Entroido ao ritmo dos Xenerais:::

Moito máis alá dos monumentais xardíns flanqueados por buxos históricos, Oca demostrou que ten moito máis que ensinar, foi o pasado sábado 21 de febreiro cando a parroquia se converteu en escenario dos "Xenerais 2015". A festa comezou pola mañá, a partir das 10h as carrozas e mailos xenerais comezaron o percorrido pola parroquia. Pola tarde concentráronse diante do colexio para realizar o atranque central que estivo adoviado con mimo polos nenos que ofreceron as batallas dialécticas dos "minixenerais". Ao final houbo unha nova actuación do Padre Xiao, que xa dera a súa bendición no martes de Entroido da Estrada. Oca contou, ademais, cunha "masterclass" de Zumba por cortesía de Sondodance e cunha edición particular do programa de TV "Tu cara me suena". A organización dotou o recinto dunha gran carpa que protexeu aos festeiros do frío e da humidade.
Ao mesmo tempo, en Santeles tamén se celebraba o Entroido, que se estendeu ao domingo. Estes foron un pouco máis polémicos posto que nas "críticas" dos xenerais e correos houbo alusións a veciños e políticos locais que provocaron certo malestar por trascender o xogo dialéctico dos Xenerais.
Con estas dúas festas descansan vivas e traxes ata o próximo ano.
Fotos cedidas por veciños de Oca