22 de xuño de 2019

Ouzande ofrece unha festa do Lumeiro, diferente:::

Unha festa... diferente, así o vén de anunciar a organización, a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande. Trátase da celebración do Lumeiro que cada 23 de xuño, desde a tarde leva ao Campo da Festa desta parroquia o espírito máxico do solsticio de verán. Un verán recén encetado e que vén de poñer a todas as entidades organizadoras de eventos deste estilo entre as cordas, pois as previsións metereolóxicas non eran ata onte moi estivais. Finalmente o tempo permitirá que as lumieiras de San Xoán queimen males e purifiquen o aire. Pero, por que o Lumeiro de Ouzande é tan diferente? pois por xenuíno, rescatamos un video de 2012 no que contabamos nesta mesma plataforma como se celebraba daquela esta festividade. E segue sendo igual, esa é a particularidade. O Lumeiro de Ouzande mantense fiel á tradición. É unha festa colectiva, acolledora e participativa. Veciños, festeiros, curiosos, todo o mundo é benvido. Non hai barullo electrónico, só o son da natureza, o poder do lume e da conversa, hai espazo para a maxia e para que o mundo se para aos nosos pés.
Comeza xa pola tarde, están convocados todos os que así o desexen a recoller as herbas do San Xoán coas que se realiza a pócema máxica coa que comeza o ritual. Xa só aprender as propiedades e os nomes das herbas é todo un logro. E a seguir vanse congregando no Campo da Festa veciños e extraños para participar ao carón do lume, cunhas varas de loureiro van asando os seus chourizos e van ceando informalmente mentres comparten conversa, coñecen e recoñecen aos veciños cos que non cadran en tempo... a terapia da conversa é fundamental pero tamén a de deixar escritos nuns papeis eses males que se queren queimar, irán no saco do Home do Saco para o lume, e non o fan de calquera maneira; unha procesión nocturna que acaba no LUMEIRO, unha pira de lume que devora todo o negativo que cadaquén quere alí deixar... e que dá comezo á música e ás danzas tradicionais. A mellor maneira de darlle a benvida ao verán, dun xeito positivo e conectado coa natureza. Por iso, por iso é DIFERENTE, porque o máis natural xa non o é, e teno que ser.

Resultado de imaxes para lumeiro ouzande


16 de xuño de 2019

A Escola de Música Tradicional de Ouzande celebra o fin de curso cunha mexilloada:::

A Escola de Música Tradicional da Fervenza de Ouzande celebrou onte o peche do curso 2018/2019 cunha gran festa a base da demostración do bo facer aprendido no curso e co bo sabor do mar da Arousa con mexillóns cocidos fresquiños que os propios socios tiveron a ocasión de colaborar a elaborar. As actuacións comezaron co, grupo de pandeireteiras e cos gaiteiros e percusionistas, pero polo palco pasaron todas as disciplinas; baile, acordeón, canto... ata ben entrada a noitiña. 

As clases de música tradicional celébranse todos os sábados e están abertas a todo o mundo, non teñen a intención de crear grupos de música, senó naprender e pasalo ben coa música. Iso si, co tempo xa saíron destas clases grupos como Recanto ou Retrouso, quen este verán participará no Festival Intercléltico de Lorient con Invernía. Agora comeza un merecido descanso, pero nun par de meses volverán as aulas e a música ao Local Parroquial de Ouzande, as inscricións están abertas.







Ouzande descubre os segredos das comarcas de Mondoñedo e Meira:::

Foi o pasado domingo 9 de xuño cando unha nutrida representación veciñal de Ouzande emprendeu viaxe rumbo ao norte de Lugo para coñecer varias das xoias que atesouran estas terras. Pola mañá foi San Martiño de Mondoñedo, a primitiva sé episcopal que a día de hoxe ofrece tanto esculturas como pinturas murais de grande valor patrimonial, a visita foi guiada e isto axudou moito a comprender mellor a sé catedralícia máis antiga do sur de Europa. A seguir, tralos pasos de Álvaro Cunqueiro, fíxose unha visita ao núcleo urbano da cidade de Mondoñedo, centrada na Casa- Museo do ilustre autor mindoniense. O xantar foi en Meira, no Cabanón que o Concello de Meira tivo a ben dispoñer para poder facer unha comida convivencia entre a veciñanza. Pola tarde, a guía de Meira, Joani, encandilou aos ouzandeses cos misterios e curiosidades da antiga igrexa monacal de Meira e axudou a entender a importancia e arquitectura daquel mosteiro, hoxe reconvertido en igrexa parroquial, casa parroquial e Casa do Concello. A vida monacal deu paso a un momento máxico como foi a visita ao nacemento do Río Miño, en Irimia, unha morrena glacial cargada de lendas e historias que os ouzandeses foron coñecendo ao tempo que descubriron o espectacular Pedregal de Irimia primeiro e a lagoa de Fonmiñá despois. O regreso á casa foi desde este punto do Concello da Pastoriza. A pesar das horas en autobús que supuña esta viaxe, resultou moi satisfactoria e deixou moi bo sabor de boca.

Joani, guía de Meira explicando os segredos do Mosteiro.
Descubrindo a casa de Álvaro Cunqueiro.

xantando no Cabanón.

Obra monumental na porta de Santa María de Meira, ferraxe datada en época medieval.

Santa María de Meira.


Pedregal de Irimia.

4 de xuño de 2019

Prazas libres para a excursión anual de Ouzande:::

Ouzande marcha de excursión, será este domingo, e farao a Mondoñedo e a súa contorna. A Fervenza de Ouzande, organizadora desta emblemática cita anual do colectivo vén de desvelar que queda algunha vacante libre para poder participar nesta actividade, está aberta a socios e non socios, simplemente hai que poñerse en contacto coa asociación mediante o correo electrónico ou facebook ou ben chamando á taberna de Ouzande. 
habitualmente as prazas esgótanse en cuestión de horas, pero desta ocasión aínda é posible anotarse. A excursión anual da Fervenza de Ouzande é unha das actividades máis demandadas e agradecidas e pretende crear un espazo de convivencia veciñal e achegados con xentes doutros puntos de Galicia, así como dar a coñecer territorios da xeografía galega desde unha perspectiva orixinal.
Nesta ocasión realizarán unha visita ao Santuario de San Martiño de Mondoñedo, en Foz e a continuación descubrirán as terras de Álvaro Cunqueiro, Mondoñedo. Sen embargo, o xantar e a tarde serán en Meira, onde coñecerán o seu mosteiro, xantarán e terán a oportunidade de descubrir un dos lugares máis senlleiros de Galicia, o nacemento do Río Miño, coas súas lendas e historias. A saída é o domingo ás 08.30h da mañá diante da igrexa parroquial.

Casa de Álvaro Cunqueiro coa catedral de Mondoñedo en fronte
Nacemento do románico en Galicia en San Martiño de Mondoñedo


Pinturas medievais en San Martiño de Mondoñedo

Fonte de auga santa

Meira

Meira

Sardiñas e charanga para celebrar o Santo Antonio:::

O vindeiro sábado 8 de xuño, a parroquia ouzandesa celebra a festividade de Santo Antonio. E farao a partir das 20.30h que terá lugar unha misa rezada na honra do patrón dos animais no interior do templo parroquial. A igrexa románica de Ouzande será testumuña á finalización dos actos relixiosos dunha festa baseada na degustación de sardiñas. Esta animación estará musicada pola charanga BB+. A festa é gratuíta e con ela a parroquia ouzandesa inicia os festexos de verán que terán continuación en agosto coas festas patronais e rematarán en setembro coa Romaría do Socorro. Nesta ocasión a celebración de Santo Antonio faise en sábado, cando o habitual era en venres. É unha iniciativa organizada pola Xunta Parroquial de Ouzande.