30 de xullo de 2010

O "Mago Toño" actuará nas festas de Ouzande 2010:::

A Fervenza de Ouzande vén de anunciar que dentro das Festas Patronais haberá unha actuación de maxia. O espectáculo será o domingo día 8 ás 7 e media da tarde no local social. O artista convidado ás festas ouzandesas é o estradense MAGO TOÑO que xa actuou na parroquia hai uns anos con moito éxito tanto de participación como de crítica. Desta volta anúnciase un espectáculo máis completo e dirixido a todas as idades. Máis información no blog da asociación cultural.

27 de xullo de 2010

"unha noite no muíño" celebraráse de día:::


A festa UNHA NOITE NO MUÍÑO, organizada pola asociación cultural A Fervenza de Ouzande trae moitas novidades para a presente edición. Por unha banda cambia de data. Víñase celebrando a finais de agosto e desta volta será o Sábado 31 de xullo. A outra grande novidade é que se vai facer de día, será un xantar ás dúas do mediodía no Muíño do Rubio. Será por iso que o moucho dos carteis mudou os seus grandes ollos por uns lentes de sol.
A organización promete sorpresas, na carta enviada polas casas fala dunha "inauguración" con trazas humorísticas. Haberá que ir para ver que se coce e para pasar unha animada velada entre veciños

21 de xullo de 2010

verán a ritmo de festas en Ouzande:::


A nosa parroquia inaugurou o ciclo festivo do verán co LUMEIRO 2010, foi o pasado 23 de xuño, nunha noite clara que empuxou o lume cara o ceo, levando con el ao temido home do saco. Non faltaron flores, auga, chourizos e música para amenizar unha das festas máis agardadas do ciclo festivo.
A próxima cita será o sábado 31 de xullo, ao mediodía. Nesta ocasión celébrase "unha noite no muíño" que, desta volta, será de día cun xantar veciñal ao pé do Muíño do Rubio. A organización promete sorpresas.
Unha semana despois serán as festas patronais as protagonistas cun festival folclórico na noite do venres e a actuación dunha orquesta e dun trío musical na noite do sábado. O domingo haberá música de día e unha actuación pola tarde.
O remate do verán será coas Festas do Socorro cando teña lugar o festival "Fervenza de Músicas" xunto con outras actuacións musicais e a agardada "poxa" das ofrendas á Virxe.