26 de xaneiro de 2013

Manuel Pereira presenta o seu libro en Zaragoza e Madrid:::

O pasado 3 de xaneiro, o poeta ouzandés Manuel Pereira Valcárcel, presentaba na súa terra natal INTERIOR CON FROITEIRO E FERIDAS, agora daráo a coñecer tamén na terra na que vive na actualidade, Madrid e no escenario ao que se vinculan os poemas do libro; Zaragoza. A primeira cita será no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense de Madrid;  o día 7 ás 7.30 do serán. No acto participarán o historiador José Mª Gago González, a escritora Begoña Regueiro Salgado e mailo propio autor. 
O seguinte acto de presentación será na capital maña e Manuel Pereira contará coa compaña de Antón Castro, Nazareth Fernández Teno e Ana Cristina Lapiedra. Será no CEIP Joaquín Costa o sábado día 16 ás 7 da tarde. Esta presentación será especialmente emotiva pois o poemario reflicte vivencias persoais do ouzandés no momento en que se tivo que desprazar a un internado desta cidade trala morte de súa nai. Contará co colaboración de Ana Cristina, quen non puidera estar na presentación ouzandesa. 
Manuel Pereira no acto de presentación do poemario en Ouzande

Tarde de contas e experiencias en Ouzande:::

A Fervenza de Ouzande celebrou o pasado domingo, día 20 de xaneiro a súa asemblea anual. A convocatoria, que era para as 5 da tarde, comezou no local social da parroquia cun nutrido número de asistentes. Xabier de Camba, presidente da asociación presentou o informe de actividades realizadas no ano 2012, destacando o aumento de participación por parte dos socios en varias das actividades. Rosa de Cabanas, tesoureira da asociación fixo a presentación das contas, indicando que a ese día había un saldo positivo e que a meirande parte dos ingresos proceden das cotas de socios. Acordouse retomar a edición da revista "Carreiros" que é a acción cultural que máis diñeiro precisa para saír adiante. Durante o transcurso do acto proxectouse un video que recollía imaxes inéditas da actividades da entidade nese período. Para rematar proxectouse un estracto doutro video, o da presentación do disco OU de Retrouso no Teatro Principal, en homenaxe a este "fillo" da asociación que no ano pasado presentou este traballo e que está a ter moi boa acollida. 
Cando a asemblea xa ía poñer o seu punto e final, o nutrido grupo de cantareiros e cantareiras que semanalmente asisten ás clases de canto con Marcos Varela animáronse a botarlle un par de "pezas" que recollemos neste video. Ao final quedou o sabor dóce do chocolate con rosca e outras viandas que animaron ao público a compartir conversa. O acto alongouse finalmente bastante no tempo grazas ao bo ambiente reinante e á agradable conversa coa que rematou a xuntanza.
Alumnado de canto

socios ao inicio da asemblea


19 de xaneiro de 2013

Mañá A Fervenza de Ouzande celebra a súa Asemblea Xeral:::

A Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande celebrará mañá a súa Asemblea Anual. Terá lugar ás 5 e media da tarde no local social. No transcurso da mesma expoñerán un informe sobre as actividades realizadas durante o ano 2012, presentarán as contas dese exercicio e estimarán a previsión para o presente.  Ao remate convidan aos socios a unha merenda con chocolate quente e biscoitos. Destacan a importancia da asistencia pois é bo para a boa marcha da asociación. Tamén lembran desde A Fervenza de Ouzande que xa están na Taberna de Ouzande os recibos deste ano e mailos dos anos anteriores para quen aínda non os pagara.
Imaxe da Asembela Xeral do exercicio anterior

5 de xaneiro de 2013

A III Festa do Cartel outórgalle o 3º posto ao cartel das festas da Estrada:::

O cartel das festas do San Paio da Estrada non só chegou á final da III Festa do Cartel, organizada polo portal "Galicia en Festas" de Facebook, senón que quedou no 3º posto. Desde esta rede social destacan que "Destaca o seu deseño innovador co cal se creou unha imaxe completa para a festa, onde o mesmo deseño engalanaba as rúas con globos rosas". Nos comentarios hai moitas loanzas a este deseño. Hai que ter en conta que as persoas que votan son as que teñen perfís en facebook e son maioritariamente aqueles dos lugares aos que fan referencia as festas, por iso hai que destacara a boa acollida que tiveron os "globos" e a promoción das festas da Estrada a través deste cartel e do concurso.
Rosa de Cabanas é a deseñadora que creou a imaxe do San Paio 2012. A súa participación neste concurso foi involuntaria, pero aínda así amósase contenta polo recoñecemento e pola identificación que tivo a xente cos seus deseños. Pódense ver máis no seu sitio web www.rosadecabanas.eu.

3º posto para o cartel das festas da Estrada


Hoxe rematan os traballos de movementos de terra no Campo da Festa:::

Durante a tarde de onte e mais toda a xornada de hoxe estanse a facer os traballos de movemento de terra no Campo da Festa de Ouzande, uns labores que pretenden mellorar o firme do recinto. A terra, que desde hai tempo, se acumulaba en varias moreas, foi extraída do Colexio Público de Pérez Viondi e cedida á parroquia para a mellora deste espazo. O motivo polo que se demoraron estes traballos foi a climatoloxía, posto que eran precisos días solleiros e secos para achanzar a terra. A promotora destas obras é a Xunta Parroquial, quen tamén ten pedida semente de herba ao Concello para que durante a primavera e verán o Campo de Baile estea nas mellores condicións posibles. As seguintes intervencións no Campo serán as obras de construción dun almacén anexo ao local social.

O Campo da Festa de Ouzande está a ser obxecto de obras de mellora

Rescatan un veciño do Tallo tras sufrir un infarto:::

O noso veciño José Fernández López non acudiu onte ao seu traballo. O seu xefe, extrañado pois é unha persoa moi cumpridora, chamouno para preguntar por el. No momento en que colleu o teléfono non vía dun ollo e explicou que se atopaba moi mal. Alertado por isto, o xefe chamou ao 061 explicando a situación. Os sanitarios tentáronse poñer en contacto con José pero xa non foi posible. Así, pouco antes das dez da mañá activouse un protocolo de emerxencia para rescatar ao ouzandés. Acodiron diversos medios; unha ambulancia, a Garda Civil, unha unidade de Protección Civil. Para acceder á casa, ubicada no Tallo, tiveon que romper os vidros dunha xanela. Encontraron a José, de 57 anos, tumbado, consciente, pero con medio corpo paralizado. Logo do rescate trasladárono ao Hospital Clínico de Santiago onde se recupera deste incidente.

4 de xaneiro de 2013

Así foi a presentación de Interior con froiteiro e feridas de Manuel Pereira:::

Manuel Pereira Valcárcel presentou onte no local social de Ouzande o seu último poemario Interior con froiteiro e feridas. Ao acto acodiron preto de 70 persoas que abarrotaron os baixos do palco ouzandés. Xabier Camba presentou o acto animando aos asistentes á lectura. Manuel Pereira estivo arroupado por Chuni Canal, a profesora de lingua galega que coñecera en Madrid cando esta era lectora. Logo de desvelar algúns dos segredos do poemario, recitaron fragmentos ilustrativos da obra. Á presentación asistiron amigos persoais e familiares de Manuel Pereira, aínda que se acusaban algunhas ausencias como a da ilustradora do poemario ou o do seu irmán que, por motivos laborais, non puideron estar en Ouzande. Quen si estivo presente foi a amiga Maite Dono, coñecida cantante que mesmo recitou un poema do ouzandés. A música de Andrés do Barro e doutros artistas daquela época serviu de sintonía para achegarse ao momento ao que fan referencia os textos do noso veciño poeta, pois ambiéntanse nos anos en que tanto el coma seu irmán estiveron en Zaragoza, por este motivo o poemario está editado en edición bilingüe galego-castelán. Ao final do acto, Manuel asinou exemplares do Interior con froiteiro e feridas. Foi unha actividade organizada pola Fervenza de Ouzande quen quixo pechar o ciclo de Nadal coas letras do noso poeta.

2 de xaneiro de 2013

Hoxe ás 20:30 presentación do último libro de Manuel Pereira:::

Interior con Froiteiro e Feridas é o título que Manuel Pereira lle deu ao seu último libro, publicado recentemente en Zaragoza. Trátase dun poemario que recolle algunha das súas vivencias en territorio maño durante a infancia. Manuel Pereira Valcárcel naceu en Ouzande e actualmente vive en Madrid, onde traballa de mestre. Ademais de regresar a Ouzande para visitar familia e amigos, tamén o fai para presentar os seus traballos. Desta volta estará acompañado de Chuni Canal Covelo que foi profesora de lingua galega en Madrid, onde coñeceu ao noso poeta. A cita é hoxe ás 8 e media do serán no local social. A actividade está organizada pola Asociación Cultural.
Cartel anunciador da presentación do libro

O 2013 arranca cunha animada velada no local social:::

O local social de Ouzande acolleu durante a madrugada do anonovo unha concurrida festa para celebrar a saída de 2012 e a entrada en 2013. Á unha comezou a chegar xente ao Campo da Festa e, media hora despois, estaban tomando as uvas ao son das campás da parroquia. A animación prolongouse ata altas horas da madrugada coa música dun afamado DJ que converteu o local social nunha pista de baile. Cando as forzas fraquearon houbo chocolate con churros. A benvida ao anonovo estivo organizada pola Fervenza de Ouzande.