4 de xaneiro de 2013

Así foi a presentación de Interior con froiteiro e feridas de Manuel Pereira:::

Manuel Pereira Valcárcel presentou onte no local social de Ouzande o seu último poemario Interior con froiteiro e feridas. Ao acto acodiron preto de 70 persoas que abarrotaron os baixos do palco ouzandés. Xabier Camba presentou o acto animando aos asistentes á lectura. Manuel Pereira estivo arroupado por Chuni Canal, a profesora de lingua galega que coñecera en Madrid cando esta era lectora. Logo de desvelar algúns dos segredos do poemario, recitaron fragmentos ilustrativos da obra. Á presentación asistiron amigos persoais e familiares de Manuel Pereira, aínda que se acusaban algunhas ausencias como a da ilustradora do poemario ou o do seu irmán que, por motivos laborais, non puideron estar en Ouzande. Quen si estivo presente foi a amiga Maite Dono, coñecida cantante que mesmo recitou un poema do ouzandés. A música de Andrés do Barro e doutros artistas daquela época serviu de sintonía para achegarse ao momento ao que fan referencia os textos do noso veciño poeta, pois ambiéntanse nos anos en que tanto el coma seu irmán estiveron en Zaragoza, por este motivo o poemario está editado en edición bilingüe galego-castelán. Ao final do acto, Manuel asinou exemplares do Interior con froiteiro e feridas. Foi unha actividade organizada pola Fervenza de Ouzande quen quixo pechar o ciclo de Nadal coas letras do noso poeta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario