17 de maio de 2017

Ouzande coroa a Pedralba no Día das Letras:::

Reto conseguido a pesar das ameazas da choiva. Tal e como tiña previsto A Fervenza de Ouzande, neste día das Letras dedicado a Carlos Casares, realizaron unha ruta de 15 km que partiu da igrexa de Ouzande ás 09.30h e que foi todo un reto pois consistía en atravesar os montes de Ouzande a A Somoza para coroar o Olimpo da zona; A Pedralba. Non foi sen esforzos, pois tiveron que ascender máis de 300 metros de altitute ata atinxir os 634 que se contabilizan no punto xeodésico da Pedralba, xa no límite coa parroquia de Tabeirós. Para mellor homenaxe ás letras, neste 17 foron precisamente 17 as persoas que particparon na aventura. Á volta había premio, libros de agasallo en lingua galega para festexar as Letras lendo no noso idioma.







16 de maio de 2017

O grupo NAI leva ao Principal o mellor folk do momento:::

Foi o pasado domingo 14 de maio con motivo da celebración na Estrada das vésperas do Día das Letras. Nai subiu ao palco ás 20h ante un público moi entregado. As actividades continuaron hoxe co "Correlingua "2017" que baixo o lema "En galego sen cancelas" reuniu escolares tanto da Estrada como de concellos próximos como Forcarei ou Silleda. As actividades intensificar na xornada de mañá que, ademais, é festiva. En Ouzande apuran os últimos preparativos para a X edición da "Ruta das Letras" que sairá ás 09.30h do Adro da Igrexa de Ouzande.

10 de maio de 2017

Ouzande celebra o día das Letras cunha ruta de 15km ata o alto da Pedralba:::

O vindeiro mércores 17 de maio a Fervenza de Ouzande celebra a XII edición da "Ruta das Letras", un sendeiro que levará ás persoas interesadas ata un lugar moi singular da comarca, o alto do Monte da Somoza; a Pedralba.
A actividade está dirixida a todo tipo de participantes e é gratuíta, só teñen que estar ás 09.30h diante da igrexa parroquial de Ouzande. O roteiro atinxe 15km e ten previsto finalizar ás 13.30h. Desde a organización recomendan levar roupa adecuada e agasallarán aos participantes cunha obra literaria en lingua galega coa finalidade de conmemorar dun xeito activo o Día das Letras Galegas.

A ruta subirá primeiramente polo Monte Pedroso e logo pola Pedralba, unha zona especilamente bonita non só pola vexetación autóctona senón tamén polas fermosas vistas que ofrece. Atravesarán as instalacións de Monte Cabalar. A intención é coroar a Pedralba, o punto máis alto do Monte da Somoza con 634 metros sobre o nivel do mar, que tamén se divisa desde este lugar.

9 de maio de 2017

Callobre continúa coas "Noites de Raíz":::

O vindeiro sábado 13 de maio o local social de Callobre acolle unha nova noite de música tradicional con cinco agrupacións; Sobreiras do Ulla, o grupo de gaitas da Escola Brincadeira, Sarillo de Aiazo, Xirandola e Chaparracha. A cita é desde o serán e ata altas horas da madrugada. Para cear, a organización tén previsto convidar aos asistentes a unha cea a base de porquiño á brasa que se asará no mesmo lugar. Con este programa mensual, Folk de Raíz -promotor do evento- trata de desestacionalizar as festas folk que na parroquia teñen o seu punto álxido co festival de xullo.