Amosando publicacións coa etiqueta Turismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Turismo. Amosar todas as publicacións

25 de agosto de 2016

Pontevea reclámalle aos Concellos de Teo e A Estrada servizos para o coidado da ponte e da Praia de Couso:::

As reivindicacións xa son históricas. Logo das enchentes de 2000 a Praia de Couso caiu na desidia, as instalacións do bar, anegadas e cheas de lama, a praia sen area e con maleza. Cada certo tempo reclaman a limpeza desta área, coma en 2006, pero son varios os motivos que imposibilitan que se volvan repetir as imaxes das ducias de bañistas en Couso. O acceso das máquinas á área fluvial tense que facer desde unha propiedade privada polo que durante estes anos as limpezas foron escasas. Este verán si se limpou a marxe, pero non hai un plan de revitalización da zona. 
Pontevea é un lugar de Reis (Teo) con múltiples servizos e puntos de interese turísitico, como a Burga, a ponte medieval ou esta área fluvial. Ao tratarse dunha aldea arrraiana entre dous concellos e dúas provincias, os veciños reclaman a atención das corporacións teense e estradense para mellorar tanto o mantemento da ponte como da praia, mesmo se pode facer unha ruta entre estes tres puntos e ata continuala ata a área recreativa do Xirimbao. Do lado coruñés a área da Burga mantense limpa todo o ano e mesmo se sinalizou a Pontevea, hai anos deixaron de funcionar os focos que a iluminaban. Do lado pontevedrés, o BNG da Estrada reclamou novamente hai uns días que haxa maior compromiso do Concello coas praias fluviais tanto de Couso como de Liñares ou Barcala.
A parte do posible baño, dos valores patrimoniais ou  do agradable dun paseo por esta zona súñaselle o valor climático e medioambiental deste espazo protexido Rede Natura. En setembro de 2015 iniciáronse os trámites para que a Pontevea sexa declara Ben de Interese Cultural, motivo polo que os veciños de Reis insisten novamente ante as administracións sobre o desaproveitamento deste recurso natural de Pontevea.

Praia Fluvial de Couso (do lado estradense)

Ponte medieval de Pontevea

Ponte medieval de Pontevea

Praia de Couso (do lado estradense)

Instalacións abandonadas do bar en Couso

Interior do bar

Pontevea

Pontevea

18 de agosto de 2016

Barcala presume de praia:::

Cando as altas temperaturas de agosto se alían co tempo de lecer, as praias convértense nun cobizado destino que non todos teñen ao pé da porta. A Estrada presume de ter o Concello dos mil ríos, desde o Umia ao Ulla pasando polo Liñares, Vea, Curantes... pero curiosamente é un municipio con poucas áreas de recreo debidamente acondicionadas. En Barcala hai un pequeno gran paraíso chamado O Bao e que ofrece todos os ingredientes para gozar dunha xornada de desconexión en contacto coa natureza. Ata hai pouco, os usuarios eran os veciños máis próximos, pero estes queren compartir o lugar e presumen do seu. Hai anos o Concello da Estrada, a través dun Obradoiro de Emprego, realizou uns traballos de mellora, dotando o lugar dun pequeno parque infantil e unha pontella de madeira, tamén desbrozou a zona. Pero estes espazos precisan un mantemento constante que, ata o momento, realizan os propios usuarios. Son eles quen o limpan e promocionan, crearon unha páxina en facebook na que dan información sobre a temperatura da auga ou comparten fotos ou anuncian actividades que alí se desenvolven. 
O pasado mes de xullo, un usuario comezou unha campaña para que o Concello da Estrada asuma máis responsabilidades en relación ao Bao, creando unha petición pública en change.org  Aínda que recoñecen que o municipio achega o tractor de desbroce ata a pista de acceso, afirman que son necesarios labores de poda e limpeza do areal. Así a petición baséase en catro puntos. O primeiro é a limpeza de maleza e restos que xere, o segundo a poda das árbores próximas á zona de baño, a terceira é o arranxo da zona infantil posto que falta un columpio e o chan está roto, facéndose perigoso para os nenos e nenas que alí se dispoñan a xogar. O último refírese aos accesos, a pista que une a área coa estrada Sinde-Couso non está asfaltada, xéranse buracos coa chuvia e ten certa pendente polo que a baixada en coche queda restrinxida só para valentes.  
A Praia do Bao sitúase preto da Ponte Colgante de Couso, catro quilómetros río abaixo. Pódese acceder desde a estrada que une Couso con Barcala, Sinde ou Padrón pero hai que tomar unha estrada forestal non asfaltada e non está sinalizada. Esta área xérase pola existencia no lugar dun vello  muíño hoxe totalmente abandonado pero que ten un gran muro que encora a auga do Ulla, creando un enorme estanque e que é o que propicia a existencia desta zona de baño. As ríadas do inverno enchen as ribeiras de area e a vexetación frondosa crea zonas de sombra moi apetecibles nos días de calor. Tamén é posible o paseo grazas aos camiños de pescadores que os propios usuarios da praia acondicionan para uso e desfrute de todo o mundo.Un dos aspectos a mellorar para o acceso a esta praia é a sinaléctica, pois actualmente non hai ningún tipo de cartel que indique como se pode acceder a este recuncho marabilloso.

zona de corte do muro do encoro

restos do vello muíño

Praia do Bao

Pontella que salva un dos carreiros polos que se pode pasear

A zona infantil precisa de mantemento