7 de xaneiro de 2016

A xira de "Teimas" chega ao Salnés:::

O vindeiro sábado 16 de xaneiro ás 21h e dentro da programación cultural do Concello da Illa de Arousa, terá lugar a representación de Teimas, a nova obra de Disfunción Continua Teatro, sera no Auditorio Municipal. As entradas estarán á venda na billeteira do auditorio antes da función. Esta será a segunda recalada da compañía estradense na vila insular logo de presentar Eran outros tempos, ou non? con notable afluencia de público. 
Teimas conta a historia dun grupo de pacientes que sofren manías e teimas compulsivas e que deciden acodir á consulta dun afamado médico galego, pero as cousas non sempre son tan fáciles para superar os problemas persoais. Con Teimas ofrécese unha hora de risa asegurada. A obra non está aconsellada para menores de 16 anos por posuír vocabulario inapropiado para esta franxa de idade. Teimas iniciou a súa xira o pasado 19 de setembro en Antas de Ulla e está a ter unha moi boa acollida logo de recorrer distintos puntos de Galicia. A última función realizouse na vila da Estrada onde se encheu o Teatro Principal. Trala función da Arousa, a xira continuará por outras comarcas como Santiago de Compostela ou Pontevedra. Esta é xa a terceira produción de Disfunción Continuta Teatro tras Cóncavo Convexo en 2012 e Eran outros tempos, ou non? en 2013. 







5 de xaneiro de 2016

Noites de Raíz volve o 9 de xaneiro:::

Tralas vacacións de Nadal volve "Noites de Raiz", será este sábado 9 de xaneiro ás 22h na escola vella de Callobre e coa animación de "Muxicas da Silveira" e "Tanto nos ten". Con esta activiade cúmprese a programación das noites de raíz que estipulan unha foliada mensual ata o verán.


Un xeito diferente de celebrar o Nadal:::

As festas do Nadal apuran as últimas actividades coas cabalgatas de Reis. As festas natalícias son propicias para os xantares abondosos e os agasallos, pero na Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande xa hai seis anos que veñen ofrecendo unha alternativa para a mañá do 25 de decembro que cada vez gaña máis adeptos. Desta volta unhas 20 persoas gozaron dunha mañá privilexiada e silandeira na que coñecer un pouquiño máis o entrono da Estrada ao tempo que facían algo de exercicio físico. Adentráronse nos montes de Ouzande e A Somoza para visitar, entre outros, o lugar de Ferreiros ou a Fervenza de Ouzande. Foron 12km de andaina de Nadal que de seguro han repetir neste recén inaugurado 2016.
Por outra banda, arestora debátese por parte da organziación sobre a viabilidade de celebrar o cabalgata de Reis tendo en conta o prognóstico do tempo. A Estrada celebrou durante estas festas varias actividades de animación de rúa e mesmo se instalou un pequeno parque de atraccións detrás da Casa das Letras.
saída na igrexa románica de Ouzande

Montes de Ouzande e a Somoza

Rego das Rans

camiñando

Muíños de Ouzande
Animación de rúa pola vila da Estrada

Un camión empótrase contra a escola unitaria de Pontevea:::

A escola unitaria de Pontevea (Reis-Teo) foi o escenario dun aparatoso accidente onte ás 11.30h cando un camión de vidro procedente de Santiago e que viaxaba en dirección á Estrada abandonou a vía PO-841 por causas que aínda se descoñecen, empotrándose contra o edifício da esocola unitaria de Pontevea. Afortunadamente non hai que lamentar vítimas persoais posto que o contutor saiu ileso polo seu propio pé e a escola estaba pechada ao cadrar este suceso coas vacacións de Nadal. Iso si, os danos materiais foron cuantiosos, tanto por parte do vehículo coma polas instalacións do centro educativo. Ata o lugar achegouse a Garda Civil de Tráfico e o grupo de Emerxencias de Protección Civil de Teo, que regularon o tráfico para non ter que cortalo agás cando se procedeu a retirar o camión cun guindastre.

OUTRO CAMIÓN ACCIDENTADO EN CALLOBRE
A parroquia de Callobre foi escenario doutro incidente de semellantes caracterísitcas contra as 20h, foi na N-640, houbo que lamentar un ferido leve, o condutro do vehículo que requeriu a presenza dunha ambulancia que o trasladou ao ambulatorio da Estrada.

INCIDENCIAS POLO MAL TEMPO
As incidencias polo mal tempo multiplicáronse nas últimas horas, así unha árbore caiu sobre a estrada entre Berres e Arnois. Unha casa do Pedregal sufriu unha pequena inundación e Emerxencias tivo que acodir á Avenida da Cultura para eliminar unha poza de agua que se formou cos augaceiros das útlimas horas. En Curantes unha cheminea dunha casa ardeu, pero conseguiron apagar o lume antes de que o mal fose maior. Como consecuencia das fortes trombas de auga tamén hai que lamentar o rotura da presa de Sinde, no Río Ulla e cuantiosos casos de alagamentos e saídas do seu cauce de regueiros e ríos na zona.