O vindeiro sábado 16 de xaneiro ás 21h e dentro da programación cultural do Concello da Illa de Arousa, terá lugar a representación de Teimas, a nova obra de Disfunción Continua Teatro, sera no Auditorio Municipal. As entradas estarán á venda na billeteira do auditorio antes da función. Esta será a segunda recalada da compañía estradense na vila insular logo de presentar Eran outros tempos, ou non? con notable afluencia de público.
Teimas conta a historia dun grupo de pacientes que sofren manías e teimas compulsivas e que deciden acodir á consulta dun afamado médico galego, pero as cousas non sempre son tan fáciles para superar os problemas persoais. Con Teimas ofrécese unha hora de risa asegurada. A obra non está aconsellada para menores de 16 anos por posuír vocabulario inapropiado para esta franxa de idade.
Teimas iniciou a súa xira o pasado 19 de setembro en Antas de Ulla e está a ter unha moi boa acollida logo de recorrer distintos puntos de Galicia. A última función realizouse na vila da Estrada onde se encheu o Teatro Principal. Trala función da Arousa, a xira continuará por outras comarcas como Santiago de Compostela ou Pontevedra.
Esta é xa a terceira produción de Disfunción Continuta Teatro tras Cóncavo Convexo en 2012 e Eran outros tempos, ou non? en 2013.
Ningún comentario:
Publicar un comentario