24 de setembro de 2010

A Fervenza de Ouzande quenta motores cos cursos de pandeireta, baile, gaita e percusión:::

Xa está todo listo para o inicio do novo curso, A Fervenza de Ouzande presenta as actividades dirixidas á aprendizaxe de pandeireta, baile, gaita e percusión. Quen estea interesado/a pode achegarse á taberna de Ouzande onde se realizan as inscricións, tamén chamando por teléfono ou acodindo á reunión informativa que haberá no local social o día dous de outubro ás 4 e media da tarde.
A organización agarda que non haxa problemas durante o primeiro trimestre deste curso posto que o Concello da Estrada ten previsto realizar as obras de remodelación do local. En caso de que haxa días en que non se poidan dar alí as aulas, a entidade cultural habilitará outro espazo temporal para este fin.

Sobre os goles que tiveron sabor a churrasco:::


A Xunta Parroquial levou a cabo o pasado sábado unha cea dirixida ás persoas participantes no III Triangular de Fútbol Mixto das Festas do Socorro. Aínda que non puido asistir todo o mundo, quen foi pasouno ben falando do triangular e da edición do próximo ano, un combate futbolístico que xa promete doce meses antes de que se celebre.

18 de setembro de 2010

Goles con sabor a churrasco:::

Esta noite o local social de Ouzande acollerá ás xogadoras e xogadores do 1ºTriangular de Fútbol Mixto que se celebrou a semana pasada coincidindo coas festas do Socorro. O motivo desta xuntanza é compartir unha cea de confraternización que a organización preparou como premio por ter participado no encontro. Están convocadas as tres seleccións, a organización, o árbitro e maila prensa acreditada.




14 de setembro de 2010

Fin de semana chea de actividade en Ouzande:::

O motivo foi que se desenvolveu o programa de festas do Socorro. Xa dende o venres coa III Fervenza de Músicas a parroquia encheuse de comedores de polbo, de bailadores e tocadores que, concentrados no Campo da Festa, fixeron festa ata as cinco da madrugada. O sábado causou emoción o I Triangular de Fútbol Mixto. O resultado estivo moi reñido e foron finalmente os solteiros e solteiras quen levou o dipoloma de primeiros clasificados. Os separados foron os segundos e o equipo de casados e casadas de terceiros. Sacando as saídas do balón ás veigas de millo veciñas e unha lesión sofrida por Xan, o porteiro dos casados o resto do encontro non houbo incidencias. Como premio a organización organizou unha churrascada para o vindeiro sábado para todos os participantes. O peor para todos eles foi o "día despois", un día cheo de maniotas e de proxección cara á edición do ano próximo. Logo do triangular houbo verbena con Glamour e Nebraska. O domingo foi tempo da poxa que estivo moi concorrida, como tamén o estivo o Campo da Festa pola tarde coa chegada da Caixiña de Mistos, dúcias de pequenos e pequenas foron chegando, seleccionando na carteleira as curtametraxes que alí había expostas, pintaron a súaversión da caravana para unha futura pintada da mesma e gozaron con numerosos títulos de cinema de todo o mundo.



9 de setembro de 2010

Domingo do Socorro cheo de actividade en Ouzande:::


O vindeiro domingo a nosa parroquia estará chega de actividades no peche das festas do Socorro, pola mañá poderemos ver pasar a ruta da Rapa das Bestas de BTT pola parroquia, escoitar a Banda de Música Cultural da Estrada, asistir a distintos actos relixiosos ou á poxa das ofrendas á Virxe para que haberá instalado un carro de bebidas. Pola tarde será a Caixiña dos Mistos a encargada de darlle vida á poboación máis nova da parroquia, vexan un video sobre esta actividade publicado por unha tv.

3 de setembro de 2010

Coa III Fervenza de Músicas arrancan as Festas de Ouzande:::


VENRES 10 DE SETEMBRO
A III Foliada FERVENZA DE MÚSICAS darálle o pistoletazo de saída ás festas do Socorro, será o vindeiro venres a partir das 9 do serán.
Cinco grupos protagonizarán o cartel da festa.Organizada pola asociación cultural A Fervenza de Ouzande en colaboración coa xunta parroquial. Haberá unha carpa con servizo de polbo, churrasco e bar. Os grupos que actuarán son A Requinta dá Laxeira (Sarandón-Vedra), Os Xeitosos de Trazo (Trazo), o Regacho de Matamulleres (Callobre), Gharatuzas (Santiago) e Retrouso (Ouzande). A festa será ao pé do campo, buscando así un sabor máis próximo ás foliadas tradicionais.
A organización vén de presentar este festival e recorda que están á venda as camisolas oficiais da festa, deseñadas por Rosa de Cabanas, animan a mercala pois é a principal vía de financiamento da actividade. Véndense na taberna de Ouzande, no café A Farola e no propio festival.

SÁBADO 11 DE SETEMBRO
A festa continúa o sábado pola mañá cos correspondentes actos relixiosos á unha e cuarto do mediodía. A seguir o grupo NEBRASKA realizará a sesión vermuth.

Pola tarde haberá animación no 1º TRIANGULAR DE FÚTBOL MIXTO SOLTEIROS-CASADOS-SEPARADOS, unha iniciativa promovida pola Xunta Parroquial e que está a levantar moita espectación en Ouzande. Xa hai moitas persoas inscritas que se darán cita o sábado ás sete e media da tarde no Campo da Festa. Este convertiráse en improvisado estadio de fútbol para albergar un encontro a tres bandas, co seu árbitro, locución, vestimenta e todos os ingredientes para pasar unha tarde divertida en compaña da veciñanza.
Xa cando caia a noite e se saiba quen é o equipo gañador comezarán a soar os acordes das orquestras Nebraska e Glamour.
DOMINGO DÍA 12
Pola mañá salpicaránse os actos relixiosos que se veñen desenvolvendo dende o día dous de setembro coa novena. Haberá unha misa ás 10 e media e outra a unha e cuarto, a Banda de Música Cultural da Estrada amenizará a procesión e dará o seu concerto para deleite dos asistentes. Agárdase numeroso público de cara á POXA tradicional das ofrendas á Virxe que está previsto desenvolver no adro da igrexa, onde haberá servizo de bar para garantizar unha sesión vermouth ben completa.
Pola tarde o protagonismo é dos nenos e nenas de Ouzande e visitantes posto que chega a Ouzande a caravana da CAIXIÑA DOS MISTOS, unha iniciativa que chega da man da Fervenza de Ouzande e que proxectará cinema infantil para cativos de cero a catorce anos. Estará instalada no Campo da Festa ás seis da tarde.