3 de setembro de 2010

Coa III Fervenza de Músicas arrancan as Festas de Ouzande:::


VENRES 10 DE SETEMBRO
A III Foliada FERVENZA DE MÚSICAS darálle o pistoletazo de saída ás festas do Socorro, será o vindeiro venres a partir das 9 do serán.
Cinco grupos protagonizarán o cartel da festa.Organizada pola asociación cultural A Fervenza de Ouzande en colaboración coa xunta parroquial. Haberá unha carpa con servizo de polbo, churrasco e bar. Os grupos que actuarán son A Requinta dá Laxeira (Sarandón-Vedra), Os Xeitosos de Trazo (Trazo), o Regacho de Matamulleres (Callobre), Gharatuzas (Santiago) e Retrouso (Ouzande). A festa será ao pé do campo, buscando así un sabor máis próximo ás foliadas tradicionais.
A organización vén de presentar este festival e recorda que están á venda as camisolas oficiais da festa, deseñadas por Rosa de Cabanas, animan a mercala pois é a principal vía de financiamento da actividade. Véndense na taberna de Ouzande, no café A Farola e no propio festival.

SÁBADO 11 DE SETEMBRO
A festa continúa o sábado pola mañá cos correspondentes actos relixiosos á unha e cuarto do mediodía. A seguir o grupo NEBRASKA realizará a sesión vermuth.

Pola tarde haberá animación no 1º TRIANGULAR DE FÚTBOL MIXTO SOLTEIROS-CASADOS-SEPARADOS, unha iniciativa promovida pola Xunta Parroquial e que está a levantar moita espectación en Ouzande. Xa hai moitas persoas inscritas que se darán cita o sábado ás sete e media da tarde no Campo da Festa. Este convertiráse en improvisado estadio de fútbol para albergar un encontro a tres bandas, co seu árbitro, locución, vestimenta e todos os ingredientes para pasar unha tarde divertida en compaña da veciñanza.
Xa cando caia a noite e se saiba quen é o equipo gañador comezarán a soar os acordes das orquestras Nebraska e Glamour.
DOMINGO DÍA 12
Pola mañá salpicaránse os actos relixiosos que se veñen desenvolvendo dende o día dous de setembro coa novena. Haberá unha misa ás 10 e media e outra a unha e cuarto, a Banda de Música Cultural da Estrada amenizará a procesión e dará o seu concerto para deleite dos asistentes. Agárdase numeroso público de cara á POXA tradicional das ofrendas á Virxe que está previsto desenvolver no adro da igrexa, onde haberá servizo de bar para garantizar unha sesión vermouth ben completa.
Pola tarde o protagonismo é dos nenos e nenas de Ouzande e visitantes posto que chega a Ouzande a caravana da CAIXIÑA DOS MISTOS, unha iniciativa que chega da man da Fervenza de Ouzande e que proxectará cinema infantil para cativos de cero a catorce anos. Estará instalada no Campo da Festa ás seis da tarde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario