25 de xullo de 2013

Disfunción Continua Teatro estrea mañá o seu novo espectáculo:::

A compañía de teatro local Disfunción Continua vén de presentar o cartel do seu novo espectáculo "Eran outros tempos, ou non?" Nados en 2012, xa representaron unha obra titulada "Cóncavo Convexo" e agora prepararon este novo espectáculo que está dirixido por Jouse García e que amplía o elenco con actores da Estrada, Ouzande e Vedra Son Sabela Magariños, María Porto, Clara Iglesias, Alejandro Picallo, María Gaiteiro, Manu Mougán, Natalia Carbajal e Manuel Rosende.  
En "Eran outros tempos, ou non?" un grupo de mulleres botan a vista atrás para rememorar aqueles tempos nos que compartían pupitre. A acción ubícase nunha escola franquista de 1957 e recréanse as clases de matemáticas, relixión, educación física, formación do espírito "nacional", labores ou economía doméstica e trata de mostrar como se inculcaban valores coma o autoritarismo, conformismo, submisión, familia patriarcal, pobreza, machismo... Uns valores que animan a reflexionar sobre a educación actual. 
Fixeron unha preestrea este martes en Guimarei e mañá venres 26 ás 22:30h estrean a obra dentro da XII edición do festival "Móstra(te) que comeza esta noite en Fornelos da Ribeira (Salvaterra de Miño).
Cartel: Disfunción Continua, Fotos: Fernando Pereiras












24 de xullo de 2013

Retrouso animará o III Festival Folk de San Xurxo de Vea:::

A comisión organizadora do III Festival Folk de San Xurxo de Vea vén de dar a coñecer que o grupo Retrouso será un dos que figuren no programa desta festa que se ha celebrar o próximo venres 30 de agosto. O particular deste asunto é que publicaron un cartel cuns interrogantes nos que comezaron por poñer a data e o nome da festa e agora van publicando cada día o nome dun dos grupos que animen a velada. O primeiro nome en saír á palestra é o de Retrouso, para coñecer aos restantes haberá que ir agardando ata o sábado. A comisión organizadora está formada por varias persoas que idearon este evento e que traballaron na primeira edición, cando formaban parte da comisión de festas da parroquia. Co obxectivo de que esta cita continúe adiante, este ano volven á carga con esta orixinal forma de presentar o 3º Festival folk San Xurxo de Vea.
O cartel do festival irase descubrindo aos poucos 
Retrouso no concerto de presentación do seu disco OU no Teatro Principal da Estrada

20 de xullo de 2013

As festas patronais contarán coas atraccións de Pili Pampín e O Mago Toño:::

As festas patronais de Ouzande vanse celebrar os vindeiros 9, 10 e 11 de agosto. A comisión organizadora, formada pola Xunta Parroquial utltima estes días o programa que darán a coñecer nos próximos días. O venres 9 comezarán os festexos no Campo da Festa coa actuación da Orquestra Galilea e da cantante Pili Pampín. O sábado, día de San Lourenzo patrón de Ouzande,  teremos dous dúos animando a verbena e o domingo 11 celébrase o Santísimo Sacramento na parroquia. Ademais da animación musical, a organización conta coa colaboración da Asociación Cultural que traerá ao Mago Toño á aldea cun espectáculo dirixido aos máis pequenos da casa. 
O mes de agosto será especialmente festivo en Ouzande, pois o sábado 17 está previsto que o entorno do Muíño do Rubio acolla a festa "Unha Noite no Muíño". Así mesmo, nos primeiros días de setembro (6, 7 e 8) terá lugar a Romaría da Virxe do Socorro, festa que irá precedida de nove días de actos relixiosos e actividades tan singulares na parroquia como a Poxa das ofrendas á Virxe ou o Festival de Música Folk "Fervenza de Músicas".
O Mago Toño nunha actuación anterior en Ouzande

Video dos festexos patronais do ano pasado:

Paralizan unha obra no Formigueiro:::

O pasado xoves, o DOG publicou un anuncio da "Axencia de Protección da Legalidade Urbanística" pola que se anuncia que o xefe deste servizo acorda incoar o expediente de reposición da legalidade sobre unha obra que se está a realizar no lugar ouzandés do Formigueiro. Neste anuncio do DOG infórmase de que ao non poder contactar vía postal co responsable desta construción faise coa correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia.
A edificación afectada por este anuncio sitúase na confluencia da estrada xeral de Ouzande coa pista que dá acceso ao Formigueiro polo sur e ás parcelas coñecidas co nome de Redondelo. Componse dun muro que rodea a propiedade, dunha construción auxiliar e mais dunha vivenda. O texto íntegro relativo a este asunto pode ser consultado nos edificios administrativos deste organismo, en Salgueiriños (Santiago de Compostela)

Contento veciñal pola limpeza das marxes da PO- 7003:::

Durante a xornada de onte, operarios da Deputación Provincial procederon a realizar as obras de limpeza das marxes da estrada que atravesa a parroquia de Ouzande. O contento veciñal non se fixo agardar, pois a maleza invadía totalmente as marxes e mesmo a calzada, dificultando a travesía dos peóns e as manobras dos condutores. Xa se volven ver os sinais de tráfico e os cruzamentos da PO-7003 coas distintas pistas da parroquia volvéronse máis seguros. Agora falta a limpeza das vías secundarias, sobre todo aquelas máis transitadas como as que unen Ouzande coa Estrada, Guimarei, A Somoza e maila zona de Penerada.


15 de xullo de 2013

Sorpresa por unhas obras de drenaxe na estrada PO-7003:::

Durante a semana pasada, a Deputación Provincial realizou unha pequena obra na nosa parroquia, trátase da creación duns foxos de formigón na estrada que cruza Ouzande á altura da pista da "Costa da Labrada". Esta obra ha aliviar as augas da choiva que cada inverno baixan desde a zona alta de Alemparte camiño ben do Regueiro ben da parte baixa do lugar. 
Esta pequena obra non está exenta de polémica pois os foxos creados aumentarán o grao de inseguridade do vial PO-7003 ao reducir o espazo da beiravía e creando o perigo de haber un desnivel tan pronunciado á beira da estrada. A veciñanza de Alemparte móstrase contrariada logo de ter oído na última campaña electoral que no mes de xaneiro se realizarían estas obras pero coa construción de beirarrúas ata o citado lugar. Chegado o verán non hai beirarrúas e a maleza invade as marxes da estrada, deixando sen visibilidade os cruzamentos e sen espazo os lugares polos que deberían transitar os peóns. 
As obras realízanse no lugar de Alemparte.
.
Unha tubaxe por debaixo da pista da Labrada e unha canle de formigón derivarán a auga que baixa de Alemparte cara ao regueiro

11 de xullo de 2013

Arrancou o Festival Folk de Raíz de Callobre:::

O festival de música tradicional e folk de Callobre "Folk de Raíz" comezou este serán con moi boa temperatura ambiental e tamén musical, xa que actuaron os grupos "Os ke hai", "Trioliro", a banda "Baile Asalto" e mailos "Carapaus", a organización destinou unha serie de espazos para a exposición e venda de distintos produtos relacionados coa música, a artesanía ou a roupa. O Campo da Festa complétase cunha polbeiría e cunha gran zona de aparcamento e tamén houbo algúns grupos de persoas que pernoctaron nunha zona destinada á acampada. A festa continúa mañá con "Xuromelo", o "Regato de Matamulleres", "Os d´abaixo" e a popular Banda "da Balbina". 
Esta é a edición número XII e os organizadores son a Asociación Cultural Regatos de Callobre, dentro do programa destaca a presenza do profesor de gaita, canto e acordeón da Escola de Música Tradicional de Ouzande, Marcos Varela dentro do trío Xurumelo. Estará acompañado por Miriam Bodelo na voz  e Esther Vila ao acordeón. De seguro que a presenza ouzandesa se ha incrementar na xornada festiva de Callobre.
Por outra banda, o sábado, a tamén veciña parroquia de Matalobos organiza o "Bieito Folk", outra festa do mesmo estilo e que contará con grupos moi coñecidos na parroquia como son a "Requinta da Laxeira", "Cé o home orquesta" ou o  Regato de Matamulleres"
Un dos primeiros grupos en actuar foron "Os ke hai"


O bo tempo animou ao público a achegarse ata Callobre


A primeira xornada foi un éxito

2 de xullo de 2013

Preocupación polo estado de abandono das vías públicas:::

A medida que van pasando os días tamén vai aumentando a preocupación veciñal polo estado de abandono das beiras das distintas vías públicas; estradas e pistas da parroquia. Segundo as queixas dos veciños son dous os problemas aos que se están enfrontando neste inicio do verán. O primeiro é para os peóns que teñen que camiñar polos tramos asfaltados poñendo en perigo as súas vidas, en concreto a estrada xeral que atravesa a parroquia é sinalada xa coma un punto negro pois é moi transitada por peóns a calquera hora do día e non teñen onde meterse cando se cruzan cun automóbil. A outra preocupación é a dos condutores que ademais de encontrarse con peóns no medio da estrada teñen varios puntos onde aumenta o perigo debido ao alta que está a herba das beiras, así os lugares máis conflitivos son os cruzamentos nos que xa é frecuente que teñan que meter o coche ata máis da metade da vía para poder observar se veñen outros vehículos. Nas pistas da parcelaria pasa outro tanto do mesmo, sobre todo nos entroncamentos coa estrada provincial.
Habitualmente eran as administracións públicas titulares das vías as que asumían os traballos de limpeza das beiras das estradas; Deputación Provincial na estrada xeral e Concello da Estrada nas pistas. Polo de pronto algúns tramos están a ser limpados polos propios veciños, sobre todo preto das casas, pero hai grandes distancias deixadas ao abandono e que xeran un perigo innecesario.


As beiras das estradas están totalmente impracticables para os peóns


Os sinais aparecen ocultos no medio da herba


Os espazos para o estacionamento desapareceron da estrada xeral

Por mor da maleza, os condutores teñen que meter os coches ata a metade da estrada

A visibilidade é nula nalgúns cruces, coma no cruzamento entre a estrada xeral e a pista que leva a Guimarei