15 de febreiro de 2016

O "Entroido das Mozas" desafía ao mal tempo:::

Ouzande prevía un entroido moi animado, coa premisa de se disfrazar de mulleres, veciños e forasteiros foron convidados a unha divertida tarde de Entroido pola parroquia. Pero quen se había presentar era un inteso temporal que ata hoxe non deu tregua. A organización suspendeu os pasarrúas cos que habían de encher de vida entroideira as aldeas da parroquia, e que estaba previstos para a tarde, momento do día no que os intensos refachos de vento se mesturaron con abundantísimas precipitacións. Aínda así mantiveron a festa nocturna no Campo da Festa. Alí contaron coa animación de Retrouso e Recanto, así coma das "Sobreiras do Ulla" unha formación que se presentou coma as "irmás da conexa" ou "cantareiras de Ardebullo". A gastronomía baseouse en produtos típicos do Entroido e churrasco, e a guinda puxérona as "Cegas do Entroido" que, con moito glamour teceron e desteceron  a actualidade da parroquia e do mundo. 
Paralelamente o Concello da Estrada trasladaba a festa infantil da carpa que se instalara na Praza da Constitución para un establecemento hosteleiro da vila ante a perigosidade de celebrala na carpa debido ao mal tempo. Paseniñamente fóronse suspendendo todos os actos de  Entroido na Comarca, tanto os organizados no casco urbano coma o Entroido de Guimarei que pasarán a celebrarse nesta fin de semana, confluíndo cos de Arnois. Couso mantivo a festa pero tivo que prescindir dos atranques dos Xenerais. Tamén se celebrou a cuberto a festa infantil de Guimarei no Local do Outeiro.
Deste xeito o Entroido volverá á Estrada vestido de Coresma, esta fin de semana, se o tempo o permite.





Completa noite folk de Entroido en Callobre:::

O temporal quixo dar unha tregua para que Callobre bailase ao son de xotas e muiñeiras un mes máis coas "Noites de Raíz". Foi na noite do pasado sábado 13 de febreiro na vella escola da parroquia. Como de costume non faltou a gastronomía, desta volta con sabou a grelos e cacheira, pero co aliciente de cadrar no sábado seguinte ao sábado de Entroido polo que non faltaron as "mascaritas". No apartado musical citaron a Madia Leva, a agrupación de pandereteiras de Meis e mailos "gaiteiriños" de Santiago de Compostela, e tamén da capital de Galicia, Boqueixón e A Estrada o grupo NAI que fixo as delicias dos asistentes. As sorpresas non pararon en toda a noite e mesmo fixeron a súa actuación os Cegos de Callobre, quen non deixaron títere con cabeza. 
As noites "folk" de Callobre volven o vindeiro mes de marzo con máis música e animación.




4 de febreiro de 2016

Ouzande programa un entroido "feminino":::

Baixo o título de "GRAN ANTROIDO DE MOZAS EN OUZANDE" e animando a participar co seguinte anuncio: " Cada un e cada unha ao seu xeito, este ano imos de MOZAS. Moderna, hipi, vella, labrega, chic, festeira..." a parroquia de Ouzande organiza unha festa de entroido para o sábado 6 durante toda a tarde e a noite. O eixo condutor semellase ao xoves de comadres ourensán, no que para participar hai que ser muller, ou polo menos parecelo. Esta orixinal proposta levará á comparsa das "disfrazadas" por camiños e carreiros da parroquia durante a tarde, sairán ás 5 do local social. Xa pola tardiña cea e festa de entroido no Campo da Festa con comida gratis, cegas do entroido, Retrouso, Recanto e un grupo de música tradicional procedente de Touro. En caso de choiva suspenden o percorrido polos lugares da parroquia pero manteñen a festa, pois contarán cunha carpa.

A Fervenza de Ouzande renova a súa directiva:::

Na tarde do pasado domingo, A Fervenza de Ouzande celebrou a súa asembela anual, xuntando unha corentena de socios e socias. Durante a sesion aprobáronse as contas, nas que destacan que a entidade vive sen axudas públicas, sendo as cotas dos socios a súa principal fonte de ingresos, pois rolda os 300 asociados.
Fixeron tamén balance das actividades de 2015, recordando que no presente exercicio celebrarán o 15 aniversario da asociación polo que acordaron programar unha festa a tal efecto. Na parte final da asemblea celebráronse as votacións, quedando aprobada por unanimidade a nova directiva, que está composta polas seguintes persoas: Xabier Camba, quen repite como presidente;  Natalia Carbajal Porto (vicepresidenta), Manuel Rosende Torres (secretario), Rosa María Herraiz Cabanas (tesoureira) e os vocais María Dores Camba Cabanas, María Luz Rodríguez Pazos, Manuel Ángel Bouzón Fernández, Noelia Bouzón Docampo, Manuel Porto Gestoso, Cristina Riveira Porto, Laura Herraiz Cabanas, Carmen Ribadeo Piñeiro, Manuel Uzal Docampo e María Chedas Camba (esta última nova incorporación no lugar de Julio Porto que nesta ocasion abandona a directiva)
Entre os datos que se manexaron nesta xuntanza destacan as estatísticas, poisto que en 2015 celebraron 20 actividades que moveron a máis de mil persoas, conformando un total de 278 actividades desde a súa fundación que moveron a milleiros de persoas, tanto veciños como persoas da comarca e mesmo de Galicia enteira. A Fervenza consolídase así coma unha entidade de referencia na área da Estrada, eixe dinamizador da vida social e cultural non só da parroquia senón da bisbarra. A asemblea rematou, como xa é habitual, cunha chocolatada e uns momentos de intercambio de impresións informais sobre o traballo da entidade.



Sígueme por correo electrónico:::