15 de setembro de 2014

Ouzande vive o seu Socorro máis tradicional:::

Recanto animou cos seus cantos a Foliada
A gastronomía non faltou na festa
Concerto de Tania Fuegho
Procesión do Socorro e do Carme
Do Formigueiro a Penerada e do Tallo á Alemparte, Ouzande rendiuse á tradición das festas do Socorro. As actividades xa comezaron o venres coa VII Fervenza de Músicas. Contra as dez da noite xa había ambiente de festa e xa se servían as primeiras racións de polbo e paseniñamente foise enchendo o campo de xente disposta a participar na festa. A Xuntanza de San Pedro foron os primeiros en actuar, deleitando ao público co seu repertorio. Retrouso, os anfitrións da noite tocaron numerosas pezas do seu disco "Ou". Unha das atraccións máis aplaudidas foi a de Recanto que está formado por numerosos veciños e veciñas de Ouzande e que se sentiron ben arroupados por amigos e familiares. Vou vir vor ver tamén cantaron e cantaron elevando a animación e botándose mesmo a bailar o solto. O grupo estradense Milgrandeira tivo unha actuación memorable poñendo a bailar ao público cun repertorio moi animado. A festa alongouse ata altas horas da madrugada, xerando o contento de cantos dela participaron. O sábado continuou a festa xa ben cedo cos oficios relixiosos e a procesión. A xornada estaba dedicada ao Carme. Ao remate dos actos relixiosos houbo sesión vermouth que estivo moi animada grazas ao grupo Fénix que tamén pola noite foi o encargado de abrir a verbena. Contra as 23h xa soaban os primeiros acordes da formación mariñá e o campo íase enchendo de festeiros. Contra a medianoite arrancou a actuación Tania Fuegho. Chegada desde Mazaricos e sendo coñecida por formar parte do xurado dun concurso de canción da TVG, a artista do Xallas conquistou aos ouzandeses coa súa naturalidade. Animou a noite con cancións en galego con arranxos propios; a sementeira, todos a Santiago, un remix de Andrés do Barro ou o emigrante formaron parte do seu repertorio. Tamén cantou unha canción propia relativa á festa da Fervenza que se realiza na súa comarca ou o tren de Andrés do Barro co que puxo a facer o tren a un grupo de festeiros. Ao remate da actuación asinou autógrafos e regalou varios CD. A festa continuou con Fénix e música de baile. O domingo foi o día do Socorro e houbo os tradicionais actos pola mañá acompañados de pasarrúas da Banda de Música Cultural da Estrada, o adro da igrexa foi acollendo as ofrendas á Virxe, trala misa e procesión comezou a esperada poxa; polos, patacas, plantas, figos, panos... Pepe de Frei foi o encargado de ir presentando a poxa polos distintos produtos ante un adro cheo de xente. Ao remate concerto da Banda de Música. Pola tarde a festa seguiu nas casas da parroquia.
Concerto de Recanto.
Un momento da actuación de Recanto.
Foliada con Vou vir vor ver.

Milgrandeira animando a festa.
Milgrandeira en concerto.
Procesión do sábado.
Tania Fuegho ante os seus fans.
O grupo Fénix animou as festas o sábado.
Un momento da poxa.
O público abarrotou o adro da igrexa
Poxa das ofrendas ao Socorro.

Concerto da Banda de Música Cultural da Estrada

1 comentario:

  1. Vergonzoso !!!
    Esta tal Tania Fuegho.... actuando coa música gravada... sen palabras...
    O pasado ano foi Pili Panpín e este Tania ( só poñen a voz, o resto está gravado nun estudo, ás veces por unha sóa persoa e un ordenador )
    Pero de verdade pensades que somos todos parvos?
    Xa vos vale.
    Non sei con que cara se pode subir a un escenario sabendo que estás a disparar unhas secuencias, malas por certo, e acompañarse de uns figurantes; para cobrar canto?
    Dende logo, como veciño de Ouzande sentiríame estafado; digo sentiríame en caso de que colaborara para pagarvos. Por suposto, nin un céntimo a eses "pseudo artistas"
    Deberíades pedir perdón por enganar ó público e ás persoas que con tanto traballo xuntan os carto para pagarvos.
    Cada vez temos máis e mellores músicos, moi preparados por certo, para que uns e unhas defraudadores ocupen o seu lugar.
    Pregúntome; con que cara se pode formar parte de un xurado de cantantes nunha televisión pública vendo isto?
    A gran maioría do público non se entera.... pero vós, os que o facedes sí que vos enterades.... eu tamén
    Vergonzoso!!!
    Miguel Carbajal, profesor superior de música e veciño de Ouzande.

    ResponderEliminar