28 de febreiro de 2014

Arranca unha intensa fin de semana de Entroido na comarca:::

Aínda que as previsións metereolóxicas confirman que as choivas non van perder as festas do Entroido, a comarca vólcase este ano cos disfraces. Esta é a programación para os próximos días:

SÁBADO 1 DE MARZO
19:00H LOCAL SOCIAL DE OUZANDE festa de disfraces da Ouzande Faxion Week, con desfile, concurso, música, artisteo e moitos famosos.
19:00H ata madrugada BARES DA ESTRADA Gran Concurso de Disfraces. 1.300 euros en premios. participan Navegación, 20 Berzas, Candil de Silvia, Bacus, Ozone, Rocker, Gañetes, Seven, Enredo, Treu, M80 e Valenciaga.
23:00H Café A Farola Concurso de disfraces.
23:00H Praza da Farola, verbena amenizada por unha orquesta.


DOMINGO 2 DE MARZO
10.00H. MOME obradoiro de traxes de Xenerais.
10:30H Couso Saída dos Xenerais pola parroquia
16:30H Santa Cristina de Vea, atranque dos Xenerais de Couso.
17.00 H. Bar Os Peares. Festa de disfraces do centro da terceira idade.
17:30H A Outeira (Vea) Atranque dos minixenerais do Ulla.
19:00H Couso, encontro no Campo da Festa de Correos e Xenerais. Carrozas e Charanga.

LUNS 3 DE MARZO
17:00H. Praza da Feira / Praza da Constitución. Desfile e concurso de disfaces da Estrada con 1.025 euros en premios
22:00H Guimarei. Verbena e concurso de disfraces. Autobuses desde a Praza da Farola ao Campo e volta.

MARTES 4 DE MARZO
16:00H Rúas da Estrada (desde Antón Losada ata a Praza da Feira) Desfile de comparsas das parroquias de Lagartóns, Couso, San Xurxo de Vea, Arnois, Riobó, Callobre e Moreira, actúa Sondodance, o Padre Xiao e as charangas Os Xirimbaos e Os Joletiñas de Oca. Atranque dos Xenerais do Ulla. Presenta Pablo Chichas e discoteca dos veciños de Callobre.

SÁBADO 8 DE MARZO
16:30H Campo da Festa das Neves en Arnois. Entroido con outras parroquias, atranque dos Xenerais do Ulla e minixenerais.
Guimarei protexerá a verbena da Santa Apolonia cunha carpa

O mal tempo provoca a modificación da programación do Entroido:::

As previsións metereolóxicas prognostican para mañá un día de chuvia, polo que A Fervenza de Ouzande vén de anunciar que se suspende a "Caravana da Moda" que tiña previsto percorrer os distintos lugares da parroquia ao longo da tarde. O que si se mantén é a festa de disfraces que se adianta ás 7 da tarde. O espectáculo está servido este ano coa semana da moda ouzandesa, está previsto que acudan famosos de todas as castes e que haxa desfiles de moda de alto nivel. O que non pasa de moda é o cátering que continuará ofrecendo produtos típicos destas datas.

24 de febreiro de 2014

A "OUZANDE FAXION WEEK" CHEGA Á RADIO GALEGA:::

A Radio Galega falou onte pola mañá da Ouzande Faxion Week no programa de actualidade e entrevistas Somos Quen. Sobre as 11.30 da mañá contactaban con Xabier Camba, presidente da Fervenza de Ouzande quen explicou polo miúdo todos os detalles do Entroido ouzandés que congregará este sábado á tarde a famosos, modelos, fashion victims, prensa e público nunha das citas máis orixinais do Entroido.

20 de febreiro de 2014

Presentan unha divertida programación para o entroido a xeito de semana da moda "Ouzande Faxion Week":::

O vindeiro sábado día 1, Ouzande celebra o entroido por todo o alto. A Fervenza de Ouzande vén de anunciar esta festa a xeito de semana da moda. Tamén convidan a todo o mundo que queira participar a unha xuntanza convocada para este sábado 22 ás 17:00h no local social onde máis detalles de tan orixinal evento.

As opcións para disfrazarse son moi variadas, desde Top Models, príncipes ou raíñas da moda, fashion victims, famosos e famosas, drag queens, paparazzis, axentes de seguridade ata artistas do máis variado. Logo de tanta chuvia como ten caído este inverno serán tendencia as katiuskas.

A festa de entroido partirá o sábado 1 de marzo ás 4 e media do Campo da Festa, lugar do que arrancará un gran desfile de carrozas de moda por toda a parroquia encabezadas polas "Ceghas do Antroido" que cantarán as súas coplas satíricas. O horario aproximado do defile é o seguinte: 17:00 da tarde saída do campo, 17:10 O Tallo, 18:00 O Castro, 18:15: O Picoto e o Redondo, 18:35 Alemparte e O Formigueiro, 19:00 O Topete, 19:15 Igrexa. Ao final haberá merenda e gran festa de moda no local social, con pase de modelos, photo call, todo amenizado por un DJ de moda. Non han faltar os ágapes típicos desta festa

18 de febreiro de 2014

Manoele de Felisa ofreceu un concerto na noite de San Valentín no Café A Farola da Estrada:::

O emblemático Café A Farola acolleu o pasado venres un concerto do cantautor cuntiense Manoele de Felisa. Desta volta non estivo só no escenario, senón que se fixo acompañar polo ouzandés Miguel Carbajal no baixo, de Javier Ravanal no contrabaixo e de Noli Torres coa percusión da batería. Manoele convidou a subir ao escenario tamén á veciña da Estrada, Lucía Azurmendi, deleitando ao público cunha maxistral interpretación do poema de Rosalía de Castro "Adiós Ríos..." As paisaxes do Ulla, desde Gres (Vila de Cruces) foron protagonistas dalgunhas das fermosas pezas escritas por Xosé Neira Vilas e interpretadas por Manoele na  Farola como adianto do seu próximo disco. Sendo o día dos "Namorados", Manoele interpretou algunha peza relativa ás difíciles relacións humanas, resaltadas cunha mensaxe de orgullo do pasado fronte a aqueles que "esqueceron dos xogos na aldea ou de ter ido coas vacas" 
Manoele de Felisa é un cantautor de Piñeiro (Cuntis) coñecido polo seu traballo enriba dos palcos a ritmo de orquestra e que xa leva varios discos publicados. En breve dará a coñecer "Cantos de Lembranza", un CD monográfico de recreación da obra de Xosé Neira Vilas.





A Fervenza de Ouzande festexou con chocolate un ano máis de vida asociativa:::

Un ano máis, A Fervenza de Ouzande celebrou a súa asemblea xeral de socios. Lonxe de ser unha longa e aburrida sesión de contas e análises, convertiuse nunha divertida velada. Comezou falando a tesoureira, Rosa de Cabanas, quen expuxo o estado dunhas contas que xa non teñen o respaldo das administracións pero que aínda así permiten que a vida asociativa da parroquia continúe o seu intenso labor cultural. A maior parte dos ingresos vén das cuotas que abonan os socios e socias da entidade. No apartado de actividades falou o presidente, Xabier de Camba, valorando non só a cantidade senón tamén a calidade das mesmas. Un dos puntos da orde do día era a renovación da directiva, ao non haber novas candidaturas continúan as mesmas persoas á frente da entidade e engádense tres máis, quedando do seguinte xeito: Presidente Xabier de Camba, Vicepresidenta Natalia Carbajal, Tesoureira Rosa de Cabanas, Secretario Manuel de Topete, vocais Julio de Sueiro, Manolo Porto, Loli de Camba, Cristina de Cereiro, Malusa da Cardalda, Manuel Bouzón e Noelia Bouzón, como novos vogais entran Carmen Ribadeo, Manolo Uzal e Laura de Cabanas.
Para recordar as actividades do ano, mostraron un video-resume que fixo as delicias dos asistentes. Seguidamente proxectáronse algúns videos do Portal de Ouzande relativos a algunha das actividades referidas na asemblea como o "Fin de Ano" ou as rutas do programa "Imos andar?" O último dos videos encargouse de levantar as risas entre o público ao recordar o "Euroveighas" que a asociación cultural montou na parroquia con motivo do Entroido 2013. Xa para rematar o chocolate mesturouse coa rosca, orellas e biscoitos dándelle un pouquiño máis de calor á tarde, se cabe.

Camba explicou as actividades
Numerosos socios acodiron á asemblea

Ao remate houbo dóces e chocolate

Os videos fixeron as delicias dos asistentes
Video da Fervenza de Ouzande para resumir a actividade de 2013:

11 de febreiro de 2014

Este domingo A Fervenza de Ouzande celebra a Asemblea Anual:::

A asociación cultural de Ouzande vén de convocar unha reunión para este domingo 16 de febreiro. A cita será no local social da parroquia ás 17.30h. Trátase da asemblea xeral de socios na que se dará conta do estado económico da entidade, da situación das actividades realizadas ou dos proxectos da institución.
Este ano tamén toca a elección da xunta directiva para 2014-2015. Desde a entidade recordan que está aberto o prazo para o pago das cuotas dos socios, tanto as relativas ao ano que se pecha (2013) como os recibos pendentes doutros anos. Pódese realizar esta operación na Taberna de Ouzande ou na propia asemblea.
A Fervenza de Ouzande reúne constantemente a numeroso público nas súas actividades

Retrouso e Recanto son dous dos froitos da asociación

As actividades ao aire libre gozan de moito seguimento
As actividades anuais son cita inexcusable para a Fervenza
A Fervenza de Ouzande desenvolve unha intensa actividade cultural desde 2001