26 de maio de 2014

Sendeirismo polo románico da Estrada:::

Cartel da actividade.
Este domingo día 1 haberá unha oportunidade única para coñecer o románico da Estrada, trátase da última ruta do programa Imos Andar da Fervenza de Ouzande desta primavera. 
A camiñata é aberta a todo o público e gratuíta. Arrancará ás 10 da mañá da igrexa de Ouzande para chegar contra as 13:30, ten unha lonxitude duns 13km e é de dificultade baixa. Logo de camiñar polos carreiros de Ouzande e subir ao Monte Pedroso, desta volta a proposta é para coñecer as parroquias de Ouzande, A Somoza e Tabeirós. O máis destacado é o rico patrimonio destas tres localidades, en especial as igrexas románicas de Ouzande e Tabeirós ou a aldea de Castrorramiro (A Somoza).
Imaxe da ruta a Tabeirós realizada en 2013. Arquivo

25 de maio de 2014

Resaca electoral en Ouzande:::

Ouzande viviu hoxe unha xornada electoral moi relaxada, sen grandes incidencias. A participación foi moi baixa, dun 53,11%. Os partidos que máis votos levaron foron os estatais maioritarios (Partido Popular 68 papeletas e Partido Socialista Obrero Español 28 votos) Por número de votacións, a Alternativa Galega de Esquerda fíxose con 22 papeletas. O resto de partidos sacaron menos de 10 papeletas, destacando o Bloque Nacionalista Galego con 8. A agrupación PODEMOS conseguiu 5 votos na mesa ouzandesa mentres que Unión Progreso y Democracia levou 4. RED CIUDADANA logrou 2 papeletas. Tanto o Movimiento Social Republicano como a agrupación  RECORTES 0 sacaron cadanseu voto. 8 sobres foron introducidos sen papeleta e houbo outros 14 que rexistraron algunha incidencia polo que foron contados como nulos.
A maior parte das votacións efectuáronse durante a tarde, a xornada rexistrou algunhas curiosidades, sobre todo as protagonizadas por veciños e veciñas indigados coa situación política actual e que mostraron o seu malestar á hora de exercer o seu dereito. Nas votacións os veciños falan e falaron claro, desde un recibo de compra dun supermercado ata fotocompicións con "chourizos" para poñer o acento nos escándalos políticos que están marcando a actualidade política. Unha destas papeletas mostraba o seu malestar cun texto que remataba cun "e que viva Ouzande". 
O colexio electoral ubicouse na parte superior do Local Social e o Campo da Festa foi un ir e vir de coches durante toda a xornada.

22 de maio de 2014

"Te Pillé" chega ao Festival Internacional Jove de València:::

Te Pillé foi escollida como cinta finalista no Festival Internacional Jove de València. Esta película escrita e dirixida por Abel Carbajal foi  presentada o 23 de novembro de 2012 no Teatro Principal da Estrada. Trátase de 18 minutos de película policiaca regada con doses de bo humor e orixinalidade. Xoque Carbajal encarna ao protagonista, un estafador dado á bebida e perseguido pola policía. A riqueza de planos e mailas dóces melodías enriquecen a cinta, as localizacións son lugares moi familiares, como a Praza da Farola ou a Avenida de Ponteareas. Tamén participan como actores ou figurantes veciños da zona como Paco de Camba ou Darío Barros.
Presentación da película na Estrada.
Secuencia do filme

19 de maio de 2014

Un paso adiante no Pedroso:::

O poema "Penélope" de Díaz Castro protagonizou a Ruta das Letras que se celebrou cun notable éxito o pasado sábado entre a parroquia de Ouzande e o Monte Pedroso. Ás 10 da mañá agrupáronse na igrexa unhas 40 persoas dispostas a completar o desafío de coroar o Monte Pedroso. Foron 12 km de percorrido circular cheo de sorpresas. Chegados ás intalacións de Monte Cabalar, os camiñantes atopáronse coa primeira parte do poema do autor homenaxeado, houbo que lelo para poder ultrapasar a primeira cancela, foi a antesala do que nuns metros  ía ser o momento máis destacado da ruta; a ascensión ao alto do Pedroso. Os altos toxos cachudos que rodean o pico e o pronunciado desnivel non foron barreira suficiente para frear aos sendeiristas que con gozo coroaron as míticas pedras dos altos da Somoza, desde onde divisaron con moi bo día as espectaculares vistas que regala este singular punto da xeografía estradense. Sorpresa ao comprobar o ben que se vía a Ría de Arousa desde Santa Uxía de Ribeira ata O Grove polo oeste, o interior da provincia da Coruña cara ao norte, o Monte Cábado e os montes cara a Pontevedra no sur e a Rocha e os montes do Deza cara ao Leste. No descenso máis versos do poema "Penélope"; nas cancelas, nas pólas dos carballos e, finalmente, no adro da igrexa de Ouzande onde tamén houbo libros para os visitantes. A guía de Castelao e A Estrada, algunhas das novelas galardoadas co premio García Barros, Maxina ou a Filla Espúrea de Marcial Valladares, libros infantís e xuvenís ou a poesía de Celso Emilio Ferreiro uníronse aos Nimbos de Díaz Castro sendo as letras que os sendeiristas levaron para as súas casas así como o bo sabor de boca tras unha completa mañá na que se festexou o idioma galego do mellor xeito que se pode facer no seu día e en todos os outros que é falando e andando.
A ruta comezou ás 10 na igrexa de Ouzande

Momento de abandonar o camiño e adentrarse na aventura

Safari gratuíto no Pedroso

Gozando das espectaculares vistas

foto de grupo no alto do Pedroso

Regreso entre os muíños de vento

Coroa do Monte Pedroso

Inincio do descenso

Polos prados de Ouzande

Escollendo os títulos

Recompensa literaria no adro da igrexa

15 de maio de 2014

O Monte Pedroso acolle a celebración do Día das Letras:::

O Monte Pedroso será este sábado o destino da "Ruta das Letras" que organiza a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande. Trátase dunha actividade máis do programa “Imos andar” que xa leva nove anos en activo. A saída está prevista para as 10 da mañá diante da igrexa de Ouzande e o regreso no mesmo punto á 1 e media do mediodía. Para celebrar o día das Letras, a organización ten preparada algunha sorpresa durante a ruta e ao final agasallará aos asistentes cun libro conmemorativo desta data. Non é preciso inscribirse previamente, sendo libre libre e gratuita a participación. O percorrido atravesará diversos puntos de interese como a propia igrexa románica que é o punto de inicio e fin ou o Monte Pedroso que ofrece unhas fermosas vistas sobre a comarca. As previsións metereolóxicas auguran unha xornada solleira que de seguro fará as delicias dos camiñantes.
"Imos Andar" 2014 pecharará o vindeiro domingo 1 de xuño os roteiros desta primavera cunha ruta polas parroquias de Ouzande, A Somoza e Tabeirós.

1 de maio de 2014

Ouzande celebra o día do traballo botándose a andar:::

Foi unha ruta polos camiños e carreiros da parroquia de Ouzande. Todo comezou ás 10 da mañá na igrexa da localidade cando uns 21 sendeiristas se reuniron trala convocatoria da Fervenza de Ouzande, non faltaron os cans e o bo humor para percorrer os 11 km da camiñata. Atravesaron durante toda a mañá disintos puntos da parroquia, adentrándose no monte e visitando distintos puntos de interese como a igrexa románica ou o conxunto dos muíños e da Fervenza. Para algúns foi a primiera visita turística a Ouzande polo que supuxo unha mañá de descobertas. Á unha e media os camiñantes chegaban felices ao punto de saída agradecidos polo fermoso día de sol que os animou a percorrer a parroquia.