30 de novembro de 2013

Esta noite celébrase a III Foliada do Souto en San Fin de Sales:::

San Fin de Sales, en Vedra, acolle esta noite, a partir das 21:30h unha foliada que vai estar amenizada pola Requinta da Laxeira, Maianas -as pandereteiras da Maía-, Retrouso, O Ghusto do Boi, Os ke Hai de Callobre e Son do Souto.
Ademais, dentro do programa festivo, haberá unha iniciativa innovadora como é a segunda edición dun concurso de aturuxos. 

26 de novembro de 2013

25 de novembro de 2013

Escollidos os membros da nova Xunta Parroquial:::

Na tarde onte dábanse cita no local social un nutrido grupo de persoas para participar na reunión que convocou a Xunta Parroquial con motivo das eleccións de novos membros para esta entidade. Aproveitando a xuntanza, os actuais membros da Comisión explicaron varios asuntos de interese veciñal.
O primeiro dos temas a tratar foi a posible ampliación do cemiterio parroquial. Unha representante da Xunta explicou que testarán a demanda de construción de novos panteóns para saber se é necesaria tal obra, pois esta non é complicada tecnicamente pero si en canto aos permisos que hai que solicitar posto que habería que ceder terreo municipal á Igrexa e facer todas as xestións que conleva unha obra deste tipo. A idea sería construír unha fileira de panteóns ao pé da ábsida da igrexa, no camiño que actualmente baixa ao Campo Vello e que tería que ser variado de lugar. Algúns veciños mostraron o seu interese por tellar os panteóns xa existentes, pero este é competencia do párroco polo que o asunto quedou en aguas de bacallao.
As obras executadas para a construción dun almacén anexo ao local social xa están case rematadas, a Xunta Parroquial explicou que se solicitou unha subvención á Deputación e que falta acondicionar o interior.
Imaxe de arquivo das obras de construción do almacén 
Pero o tema que centrou a reunión foron as votacións dos novos membros da Comisión. Houbo moitos votos e moi variados polo que a pizarra do local de contado se encheu de nomes de candidatos. Saíron elexidos os seis máis votados, que son Martín Campos con 34, José Porto con 30, José Salgueiro con 27, Maria del Carmen Guerra con 26, Clara Rosende con 23 e Moncho Blanco con 19. Este ano tomarán posesión do cargo os dous primeiros en substitución de Laura Rosende e Jesús Louzao. En 2014 entrarán o resto para substituír aos outros catro.

momento das eleccións

contaxe

Resultados finais


Viaño Pequeno, en Trazo, acolle a IV Fía e baile de pandeireta:::

O pavillón polideportivo de Trazo acolleu este sábado a IV Fía e baile de pendeireta organizada pola Asociación Cultural "Os Xeitosos". As dúas formacións musicais de Ouzande, Recanto e Retrouso, participaron xunto a  "Gharatuxa Ghaiteiros", a "Coral de Castrosúa", o grupo de pandeireta "Xentiña de Trazo", "Pana Raiada", "Faíscas de Pontraga", as pandeireteiras de "Anxeriz", "Raiolo" e mailos "Xeitosos de Trazo". A organización tivo a ben convidar aos grupos participantes cunha cunca de caldo para entrar en calor. Pero a fría noite había quecer definitivamente grazas ás xotas e muiñeiras que bailou o público ata altas horas da madrugada.
A participación ouzandesa nesta festa motivou que unhas 30 persoas se desprazasen ata o concello de Trazo, especialmente polo grande número de integrantes de Recanto.

Retrouso

Recanto

Retrouso


Retrouso


baile

23 de novembro de 2013

A Garda Civil investiga o roubo dun semáforo de obra en Ouzande:::

A Garda Civil investiga arestora o roubo dun dos dous semáforos de obra que a empresa Taboada&Ramos empregaba para regular o tráfico na estrada de Ouzande con motivo das obras de construción dunha beirarrúa nesta vía.
Os feitos aconteceron onte, venres 22 de novembro ao medidodía, cando os operarios da citada empresa facían o descanso do xantar. Os "amigos do alleo" só tiveron tempo de roubar un destes dous semáforos posto que foron sorprendidos coas "mans na masa" polos veciños. Os traballadores da empresa que executa a obra víronse na necesidade de prescindir do servizo de regulación semafórica durante a tarde e a empresa procedeu a presentar a correspondente denuncia perante á Garda Civil. Membros dos corpos de seguridade investigan agora os feitos para poder proceder á detención dos autores deste extraño roubo. Polo momento xa hai sospeitoso/s e probas incriminatorias, polo que é posible que en breve teñamos novas sobre este suceso.
Un dos semáforos que foron roubados onte ao mediodía

22 de novembro de 2013

Continúan as obras da beirarrúa de Ouzande:::

A obra de construción da beirarrúa dereita que unirá O Tallo coa igrexa parroquial e mailo sendeiro que vai desde a Taberna de Ouzande e ata a Labrada continúa adiante. Durante a semana, a veciñanza tivo que soportar un regulamento por semáforo na estrada principal da aldea, alternando a circulación só nun sentido para deste xeito deixar espazo suficiente e seguro para que a maquinaria poidese traballar con seguridade. O tempo solleiro destes días acompaña a obra que, de non haber imprevistos, non se demorará moito no tempo.





17 de novembro de 2013

Retrouso e Recanto actuarán conxuntamente nunha "Fía" tradicional en Trazo:::

O concello de Trazo acollerá o próximo sábado día 23 de novembro unha Fía Tradicional organizada pola Asociación Cultural "Os Xeitosos de Trazo" e á que foron convidadas as dúas formacións musicais de Ouzande; Retrouso e Recanto. 
A festa terá lugar no Pavillón de Viaño Pequeno de Trazo ás 21h do vindeiro sábado e a ela acodirán as seguintes formacións musicais: "Gharatuxa Ghaiteiros", a "Coral de Castrosúa", o grupo de pandeireta "Xentiña de Trazo", "Pana Raiada", "Faíscas de Pontraga", as pandeireteiras de "Anxeriz", "Raiolo" e mailos "Xeitosos de Trazo". Aos festeiros e festeiras que se acheguen a este municipio da área de Compostela, a organización agasállaos cunha cunca de caldo para entrar en calor. O obxectivo da festa é recordar as antigas fías. 

A Xunta Parroquial convoca eleccións:::

A Xunta Parroquial vén de convocar á veciñanza ouzandesa a unha reunión para falar de diversos asuntos de interese público así como para realizar as votacións para elexir os novos membros da entidade. A reunión será ás 17h o vindeiro domingo 24 de novembro no local social da parroquia.
Segundo reza na convocatoria desta xuntanza, a orde do día tratará sobre a posible ampliación do cemiterio, informar da subvención da Deputación Provincial e das obras realizadas e, finalmente, proceder ás votacións para elexir a nova Xunta Parroquial.
A Xunta é a encargada de organizar as festas, polo tanto de exercer de "comisión de festas" así como de velar por aspectos de interese público da aldea. As eleccións son cada catro anos. As xuntas nunca quedan renovadas totalmente, pois o primeiro ano saen dous membros e entran dous novos, favorecendo que o primeiro ano lles sirva de aprendizaxe e haxa máis comunicación entre a Xunta saínte e a entrante. Ao seguinte ano xa se renova totalmente a entidade coa saída dos vellos e a entrada dos elexidos na mencionada reunión.

cartel anunciador da Xunta de Veciños

Dóce e concurrida festa do Outono en Ouzande:::

O local social de Ouzande acolleu onte a festa do Outono que organizou a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande. Dous asadores con castañas e chourizos dábanllela benvida aos veciños e festeiros que desde as 21h comezaron a chegar ao Campo da Festa. No interior foise completando unha mesa con variados dóces feitos polos socios e socias con produtos de repostería e castañas. Durante a velada houbo unha actuación do grupo de pandeireteiras da Fervenza de Ouzande, outra do grupo Retrouso e mais da coral de música tradicional Recanto. A animación tardou en decaer posto que foi moita a xente que onte pasou polo local social para festexar o outono e probar os manxares típicos desta época do ano. 
mesa dos dóces

Castañas e chourizos ás portas do local social

Pandereteiras de Ouzande

Actuación de Recanto

degustación dos dóces do outono


animada velada a organizada pola Fervenza de Ouzande

16 de novembro de 2013

Arrancan as obras da beirarrúa do Tallo á Labrada:::


Esta semana deron inicio as agardadas obras do tramo de beirarrúa que unirá o Tallo coa igrexa parroquial e maila senda peonil desde este segundo punto e ata a costa da Labrada.
As obras xa foran anunciadas o ano pasado e a súa execución estaba prevista primeiro para xaneiro e, logo dunha visita dos responsables municipais ao lugar, para setembro. Finalmente as máquinas chegaron a Ouzande este martes para facer os primeiros labores de movementos de terras e colocación de tubaxes.
A obra deixará na parroquia un novo tramo de beirarrúa desde o Tallo, continuando a xa existente ao lado da casa de "Manuel Ángel", continuará polo lado dereito segundo miramos cara á igrexa ata a Taberna da parroquia, a partir de aí será unha senda peonil ata a Costa da Labrada. As obras inclúen as correspondentes tubaxes de pluviais e iluminación con farois. No primeiro tramo contemplan espazo para aparcadoiros, quedando a zona da igrexa falta destes pola imposibilidade de ampliar o espazo público.



12 de novembro de 2013

Castañas a bailar na "Festa do outono":::

Este sábado día 16 de novembro hai festa en Ouzande. Será a partir das 21h cando o Campo da Festa acolla a "Festa do Outono" que organiza A Fervenza de Ouzande. A cita está ideada para que a veciñanza teña un espazo de convivencia arredor do produto estrela do outono na parroquia, a castaña. A organización anunciou tamén novidades de tipo gastronómico, pois prevén acompañar o froito do outono con viño novo de balde e dóces feitos polos propios socios e socias da Fervenza de Ouzande. Tamén animan a que quen queira participar compartindo algún postre relacionado co outono que o faga. Na festa haberá servizo de bar con chourizos asados e música ao vivo interpretada polas formacións locais RETROUSO, RECNTO e mais polo grupo de pandereteiras de Ouzande. No seguinte video podemos recordar os momentos máis destacados desta festa na edición de 2012.

6 de novembro de 2013

O aforro e a eficiencia enerxética chegan aos fogares ouzandeses:::

Este venres día 8 ás 20h terá lugar no local social de Ouzande unha charla sobre eficiencia enerxética e aforro no fogar. A conferencia está organizada pola Asociación de Consumidores e Amas de Casa da Estrada, os ponentes son Celia Muñoz e Hector Rodriguez. Esta sesión informativa repetirase en distintos puntos do municipio estradense coa finalidade de familiarizar aos consumidores con estes conceptos, o venres 8 ás 17:30h será no MOME (Museo da Madeira e Moble da Estrada), o martes 12 en Rubín ás 17h e ás 18:30h en San Pedro de Ancorados.
A eficiencia enerxética refírese á mellora da calidade de vida das persoas mediante un uso da enerxía que non supoña un gasto innecesario ou abusivo. O obxectivo é reducir o custo das facturas e entender que é o que estamos a consumir. Na charla explicarán este concepto centrándose nas facturas, tarifas e reclamacións. Tamén tratarán sobre os electrodomésticos de baixo consumo ou darán consellos para reducir o consumo de electricidade no fogar. A Fervenza de Ouzande colabora coa Asociación de Consumidores e Amas de Casa da Estrada para facer posible esta conferencia.