31 de decembro de 2012

Esta noite uvas, badaladas e chocolate en Ouzande:::

Xa está todo listo no local social de Ouzande para darlle a benvida ao anonovo. Será a partir da unha da madrugada e ata que "o corpo aguante". A Fervenza de Ouzande é a organizadora e convida á veciñanza ao primeiro brinde da noite e mais a chocolate con churros. 
cartel-convite para a festa

Xa está todo listo para a festa

30 de decembro de 2012

O "Filmou" de Ouzande arrancou con éxito:::

Ouzande estreou hoxe "Filmou", un festival de películas para repasar a vida ouzandesa nos últimos doce meses. A Fervenza de Ouzande, organizadora do evento, dispuxo o local social como se dunha sala de cinema se tratase. Mesmo se estendeu unha alfombra vermella  para acoller ao numeroso público que quixo pasar unha tarde de cine en familia. Non faltaron os flocos de millo nin os refrescos. Como se se tratase dunha das grandes citas do audiovisual internacional, Filmou foi presentando doce películas que fixeron a delicia do público e que serviu para repasar o máis destacado da vida parroquial en 2012.
Ao remate das proxeccións entregáronse globos de prata para os distintos filmes, foron recollidos por persoas participantes nas actividades ás que se facía referencia. Os premios e mailos galardoados foron os seguintes:
Mellor fotografía:  Eficacia Dixital, polas fotos de todo un ano.
Mellor canción: Na Beira do Mar, pola canció homónima
Mellor actriz de reparto: Cinza por Brave Arcos Mountain
Mellor actriz protagonista: Elsa de Xestoso por Gin Kiber, 50 anos despois
Mellor guión adaptado:  Fachicos de Lume, pola recreación dos III Xogos Oulímpicos
Mellor película de animación: Unha noite non é nada
Mellor coreografía:  A Lot of Pipers
Mellor filme deportivo:  O Penalti máis longo do mundo pola recreación do Triangular de Fútbol
Mellor vestiario: Go On in Ouzande
Mellor actor principal: Uxío Allo por A Noiva e o Navio, a película
Mellor Banda Sonora Orixinal: Cancións interpretadas en Os Dóces do Coro
Mellores localizacións: Montes de Ouzande por Un Conto de Nadal

O público encheu as butacas do local  
Uxío Allo foi un dos premiados

O público seguiu con atención os 12 filmes desta primeira edición

28 de decembro de 2012

Publícase unha noticia falsa a modo de inocentada:::

Neste mesmo blog e durante 24h estivo colgada unha noticia falsa que circulou polas redes sociais como verdadeira. Para facer esta broma mediática escolleuse un tema que impactase aos lectores e déronse datos recoñecibles polos mesmos: que en Ouzande se ía construír un hipermercado. Adxuntouse unha fotografía e datos concretos da súa ubicación, ao final da mesma explicábase que era unha inocentada. Como hai xente que se queda nos titulares, esta enlazouse polas redes sociais e -máis dun- caeu na trampa.
Tal foi así que foron centenares as visitas a esta páxina durante todo o día, a pesar de ser este un medio moi reducido en canto ao nivel de alcance.
Desde o PORTAL DE OUZANDE esperamos que fose unha broma levadeira e que servise para celebrar cun sorriso o "Día dos Santos Inocentes"
Recorte da noticia publicada onte e que xa foi dada de baixa

27 de decembro de 2012

O belén de Ouzande ten boi e burra:::

Ao belén de Ouzande non lle falta nin a burra nin o boi, o cura párroco explicou que na Biblia non se mencionan, pero hai que ter en conta que a tradición do Nacemento se fragua na cultura popular, por iso se representa con estes animais.
A construción deste "Portal de Belén" garda certa similitude coa orografía da parroquia, mesmo está atravesado por un regueiro con muíños.  


Este domingo celébrase FILMOU no local social de Ouzande:::

O local social de Ouzande acollerá o vindeiro domingo o festival de cine FILMOU. Trátase dunha iniciativa da Fervenza de Ouzande para facer un repaso ás actividades da entidade en 2012. Durante a velada, que comeza ás 5 da tarde, imitaráse o procedemento das entregas de premios dos festivais de cine. Cada video será como unha película e ao final haberá sorpresas e unha merenda para os asistentes. Desde a organización animan a asistir sobre todo ás persoas que durante 2012 participaran nalgunhas das moitas actividades da asociación para así compartir recordos e risa en base aos videos proxectados. 

cartel de FILMOU



26 de decembro de 2012

O Campo Vello desfaise dos seus chopos:::

O Campo da Festa de Ouzande ten unha forma caprichosa debido a que alguén -hai máis de 800 anos- decidiu asentar unha igrexa nun pequeno promontorio que divisaba boa parte da ladeira sobre a que hoxe se asenta a parroquia. Ata a época da concentración parcelaria os "bailes" íanse botar á parte de atrás da ábsida románica. Ouzande gañou un terreo común no que no ano 1976 a veciñanza levantou un palco de formigón e onde se comezaron a instalar os actos festivos. O campo vello pasou de ser o centro da festa a quedar coma unha bancada natural na que mesmo se colocaron uns bancos de pedra. A necesidade de sombra fixo que se fosen plantando algunhas árbores, algunhas con pouca fortuna.
Tal foi o caso dos tres chopos que nos últimos anos se convertiron en tres xigantes que apuntaban ao ceo. Xa hai tempo que en Ouzande se barallou a posibilidade de eliminalos; mesmo Don Manuel, o finado cura párroco, pedira que se quitasen. Foi a Xunta Parroquial quen convocou aos veciños para o sábado pasado sacar quilos e quilos de leña do Campo da Festa de Ouzande, unha leña que non servía para dar sombra e que tapaba a vista á fermosa ábsida románica da igrexa parroquial. Agora o que se ve son uns postes de formigón, algún infrautilizado. En concreto, un deles tiña un repetidor de sinal de TV que se pasou á Alemparte para non danar o conxunto histórico, pero só levaron o repetidor; o poste continúa ao pé dos canzorros medievais da igrexa.
O Campo Vello quedou  deste xeito
Agora pódese divisar a ábsida románica da igrexa sen os tres xigantes por diante

25 de decembro de 2012

A chuvia non faltou á "III Feliz Ruta de Nadal":::


A chuvia non se quixo perder a ruta que se celebrou esta mañá polos montes de Ouzande e A Somoza. Coincidindo co día do Nadal, A Fervenza de Ouzande deu inicio ás 10:30h diante da igrexa da parroquia a III edición da "Feliz Ruta de Nadal" que xuntou a unhas 25 persoas a pesar do mal tempo. A auga deixou facer a ascensión polo Picoto, Penerada e a visita ao encoro da Estrada, pero chegando á lagoa destouse unha coriscada para recibir aos sendeiristas en tan acuático escenario. Este foi o punto máis lonxano ao que chegaron, pois despois baixaron pola zona de "Monte Cabalar" bordeando o Pedroso e volvendo a Ouzande cunha parada no Muíño do Rubio. Os temporais dos últimos días deixaron a súa pegada, dotando de numerosos obstáculos en forma de árbores atravesadas nos camiños ou pistas convertidas en auténticos regueiros de auga. Estes elementos fixeron que a ruta resultase divertida, ademais de feliz.
foto de grupo ao pé do Muíño do Rubio

23 de decembro de 2012

Concerto de Natalia Carbajal no MOME no acto de entrega de premios de ACOE:::

ACOE, a Asociación de Comerciantes da Estrada, foi a organizadora dun acto que tivo lugar este serán ás 7 no MOME da Estrada. Durante o trascurso do mesmo houbo unha actuación moi especial, a da nosa veciña  Natalia Carbajal quen fixo un concerto de piano. Entre as distintas pezas fóronse dando a coñecer os nomes dos agraciados de dous concursos de ACOE; o de tapas e mais o do mellor escaparate de Nadal.
Estes son os nomes dos premiados con consumicións por 10€ por participar no concurso de tapas: María Barros Sanmartín (Xantares), Xosé Martíns (Bar Andalucía), Javier Barreiro Lorenzo (Tapería O Lar), Sebastián Grela Caramés (Samaná), Alejandro Puga Barreiro (Nicol´s), David Borrajeros Vilela (Enredo), Antonio Segade Bernárdez (O Candil de Silvia), Alfonso Chedas Durán (20berzas), Gonzalo Casanova González (Tapería Sibaria), Fernando Vázquez González (O Café de Xulia), Manuel Anxo Rey Chao (Eureka), Manuel Bouzón (Argentinos Burguer), Gema Calvo Villaverde (Bodeguiña) e Lucía Blanco Corral (Lecer). A continuación déronselle os premios ás persoas que votaron pola mellor tapa; Beatriz Pazos Alonso levou noite e almorzo para dúas persoas nunha casa de turismo rural e  Ignacio Vázquez foi o agraciado cunha noite nun hotel de catro estrelas. Sara Neira levou unha tarxeta-regalo de 50€.
14 establecementos foron os que participaron no concurso de tapas e tamén optaban ao premio á mellor tapa que recaiu na pizzería Argentino´s Burguer cunha ventresca de bacoriño con puré de castañas e confitura de froitos vermellos.
A entrega de premios foi realizada por membros de ACOE e tamén participou a deseñadora da imaxe da campaña de Nadal desta entidade, Rosa de Cabanas quen leu o fallo á mellor tapa. Sindo Villamayor foi o encargado de facer as presentacións e de dárllelas grazas ás persoas e entidades que colaboraron con ACOE, como foi o grupo Retrouso, a quen lle fixeron entrega dunha dóce figura en recoñecemento ao seu traballo.
O concerto de piano de Natalia Carbajal estivo composto por seis pezas que encandilaron ao público: unha sonata de Beethoven, unha peza de Enya, un vals de Tcharkovsky, Gymnopédies I de Erick Satie, L´autre vals d´Amelie de Jann Tiersen e mailo Preludio op. 3 nº 2 de Rachmaninov. Ademais dos merecidos aplausos, a pianista recibiu un ramo de flores por parte de ACOE.

Maxistral interpretación de Natalia Carbajal

Sindo Villamayor e Natalia Carbajal 
Rosa de Cabanas fixo público o fallo á mellor tapa  que recaiu en Argentino´s Burguer 
Noelia Bouzón en representación de Retrouso recolleu un agasallo 
Entrega de agasallo a Manuel Bouzón, un dos gañadores por participar no concurso de tapas

Aumentan os controis da Garda Civil en Ouzande:::

A Garda Civil de Tráfico está a intensificar o control da seguridade na parroquia. Nos últimos meses estableceron varios operativos para testar que os coches que circulan pola zona o fan acorde á legalidade vixente (carnés ao día ou seguros dos vehículos) e que os condutores circulan coas medidas de seguridade oportunas (luces, alcolemia, cinto de seguridade). A maior parte dos operativos realízanos de día e na estrada xeral da parroquia, pero este sábado fixéronos incluso por pistas secundarias do Redondo ou o Picoto.
Desde setembro xa denunciaron a case 15.000 persoas por conducir baixo os efectos do alcol en toda Galicia. Tamén é certo que é aquí onde se consumen maior número de boquillas de etilómetros para as correspondentes probas  (máis dun millón ao ano). As estradas secundarias son agora as protagonistas das que desde Tráfico definen como unha "campaña permanente" para evitar accidentes de tráfico por causa do alcol. O tenente coronel deste organismo asegura que estes controis son rutineiros e que se organizan en cada dirección provincial, escollendo os puntos que poden ser máis perigosos. A maioría das conducións baixo o alcol son á primeira hora da mañanciña, despois do xantar e ao serán. Algúns veciños foron denunciados nestes controis polo que terán que pagar multas por circular sen seguro, co carné caducado ou sen cinto de seguridade pola parroquia.
Axentes de Tráfico no control das 15:00h do sábado no cruzamento da estrada xeral coa de Penerada.

21 de decembro de 2012

A Estrada converteuse en "Smoke City":::

O Teatro Principal da Estrada converteuse en "Smoke City" desde as nove do serán de hoxe trala estrea da obra de Malasombra Teatro. O noso veciño Xoque interpretou a Silvio Nicotini, un mafioso que pretende impoñer a lei do seu negocio na cidade, seducindo a un Jonh Calquera coa nicotina, pero pronto apareceu Bob Cleaner para frealo.
Esta divertida comedia negra volverá a ser representada mañá sábado ás 21:00h no mesmo escenario. A entrada custa 3.5€ e pódese adquirir na billeteira do teatro unha hora antes do inicio da función.





20 de decembro de 2012

Escolares do Foxo traballan con Rosa de Cabanas e as súas obras:::

O alumnado do CEIP O Foxo traballa cada ano coa obra dun/dunha artista local, desta volta a comvidada foi Rosa de Cabanas, quen tivo a oportunidade de intercambiar impresións cos alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria deste centro de ensino. Durante varias xornadas traballaron xuntos para coñecer os deseños feitos pola nosa veciña, mesmo montaron unha exposición con algúns destes traballos; a maioría relativos a Ouzande. Pero o máis interesante foi a elaboración conxunta dun mural en lona que onte presentaron no colexio. No acto, Rosa de Cabanas foi convidada a plantar un érvedo no patio do colexio, leu unhas palabras ante un público emocionado por ver o resultado final. Agora quedará para sempre no CEIP do Foxo este mural onde saen representados os propios autores.
Os escolares organizaron a exposición "A Artista na súa Obra"

No patio quedará a pegada de Rosa de Cabanas cunha árbore

Rosa presentou o traballo colectivo

O alumnado do Foxo recordará este día con emoción, foto de grupo.

Ruta de Nadal, FilmOU, Festa de fin de ano e presentación dun libro nas festas natalicias de Ouzande:::

A programación cultural deste Nadal que acaba de ser presentada pola Fervenza de Ouzande está composta por unha ruta a pé, un festival de cine, unha festa fin de ano e maila presentación dun novo libro de Manuel Pereira.   A primeira destas actividades terá lugar o vindeiro martes, día de Nadal, e consiste nunha ruta a pé polos montes de Ouzande e A Somoza para visitar, entre outros, as Lagoas. A saída terá lugar ás 10.30h da igrexa de Ouzande e o regreso prevese para as 13:30h. Esta xa é unha cita clásica no Nadal ouzandés, o ano pasado o destino foron os montes de Arcos, coa ascensión ao Castro desta parroquia veciña.   A seguinte actividade que deseñou A Fervenza de Ouzande para estas festas é un "festival de cine" chamado FILMOU. Trátase dunha tarde de cinema que se celebrará o próximo domingo 30 ás 5 da tarde no local social e que terá como protagonistas distintos videos documentais sobre a actividade da asociación neste ano 2012. O día 31 de decembro soarán as badaladas na parroquia para darlle a benvida ao anonovo. A Asociación de Ouzande organiza para esa noite unha festa de "fin de ano" con brinde polo 2013, música, sorpresas e, como non, o tradicional chocolate con churros.
O día 3 de xaneiro no local social de Ouzande, Manuel Pereiras Valcárcel presentará o seu último libro, un poemario editado en Zaragoza e que compartirá coa Veciñanza como en anteriores ocasións.
A saída do próximo martes será pola "Ruta das Lagoas",
esta imaxe é da anterior edición cando a camiñata foi polo Castro de Arcos.
O día 31 haberá oportunidade de brindar polo anonovo, esta imaxe corresponde á edición anterior.


19 de decembro de 2012

"Smoke City" chega ao Teatro Principal este venres e sábado:::

O Concello da Estrada vén de anunciar a programación cultural para este Nadal. Entre as distintas ofertas de lecer, temos dous pases da última obra de teatro de Xoque Carbajal, Alberto Rolán, Jouse García e Ramón Orencio. Smoke City é a cidade do Fume, unha obra de teatro de Malasombra Teatro que chega este venres 21 e sábado 22 ás nove do serán ao Principal da Estrada.
Trátase dunha comedia que aborda a temática tan de actualidade do tabaquismo. Trátase da recreación do paraíso dos fumadores, no que hai unha mafia dirixida por Silvio Nicotini que domina a cidade. O antagonista é Bob Cleaner, un detective disposto a facer o que faga falta para devolver a orde na urbe. O ambiente será negro, tanto polo fume coma polo humor que envolverá este venres e sábado ás 21:00h o Teatro Principal da Estrada.
Smoke City é autoría de José Luis Prieto e está dirixida por Marcos Orsi, o parto componse por Alberto Rolán, Jouse García, Mon Orencio e mailo ouzandés Xoque Carbajal.

Cartel de Smoke City

17 de decembro de 2012

Na final o cartel de Rosa de Cabanas:::

O cartel das festas do San Paio de 2012, deseñado por Rosa de Cabanas xa se encontra na final da III Festa do Cartel, o concurso. Para apoiar este traballo chega con acceder ao perfil de "Galicia en Festas" e clicar sobre o cartel das festas patronais da Estrada, posteriormente hai que darlle ao "gústame". Aí tamén se pode contar cantos votos recibiu cada cartel.
O deseño da ouzandesa compite canda a outros dez deseños de festas de distintos puntos de Galicia. Este traballo puido verse polas rúas da Estrada e a súa contorna para anunciar o San Paio celebrado en xuño de 2012. A imaxe das festas ía moito máis alá do deseño do cartel, pois a vila apareceu decorada cos globos que se reflicten no mesmo, toda a programación seguiu esta fermosa imaxe durante os últimos días do pasado xuño.
A arquitecta e deseñadora Rosa de Cabanas é autora de innumerables traballos no ámbito do deseño, na súa web "www.rosadecabanas.eu" pódense ver algúns deles, entre os que destaca a enorme cantidade de carteis para actividades da asociación cultural A Fervenza de Ouzande.
Praza de Galicia (ou da Farola) decorada cos globos referidos no cartel nunha obra de
arquitectura efímera que engalanou A Estrada no San Paio 2012
Os globos lociron nas farolas do centro urbano

16 de decembro de 2012

Adxudican 150.000€ para o novo tramo das beirarrúas:::

A Deputación Provincial vén de adxudicar varias partidas orzamentarias para obras en concellos da súa xurisdición, entre elas encóntranse uns 150.000 euros que se destinarán ás obras de ampliación das beirarrúas de Ouzande. O tramo afectado é o comprendido desde o Tallo e ata a igrexa de Ouzande, polo lado máis próximo ao Redondo. A demanda veciñal segue a ser que cheguen ata a costa da Labrada e polos dous lados, pero a situación económica e a parálise nas administracións fai que esta obra tan necesaria para a seguridade vial da zona se vexa adiada a futuras adxudicacións. Os 400 metros que se han construír son a continuación das xa existentes e contan coa cesión dos terreos necesarios por parte dos propietarios das parcelas afectadas, segundo informou o Concello da Estrada.

15 de decembro de 2012

O temporal "Nicky" abandona Ouzande deixando algunhas incidencias:::

Durante a xornada de onte, as grandes cantidades de chuvia e o forte vento puxeron en alerta amarela a nosa zona, a pesar diso non houbo grandes incidencias, sacando que as cunetas baixaban cheas de auga, algunha veiga a nado e que o regueiro da Fervenza medrou considerablemente. Ás 21:00h pechábase a alerta amarela, pero un forte trono desatado ás 23:00h produciu algúns danos na parroquia, ademais do susto que levou máis dun. Aparellos eléctricos avariados en varias casas ou portais automáticos estragados na Alemparte son algúns exemplos das consecuencias dese forte e inesperado trono da noite de onte.
Regueiro da Fervenza ao seu paso polo Muíño do Rubio.
Foto da A.C. A Fervenza de Ouzande

9 de decembro de 2012

A igrexa que quixo ver o ceo:::

O adro da igrexa de Ouzande ben pode presumir de ser un dos máis fermosos da contorna, pero a beleza está ben traballada. Desde hai anos fóronse plantando árbores e constantemente córtase a herba e recóllense as follas do outono. Pero xa había tempo que as pólas destas árbores do adro non deixaban ver o ceo, polo que a Xunta Parroquial tomou cartas no asunto e onte procedeu a darlle unha poda severa a estes brazos da  natureza que continúan querendo abrazar o ceo de Ouzande.



8 de decembro de 2012

Os planos do PXOM, a debate:::

Se un tema é polémico e deu para encher páxinas de xornais nos últimos anos no municipio da Estrada, ese é o do PXOM. Recentemente volveu ser noticia pois fixéronse públicos os últimos planos sobre os que se traballa e que pretenden adaptar a normativa á Lei do Solo de Galicia. O partido que goberna (PP) preséntaos coma un avance neste tedioso proceso, mentres que a oposición  destaca a redución da edificabilidade no rural (PSOE) e  matizan que é un atraso   sobre as propostas anteriores (BNG). Destaca o grande interese que xerou coa inxente  cantidade de descargas dos planos na web do BNG e que fixo que agora figuren tamén na web do Concello. O TSXG vén de botar abaixo as normas vixentes e volve ás que había en 1978.
Reproducimos os planos relativos aos lugares de Ouzande, destaca que a única zona que permitiría novas construcións sería a zona do Picoto-O Castro e a área do Prado no Redondo. Os planos non son difíciles de ler pero cómpre interpretar ben a lenda antes de sacar conclusións precipitadas sobre o que din os planos.




Dez anos despois do "Prestige":::

Véñense de cumprir dez anos daquela data negra do 13 de novembro de 2002 cando a palabra "Prestige" trocou radicalmente de significado para os galegos. Ouzande non quedou parado ante a maior agresión medioambiental, económica e sentimental ás nosas costas. Por iso recordamos, unha década despois como se viviu a marea negra desde Ouzande.

O domingo día 1 de decembro de 2002, un grupo de ouzandeses participou na histórica manifestación que  uniu Galicia enteira percorrendo as rúas de Santiago de Compostela. No medio de entidades sociais, culturais, cofradías de pescadores, sindicatos e de todo tipo, unha tímida pancarta feita en Ouzande co lema "Nunca Máis" aportou un granciño de area a aquela marea humana que pretendía trocar o negro do fuel polo branco da pureza nas nosas costas.

Ante a pasividade das entidades públicas, vendo como o chapapote tinguía de negro a recortada costa galega e mentres esta realidade era mesmo negada polos medios de comunicación, unha verdadeira marea branca de voluntarios chegada de todo o mundo decidiuse a protexer praias e cantís. 

A Fervenza de Ouzande organizou tres saídas á beiramar para colaborar na limpeza do chapapote. Pero non era traballo doado, pois o primeiro paso foi contactar con xente das zonas afectadas que, sen recursos, estaba a organizarse para proceder aos traballos de extracción do fuel. Houbo que investigar cales eran os posibles perigos deste tóxico elemento, as posibles secuelas para a sáude que producirían nos voluntarios se non se tomaban as medidas de seguridade oportuna. Compría organizar ben todo o proceso e ter un lugar onde depositar o fuel que non fose contraproducente. Non foi fácil; a intendencia e organización fixo que se requerise de moita axuda; materiais e comida para os voluntarios, médicos que asesoraron e informaron sobre os posibles perigos do fuel... Unha vez que todo estaba organizado, Ouzande botouse ao mar para colaborar nas perigosas tarefas de limpeza. 35 persoas desprazáronse a Carnota os días 7 e 8 decembro, 49 voluntarios fixeron o mesmo para ir ao Grove os días 14 e 15. Finalmente, os días 21 e 22 de nadal outras 35 persoas foron a Carnota. 

Nesta ollada atrás e cunha década de distancia aínda é hoxe o día en que as bágoas navegan polos ollos que viron a crúa realidade apoderarse dun dos máis prezados tesouros que ten Galicia; o mar. Curiosamente nestas datas celébrase un xigante e polémico xuízo que procura a depuración de responsabilidades. O caso é que a costa continúa igualmente desprotexida e que a marea negra poderá, de novo, chegar terra adentro.

1 decembro 2002 na macromanifestación en Santiago de Compostela 
Traballos de limpeza nunha zona rochosa
Foto de grupo nunha das poucas paradas que se puideran facer
Descanso e intendencia en Carnota hai dez anos
Antes de comezar os traballos no Grove



Ou non é un berro de guerra:::

O pasado 5 de decembro saía á rúa o último número do periódico quinquenal local CAPICÚA. Nel encontramos un artigo de Sindo Vilamaior (presidente de ACOE) titulado Ou non é un berro de guerra en relación á vida cultural e de comunidade da nosa parroquia. Con permiso deste periódico e do seu autor, reproducimos aquí a fotografía que recolle o artigo para dalo a coñecer.

5 de decembro de 2012

O Portal de Ouzande cumpre tres anos e recibe máis de 7.000 visitas:::

O portal dixital informativo de Ouzande vén de facer tres anos de vida, sumando máis de 7000 visualizacións desde a súa posta en marcha. Xurdiu coma un espazo onde expresar toda a actualidade da parroquia, atendendo principalmente ás noticias de carácter social da mesma. Os protagonistas deste blog informativo son os veciños e veciñas de Ouzande e todas aquelas informacións tanto que xera a localidade como que poidan ser de interese para a veciñanza. As noticias publicadas neste espazo dixital baséanse en textos e fotografías pero desde 2012 tamén se completan cunha canle de videos que recibe unha media bastante alta de reproducións. As últimas incorporacións son galerías de imaxes que se poden ver e mesmo descargar e mais un perfil na rede social Facebook que permite unha maior interacción dos lectores. 
O 27 de novembro cumpríronse 3 anos desta andadura e, curiosamente, foi este mes o de maior audiencia destes tres anos, aumentada desde a promoción deste blog nas redes sociais. Sobre 7.200 visualizacións, unha media de máis de 200 á semana avalan o interese pola información local mediada nun ámbito tan reducido como é o dunha parroquia de 300 habitantes. 
O Portal de Ouzande é unha entidade independente, de acceso gratuíto, sen publicidade, sen ánimo de lucro e sen ingresos de ningún tipo onde se permite aos lectores facer comentarios, enviar correos electrónicos (oportaldeouzande@gmail.com) e compartir informacións relacionadas con Ouzande.
Tres anos e máis de 7OOO visitas do Portal de Ouzande




Música de Retrouso e deseños de Rosa Herraiz no concurso de tapas de ACOE:::

ACOE, a Asociación de comerciantes da Estrada inicia hoxe a súa programación de actividades para fomentar o consumo na vila ante o reto que supoñen a perda de poder adquisitivo por causa da mala situación económica e maila apertura de grandes áreas comerciais a poucos quilómetros. A actividade xa se adianta á ponte festiva cun orixinal concurso de tapas no que participan 14 locais da Estrada: Xantares, Andalucía, O Lar, Samaná, Nicol´s, Enredo, O Candil de Silvia, 20 Berzas, Sibaria, O Café de Xulia, Eureka, Argentino´s, A Bodeguiña e Lecer. En cada local ofrecerán dúas tapas distintas ao prexo dun eruo e que a clientela puntuará nuns cartóns que lles facilita o local. Quen faga o percorrido de todos os locais durante a ponte terá a opción de entrar no sorteo de varios agasallos: unha estancia e almorzo nunha casa rural para dúas persoas, outra nun hotel con spa, vales de 10 euros para mercar na vila e unha tarxeta-regalo de Acoe valorada en 50 euros. O concurso encétase hoxe de 8 a 11 do serán e acaba este domingo con horario de 12 a 3 do mediodía. A imaxe de toda a campaña é obra de Rosa Herraiz, tanto a parte publicitaria como os boletos para participar, tamén é a autora do deseño do resto de campaña de Nadal. Retrouso actuará mañá e pasado para animar a ruta de tapeo, percorrendo as rúas da vila, camiño de cada un dos locais que participan.



Cartel do concurso de tapas

mapa e locais participantes. 

calendario de actividades da campaña de Nadal

Sígueme por correo electrónico:::