8 de decembro de 2012

Dez anos despois do "Prestige":::

Véñense de cumprir dez anos daquela data negra do 13 de novembro de 2002 cando a palabra "Prestige" trocou radicalmente de significado para os galegos. Ouzande non quedou parado ante a maior agresión medioambiental, económica e sentimental ás nosas costas. Por iso recordamos, unha década despois como se viviu a marea negra desde Ouzande.

O domingo día 1 de decembro de 2002, un grupo de ouzandeses participou na histórica manifestación que  uniu Galicia enteira percorrendo as rúas de Santiago de Compostela. No medio de entidades sociais, culturais, cofradías de pescadores, sindicatos e de todo tipo, unha tímida pancarta feita en Ouzande co lema "Nunca Máis" aportou un granciño de area a aquela marea humana que pretendía trocar o negro do fuel polo branco da pureza nas nosas costas.

Ante a pasividade das entidades públicas, vendo como o chapapote tinguía de negro a recortada costa galega e mentres esta realidade era mesmo negada polos medios de comunicación, unha verdadeira marea branca de voluntarios chegada de todo o mundo decidiuse a protexer praias e cantís. 

A Fervenza de Ouzande organizou tres saídas á beiramar para colaborar na limpeza do chapapote. Pero non era traballo doado, pois o primeiro paso foi contactar con xente das zonas afectadas que, sen recursos, estaba a organizarse para proceder aos traballos de extracción do fuel. Houbo que investigar cales eran os posibles perigos deste tóxico elemento, as posibles secuelas para a sáude que producirían nos voluntarios se non se tomaban as medidas de seguridade oportuna. Compría organizar ben todo o proceso e ter un lugar onde depositar o fuel que non fose contraproducente. Non foi fácil; a intendencia e organización fixo que se requerise de moita axuda; materiais e comida para os voluntarios, médicos que asesoraron e informaron sobre os posibles perigos do fuel... Unha vez que todo estaba organizado, Ouzande botouse ao mar para colaborar nas perigosas tarefas de limpeza. 35 persoas desprazáronse a Carnota os días 7 e 8 decembro, 49 voluntarios fixeron o mesmo para ir ao Grove os días 14 e 15. Finalmente, os días 21 e 22 de nadal outras 35 persoas foron a Carnota. 

Nesta ollada atrás e cunha década de distancia aínda é hoxe o día en que as bágoas navegan polos ollos que viron a crúa realidade apoderarse dun dos máis prezados tesouros que ten Galicia; o mar. Curiosamente nestas datas celébrase un xigante e polémico xuízo que procura a depuración de responsabilidades. O caso é que a costa continúa igualmente desprotexida e que a marea negra poderá, de novo, chegar terra adentro.

1 decembro 2002 na macromanifestación en Santiago de Compostela 
Traballos de limpeza nunha zona rochosa
Foto de grupo nunha das poucas paradas que se puideran facer
Descanso e intendencia en Carnota hai dez anos
Antes de comezar os traballos no Grove



Ningún comentario:

Publicar un comentario