29 de xuño de 2013

"Imos andar" percorreu camiños e carreiros de Ouzande, A Somoza e Tabeirós esta primavera:::

A Fervenza de Ouzande organiza todas as primaveras unha serie de rutas para dar a coñecer mellor a contorna máis próxima tanto a veciños como a visitantes. E cada vez son máis as persoas que se interesan por este tipo de actividades nas que o compañeirismo e o contacto coa natureza se conxugan coa práctica de exercicio e co descubrimento dos paraísos cercanos que hai na bisbarra da Estrada. Ante o éxito destas iniciativas, a asociación cultural ouzandesa baralla ampliar esta cita tamén ao outono, logo de facelo a datas tan significativas como o Nadal. Nestes videos repasamos as da primavera que deixamos atrás e nas que os camiñantes descubriron algúns dos carreiros de Ouzande, subiron á Pedralba ou viaxaron no tempo á par do espazo para moverse entre o Ouzande e o Tabeirós máis medievais.

RUTA POLOS CARREIROS DE OUZANDE [01.V.13]


SUBIDA Á PEDRALBA, RUTA DAS LETRAS [17.V.13]


RUTA A TABEIRÓS [09.06.13]




27 de xuño de 2013

Premios con "Pedegree":::

 Pedegree vén de gañar o premio do público no Festival Internacional Cinema Jove de València, era o último dos concursos aos que presentaron este proxecto e que conseguiu o premio da modalidade B na que participaba (ESO e Bacharelato) Unha representación de profesores e alumnas acodiron a un fermoso acto de entrega do premio na cidade de Valencia.
Os últimos meses de andanzas do grupo do IES Manuel García Barros foron  para recibir premios en todos os festivais en que participaron. Pero o proxecto non estaba feito para isto senón para vender os libros-DVD e sacar diñeiro para apio á Cruz Vermella da Estrada, uns cartos que se han investir na axuda a familias necesitadas da zona. Participan moitas persoas no proxecto e moitas outras pódeno facer a partir de agora mercando o tan produto final deste proxecto.






26 de xuño de 2013

Especial video do LUMEIRO:::

O pasado domingo 23 celebrouse en Ouzande unha das festas máis especiais do ano, a do Lumeiro. Este video recolle os principais momentos da noite.

24 de xuño de 2013

A noite máis curta do ano non chegou a nada:::

A organización do LUMEIRO de Ouzande anunciaba que esta ía ser unha festa diferente e acertou. Durante a tarde o Campo da Festa foi un bule-bule de xente a ultimar os detalles; auga de nove fontes, herbas do máis variado, enbutirlle as roupas ao Home do Saco, preparar o carro... Aínda menos mal que o día foi longo, deu tempo a que á súa hora todo estivese preparado e ata unha impopente lúa non quixese perder desde a súa privilexiada tribuna todo canto se cocía na parroquia. Máis que cocer, asáronse chourizos á beira dun lume agarimoso que protexía da baixada de temperaturas da noite. O forte vento da tarde que facía perigar a seguridade no acendido do lumeiro foise indo a medida que se achegaba a hora. E a hora chegou para un público impaciente que en cuestión de segundos se puxo en procesión con candeas e cun saco cheo de papeis Eran aqueles nos que cadaquén escribiu todo aquelo que quixo queimar e que pertencía ao mesmo Home do Saco, este agardaba coa cabeza abaixada no alto da morea. Foi rodeado polo pobo e pola música de Retrouso. Guindáronlle o saco e mais botáronlle lume en fachicos. O demais xa é difícil de contar; as meigas fuxiron de Ouzande ao ritmo das muñeiras e pasodobles que entoaban as gaitas, o tamboril ou o bombo... en cuestión de poucos minutos o lume chegoulle ás pernas de palla do protagonista da noite e a voraz fogueira lapouno levando cara ao ceo os males que atemorizan a parroquia. A festa continuou e aínda houbo que agardar para saltar a fogueira porque esta foi descomunal.



A lúa estivo presente desde o principio

Un penitente Home do Saco agardaba mentres se asaban os chourizos

e chegou o lume

pobo que queima os seus males no Lumeiro, queda purificado para o resto do ano

danzas ao pé do lume

a música non faltou á cita

Houbo que agardar para saltar a fogueira, pero saltouse

22 de xuño de 2013

Especial Ruta Tabeirós:::

O pasado día 9 de xuño, A Fervenza de Ouzande realizou a última ruta a pé desta primaveras Recordamos paso a paso esta andaina por terras de Tabeirós e maila Somoza con este video-resumo:

A libraría Marxe galardoada polo IES Nº1 da Estrada polo uso da lingua galega:::

O Equipo de Normalización e Dinamización da lingua galega do IES Número 1 da Estrada distingue anualmente algunha entidade local polo seu uso normalizado do noso idioma, desta volta e tras analizar o comercio local cunha intensa campaña sobre usos lingüísticos, decidiron concederlle o galardón á LIBRERÍA MARXE, rexentada por Xan Astorga. O acto de entrega do diploma acreditativo tivo lugar este mediodía ao fío das 12.30 na sede desta libraría local. Un grupo de alumnas, membros do Equipo de Normalización do IES foron as encargadas de facer os honores. Xan leva á fronte deste establecemento pouco tempo e deulle un enfoque de verdadeira libraría contando con moito material de lectura en lingua galega. Día solleiro para celebrar con orgullo a alegría de manter vivo o mairo tesouro que conservamos os galegos, como é o idioma, tamén no comercio local, boa excusa este premio para achegarse a mercar algún libro en galego para gozar no verán. Parabéns á Libraría Marxe e ao IES Número 1. 

17 de xuño de 2013

Todo preparado para a máxica noite do Lumeiro:::

A menos dunha semana para a grande noite máxica do Lumeiro, Ouzande xa está preparada para espantar bruxas e trasnos, A Fervenza de Ouzande xa hai tempo que tivo que parar a recollida de elementos vexetais para facer o lume debido á grande cantidade deles que arestora hai no Campo da Festa. Hai 11 anos recuperábase esta emblemática festa que cada vez vai a máis, espertan as festas do lumeiro na comarca e grazas ao feito de que o luns 24 desta volta é festivo seguramente aumente a participación nesta máxica actividade. A partir das seis da tarde están convidados os que queiran ir recoller flores para  a auga purificadora e axudar nos últimos detalles. A recuperación do Lumeiro trouxo novas tradicións que causaron e causan sensación como é a queima do Home do Saco ou a escrita "daquelo que queiramos queirmar" para botalo no saco do Home do Saco e así facelo arder. Comida, música e animación nunca faltan, así que MEIGAS FÓRA!!! LUME!!! Recordamos como foi o Lumerio do ano pasado neste video:




Fin de semana gloriosa para Pedegree:::

Esta fin de semana pasada, Pedegree colleitou dous novos premios no III Certame Audiovisual Escolar IES Monte Carrasco de Cangas do Morrazo. En concreto déronlle o primeiro premio a "Mellor Audiovisual de Ficción" na sección da etapa en que concursaba, bacharelato e o "Premio Extraordinario do Público". Á entrega acudiu Miguel Carbajal como director do proxecto e autor do mesmo, os alumnos Nerea Álvarez, Sara Valcárcel e Abel Carbajal así como o profesor de artes plásticas Xoán Xosé Pérez.
Pero a peregrinaxe de Pedegree non queda aí porque a vindeira fin de semana viaxan a Valencia para participar no certame internacional "Cinema Jove de València"
Pedegree é un proxecto do obradoiro de "Creación Artística" do IES Manuel García Barros e nel participan e colaboran, entre outros, Miguel e Abel Carbajal, Rosa Herraiz ou Manuel Pereira. 

15 de xuño de 2013

A Escola de Música Tradicional de Ouzande clausura o curso cunha foliada:::

Con pinchos, así celebrou A Fervenza de Ouzande o peche do curso académico 2012-2013 da escola de música tradicional. Este ano destacou por haber un aumento moi considerable en todas as disciplinas, outra das valoracións máis positivas deste curso que remata son as clases de canto que cada sábado reúnen a unhas 20 persoas de todas as idades. Os cursos que se imparten son de gaita e canto por Marcos Varela, pandeireta por Silvia García e percusión por Fofi. Destas clases xa saíron dous grupos, Retrouso e Recanto. O primeiro xa gravou un disco (OU) que foi presentado no Teatro Principal da Estrada no outono pasado, a próxima actuación será hoxe no festival "Folk in Rio" de Touro. Recanto presentouse oficialmente nos "Cantos de Taberna" de Pontevedra e o pasado venres día 7 ofreceron unha pequena actuación na festa de Santo Antonio. As clases retómanse á  volta das vacacións e hai prazas para quen queira a tocar algún destes instrumentos.
A festa de hoxe comezou ás 9 ao redor dos pinchos preparados para a ocasión e que favoreceron a conversa animosa durante os primeiros momentos da velada. Pola música houbo que agardar un pouco máis pero pagou a pena. Tocaron todos xuntos, facendo unha foliada moi amena no local social de Ouzande.






12 de xuño de 2013

Chega o final de curso ás clases de música tradicional:::

O curso académico 2012/2013 chega á súa fin. Así é que as clases de música tradicional que se celebran semanalmente en Ouzande toman un respiro estival. Para festexar este feito e compartir todo o aprendido nestes meses, A Fervenza de Ouzande organiza unha "festa fin de curso" para este sábado día 15 de xuño ás nove do serán na que non faltarán alumnado nin profesorado nin música. As clases véñense desenvolvendo os sábados nas seguintes quendas: 10:30 a 11:30 ACORDEÓN. Profesor: Marcos Varela.  11:30 A 12:30 GAITA (INICIACIÓN) Profesor Marcos Varela. 11:30 a 12:30 TAMBORIL. Profesor Xosé Martíns Fofi 12:30 A 13:30 GAITA (Perfeccionamento) Profesor Marcos Varela. 16:30 a 18:30 PANDEIRETA. Profesora Silvia Martínez 22:00 a 23:00 CANCIÓNS TRADICIONAIS Profesor Marcos Varela.

cartel da festa fin de curso das clases de música tradicional



11 de xuño de 2013

Presentan o cartel das festas da Estrada:::

Esta semana vénse de presentar no Concello da Estrada o cartel anunciador das Festas do San Paio da vila. Un carrusel evocador da infancia e cun ton festivo e mesmo circense, a imaxe das festas da Estrada ten selo ouzandés ao encargarse da mesma Rosa de Cabanas. Este é o terceiro ano que a deseñadora lle dá forma ao cartel do San Paio. O éxito das edicións anteriores (fachadas da vila e globos) levou á comisión a apostar sobre seguro. A versión do ano pasado entrou nun concurso de carteis de festas galegas e chegou á final. A merma na aportación económica dos veciños e veciñas da Estrada fixo que o orzamento minguase considerablemente e a edición deste ano será a máis "barata" dos últimos anos. Lonxe empezan a quedar aquelas festas con artistas internacionais con cachés desorbitados, pola contra teremos artistas locais e festa de proximidade con moito deporte e cunha actuación moi aplaudida como é a de Amancio Prada. Velaquí o programa e o cartel:

PROGRAMA DAS FESTAS DO SAN PAIO DA ESTRADA

VENRES, 21 XUÑO
22,30 Inauguración do alumeado
22,30 II Carreira popular Nocturna Estradense
As categorías pitufos, prebenxamíns, infantís e alevíns darán comezo ás 21,00 h.

SÁBADO, 22 XUÑO
9,30 XVIII Subida automobilística A Estrada (Parque pechado na Praza do Concello)
19,00 Xuntanza Fillos e Amigos de A Estrada

DOMINGO, 23 XUÑO
9,30 XVIII Subida automobilística A Estrada
12,30 Concentración de Coches e Motos clásicos na Praza do Concello
9,30-11,00 Inscricións na Praza do Concello
11,30 Saída hacia Ximonde e xutanza coa concentración de motos de Teo
12,30 Concentración na Praza do Concello
18,00 Entrega de Premios XVIII Subida Automobilística no Teatro Principal
19,00 Escola de Artes Escénicas da Fundación Cultural (Grupo Infantil) “O Crebanoces” no Teatro Principal
22,00 Lumeiro e Sardiñada na Avda. de Pontevedra coa actuación “Os que hai” e “Regato de matamulleres”

LUNS, 24 XUÑO
17,00 IV Exhibición de Natación Sincronizada nas piscinas municipais
17,30 Festa da Bicicleta na Praza do Concello
21,00 Exhibición de Sondodance na Praza do Concello

MARTES, 25 XUÑO
19,00 Exhibición do ximnasio Absolute na Praza do Concello
21,00 Escola de Artes Escénicas da Fundación Cultural (Grupo Xuvenil) “Romeo e Xulieta” no Teatro Principal
22,30 Bailables coa Banda de Música Municipal da Estrada na Praza do Concello
00,00 Festival de Bandas Locais Aniversario Valenciaga na Praza do Concello
Os John Deeres-Esquíos-Templanza-PDA

MÉRCORES, 26 XUÑO
10,00 Bombas de Palenque e Pasarrúas da Banda de Música Cultural da Estrada
11,00 Gaiteiros e charanga Os Xirimbaos
11,00 3×3 fútbol na Alameda
12,00 I Ximcana Fotográfica Catrogatos “A Estrada, di patata”
13,00 Concerto da Banda de Música Cultural da Estrada na Alameda
16,00 3×3 fútbol na Alameda
17,00 Xogos infantís na Alameda
20,00 Misa cantada e procesión San Paio
22,00 Concerto de Amancio Prada no Teatro Principal
22,30 Verbena coas orquestras Trovadores, na Porta do Sol, e Asia, na Farola.

XOVES, 27 XUÑO
10,00 Bombas de palenque e Pasarrúas da Banda de Música Municipal da Estrada
11,00 Gaiteiros e charanga TNT
11,00 3×3 basket na Alameda
13,00 Concerto da Banda de Música Municipal da Estrada
16,00 3×3 basket na Alameda
17,00 Xogos infantís na Alameda
20,00 Misa cantada pola Coral Polifónica Estradense e Procesión do Santísimo
22,00 Jam Session na Praza do Concello
00,00 Verbena coa orquestra Satélites, na Farola

VENRES, 28 XUÑO
10,00 Bombas de palenque
11,00 Gaiteiros
12,00 Pasarrúas Home Orquestra CÉ Orquestra Pantasma
18,00 Peter Punk na Praza do Concello
21,00 Comezo da II Noite Latina, na Praza da Farola con Batucada Os Blokiños, Dinero Negro, Los Caribeños, DJ Manu López e DJ Will Pérez.
22,00 Concerto de Os Estofados na Praza do Concello

SÁBADO, 29 XUÑO
10,00 Bombas de palenque e Pasarrúas da Banda de Música Cultural da Estrada
10,00 Torneo de Xadrez no MOME
11,00 Gaiteiros
13,00 Concerto da Banda de Música Cultural da Estrada na Alameda
17,30 Pasarrúas músico-circense, zancudos e malabares dende a Porta do Sol
18,00 Final V Torneo de Dobres de Tenis Concelo da Estrada na zona Deportiva
18,15 Mimo NONO na Alameda
19,15 Pasarrúas músico-circense, zancudos e malabares
00,30 Tirada de fogos fin de festa na rúa Antón Losada Diéguez Concerto fin de festa coa actuación do grupo Apache, tributo ós grandes do Rock, na Farola.


9 de xuño de 2013

Ouzande e Tabeirós quedan desde hoxe máis preto:::

Esta mañá, ás 10, partía desde a igrexa parroquial de Ouzande un grupo de sendeiristas convocados pola Fervenza de Ouzande camiño de Tabeirós. Aínda que as predicións dos últimos días tiñan amenazada a mañá con chuvascos, estes ausentáronse quedando unha espléndida mañá para a práctica de andar e falar. A ruta saiu polo Campo da Festa e cruzou os lugares de Alemparte e O Formigueiro para acceder á Somoza por Guillufe. Logo de atravesar os Sureiros o Campo da Festa da Somoza, a comitiva desviouse en Cernadela cara ao lugar de Outeiriño. As pistas e carreiros de Tabeirós levaron aos camiñantes ata a igrexa parroquial de Santiago de Tabeirós, para visualizar os canzorros e o contraforte do templo, a seguinte parada foi na Consolación para sacar unha foto ao pé do cruceiro e diante da capela. Ao encontro saiu unha socia da Fervenza, veciña da Consolación, que se uniu á ruta por esta parroquia. Abandonada a Consolación, os camiñantes adentráronse no monte desta parroquia, polo alto dos lugares das Quintas, Cepetelo e Tosar e camiño de Castrorramiro, na Somoza. Visitáronse varios muíños de auga, minas e antigos camiños destoutra parroquia antes de chegar ao alto deste último lugar. A marcha continuou polos Muíños da Freixa e a volta a Ouzande fíxose pola pista que dá servizo aos lugares da Carballeira, Alberiñas, Bargo, Chan da Aldea e Vila de Abaixo. Chegados ao empalme da estrada xeral, volveuse polo fermoso camiño que une estas dúas parroquias pola Veiga do Monte. Unha sorpresa desagradable indignou aos sendeiristas pois comprobaron que os traballos de limpeza da liña de alta tensión que pasa polo lugar deixou o camiño impracticable. A entrada en Ouzande fíxose pola zona da Moroza, O Topete e polo medio do lugar de Alemparte. A ruta alongouse un pouco máis do normal pois os propios participantes así o decidiron. O bo día, a alegría que transmitían os cans que acompañaban a marcha e as conversas agradables  sumáronse ás paradisíacas paraxes que se foron descubrindo ao paso, facendo que os 16km percorridos resultasen poucos. Queda así rematada a campaña de primavera de rutas a pé da Fervenza de Ouzande. 








Sardiñas e xamóns na festa do Santo Antonio:::

Este pasado venres 7 de xuño celebrouse no Campo da Festa de Ouzande a tradicional festa de Santo Antonio. Ás oito do serán houbo misa rezada e ás 10 comezou a foliada. A degustación das sardiñas estivo amenizada polos Berros de Castro de San Sadurniño en primeiro lugar. A seguir o público gozou das cancións do Regato de Matamulleres. As actuacións completáronse con Retrouso, que estivo acompañado por Recanto, grupo de canto da parroquia que sorprendeu aos asistentes coas súas poderosas voces a cantar dúas pezas. Durante o festexo tamén se sortearon tres xamóns, os agraciados foron Marisa de Isaura,  David de Ramos e os membros de Berros do Castro Ramón Dopico, Bruno Casal e Josecho Balseiros que xa non estaban no Campo no momento do sorteo, polo que José Luís de Xestoso foi o encargado de recoller o premio. A pesar de que durante a xornada choveu e o ambiente aínda estaba algo húmido ao serán, no momento da festa cesaran as precipitacións e a carpa instalada pola Xunta Parroquial, organizadora da festa, deu acubillo aos festeiros. A continuación ofrecemos un video coa música coa que Recanto agasallou aos asistentes.

Retrouso pechou a festa
O Regato de Matamulleres animou a sardiñada

As gaitas de Retrouso queceron a fría noite 

Unha churrería acudiu á festa

6 de xuño de 2013

Este domingo terá lugar a última ruta a pé do programa Imos andar:::

A Fervenza de Ouzande convocou para este domingo a última das rutas do programa "Imos andar" que con tanto éxito se está a celebrar esta primavera. A camiñata arranca da igrexa ouzandesa ás 10 da mañá deste domingo 9 de xuño e irá percorrendo as parroquias de Ouzande-Tabeirós-A Somoza. A idea é coñecer un pouquiño máis os lugares próximos para así poder descubrir os tesouros ocultos que vai ofrecendo o camiño. A ligazón que existe entre Ouzande e Tabeirós quedará patente a través dos vestixios artísticos dos seus templos románicos. A ruta terá máis asfalto do habitual, pois percorrerá lugares habitados aos que non é posible ir doutro xeito, pero tamén se adentrará nalgunhas carballeiras e lugares idílicos que van aparecendo polo camiño. O regreso prevese para a unha e media do mediodia, trátase dunha ruta gratuíta e á que se pode sumar calquera persoa que o desexa, simplemente se aconsella levar roupa cómoda.
Deste xeito, a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande pecha o ciclo de roteiros "Imos Andar" que xa deu a coñecer os sendeiros de Ouzande e subiu ao Alto da Pedralba na "Ruta das Letras".
Imaxe dunha das rutas do ano pasado


Aumenta a preocupación veciñal pola vaga de roubos:::

Os roubos estanse a intensificar nas últimas xornadas en Ouzande, coa conseguinte preocupación da veciñanza. A última das actuacións delitivas tivo lugar na mesma igrexa parroquial. Os "cacos" romperon a porta da caseta e conseguiron extraer polo menos unha lata de gasoil do cortacéspede, deixando danada a citada porta. Días atrás entraron en casas particulares e levaron o primeiro que atoparon; distintos enseres domésticos ou comida. Estes "furtos" e "roubos" están facendo que aumente a preocupación e maila sensación de inseguridade en Ouzande. Os propios veciños aconséllanse estar alerta e avisar aos demais se se ve algo extraño na tranquila vida da aldea así como pechar e protexer o mellor posible as vivendas. 
Os ladróns danaron a porta para efectuar o roubo

4 de xuño de 2013

Comezan as festas de Santo Antonio:::

Este venres día 7 de xuño, Ouzande celebra a primeira festa da tempada, a de Santo Antonio. Anticipándose 6 días ao día propio, faise cadrar así en venres para favorecer a asistencia da veciñanza e festeiros. Os actos relixiosos serán ás 8 e media do serán e consistirán nunha misa rezada. A continuación  celébrase un dos grandes reclamos desta festividade que é a degustación gratuíta de sardiñas. A partir das 10 da noite comeza a festa propiamente dita con tres formacións locais: Berros do Castro, Regato de Matamulleres e Retrouso.
cartel anunciador da festa
Video desta festa na edición de 2012:

2 de xuño de 2013

De viaxe pola historia de Ourense:::

Na excursión deste ano, A Fervenza de Ouzande quixo viaxar alén das fronteiras do espazo e do tempo, así é que un autobús con 50 viaxeiros arrancou hoxe con destino ao Ourense romano. As explicacións na cidade correron a cargo de Diego, Pili e Miguel, tres voluntarios amigos da asociación e veciños da cidade das burgas que mostraron maxistralmente e de primeira man os principais lugares da cidade da ponte romana. Unha das primeiras paradas foi o Centro de Interpretación das archicoñecidas burgas, logo veu o entramado urbano deste o Montealegre cara ao río, as edificacións que foron testemuña das andanzas de múltiples personaxes ao longo da historia, tensión Concello e clero ou o Ourense decimonónico ata o máis actual. Un gran paseo que nos encheu de coñecementos sobre a vila do Santo Cristo. O xantar realizouse ao pé do Miño, na Feira Nova, entre a Chavasqueira e a Fonte do Tinteiro. Non houbo moito tempo de relax pois as visitas da tarde comezaban cedo, así que o autobús da Fervenza de Ouzande arrancou cara ao veciño municipio de Bande, na Baixa Limia. Alí coñeceuse a igrexa de Santa Comba que causou admiración e sorpresa por estar atendida polos veciños ante o desleixo das administracións. Aquis Querquennis foi a última das visitas. Tras pasar polo centro do interpretación que axudou a entender mellor o xacemento militar houbo paseo polas ruinas anegadas e tempo de reflexión do valor dos vestixios históricos e a súa conservación e difusión. A anécdota deuse no momento de emprender camiño de volta a Ouzande, pois unha farola que dificultaba as manobras do autobús tivo que ser desmontada e así poder sacar o vehículo do aparcadoiro do xacemento. Cumprida a folla de ruta do Ourense máis histórico hai que agardar á excursión do ano próximo coa satisfacción e a alegría de ter pasado un fermoso día de sol polas terras ourensás atrás das pegadas que desde os romanos nos foi deixando a historia.