24 de xuño de 2013

A noite máis curta do ano non chegou a nada:::

A organización do LUMEIRO de Ouzande anunciaba que esta ía ser unha festa diferente e acertou. Durante a tarde o Campo da Festa foi un bule-bule de xente a ultimar os detalles; auga de nove fontes, herbas do máis variado, enbutirlle as roupas ao Home do Saco, preparar o carro... Aínda menos mal que o día foi longo, deu tempo a que á súa hora todo estivese preparado e ata unha impopente lúa non quixese perder desde a súa privilexiada tribuna todo canto se cocía na parroquia. Máis que cocer, asáronse chourizos á beira dun lume agarimoso que protexía da baixada de temperaturas da noite. O forte vento da tarde que facía perigar a seguridade no acendido do lumeiro foise indo a medida que se achegaba a hora. E a hora chegou para un público impaciente que en cuestión de segundos se puxo en procesión con candeas e cun saco cheo de papeis Eran aqueles nos que cadaquén escribiu todo aquelo que quixo queimar e que pertencía ao mesmo Home do Saco, este agardaba coa cabeza abaixada no alto da morea. Foi rodeado polo pobo e pola música de Retrouso. Guindáronlle o saco e mais botáronlle lume en fachicos. O demais xa é difícil de contar; as meigas fuxiron de Ouzande ao ritmo das muñeiras e pasodobles que entoaban as gaitas, o tamboril ou o bombo... en cuestión de poucos minutos o lume chegoulle ás pernas de palla do protagonista da noite e a voraz fogueira lapouno levando cara ao ceo os males que atemorizan a parroquia. A festa continuou e aínda houbo que agardar para saltar a fogueira porque esta foi descomunal.



A lúa estivo presente desde o principio

Un penitente Home do Saco agardaba mentres se asaban os chourizos

e chegou o lume

pobo que queima os seus males no Lumeiro, queda purificado para o resto do ano

danzas ao pé do lume

a música non faltou á cita

Houbo que agardar para saltar a fogueira, pero saltouse

Ningún comentario:

Publicar un comentario