12 de xullo de 2016

15 anos construíndo Ouzande:::

A Fervenza de Ouzande vén de celebrar a súa posta de longo, 15 anos pasaron xa desde aquelas primeiras actividades de 2001 cando un grupo de ilusionados veciños se liaban a manta á cabeza e comezaban a recuperar o ciclo festivo anual, facer xogos para os nenos e grandes, organizaban conferencias, rutas, unha revista... Agora ben poderían dar clases de animación sociocultural coa súa dilatada experiencia e sentir o orgullo de ter máis que cumpridos aqueles obxectivos do comezo. Aínda que queda moito por andar, a Fervenza de Ouzande, toda unha referencia en asociacionismo en Galicia, festexou esta primeira xeira, máis de 300 actividades cun gran xantar no Campo da Festa. Velaquí o video-resumo deste evento. Parabéns á Fervenza de Ouzande. Ou!

5 de xullo de 2016

Romaría Implicada este sábado no Areal de Berres:::


O Areal de Berres acolle este sábado a "Romaría Implicada", unha actividade organziada pola ONG Implicadas no Desenvolvemento. Trátase dunha actividade de recadación de difusión das actividades da ONG aberta ao público en xeral. 
A xeito de romaría campestre, as "implicadas" ofrecen un completo programa de actividades que se inicia ás 12.30h con xogos populares. Unha hora máis tarde realízase o xantar pique-nique.
Trala sobremesa, a organización agasalla aos asistentes cunha gran festa encabezada polo grupo ouzandés de música tradicional RETROUSO e o grupo de canto nacido das clases de música tradicional da Fervenza de Ouzande, RECANTO. A festa complétase con CHAFARIZ, un grupo de música tradicional e as ESTRIBILLO que tamén fan canto tradicional.
Ás 18.30h farase o sorteo da "cesta implicada" Durante a festa é posible colaborar coa ONG mercando produtos da organización pois haberá un gran posto de venda dos mesmos.
Cabe recordar que o grupo de Voluntariado de Implicadas da Estrada aproveitará esta actividade para sortear a súa cesta solidaria, que inclúe as seguintes propostas: unha pintura de Jano Sanmartín, un xogo de bixutaría Lu de Bornias, un mandil de Lupe Porto, unha manta de algodón das Tecedeiras de Ouzande, un xogo de bixutaría de Cousas de Heba, un poemario asinado de Neves Soutelo, un de Antía Otero e outro de Susana Sánchez Aríns, un CD Reactivarte, un DVD do documental Cambia de Papel. 
Desde a organización aproveitan para agrader ás persoas que colaboraron con esta iniciativa, tanto aos grupos como ás persoas que aportaron produtos para o sorteo, demostrando que aínda que a forza que é precisa para cambiar o mundo sexa moita, as pequenas aportacións son a forza motriz capaz de mover montes e mareas.

Lote de produtos a sortear na "Romaría Implicada"

Callobre acolle este venres o XVII Folk de Raíz:::

Cé Orquestra Pantasma, Tanto nos ten, Regatos, A Ponte Vella e Kepa Junkera serán os grupos convidados este ano á XVII edición do "Folk de Raíz". A organización ten prevista, ademais das actuacións, varias actividades para completar a velada, como son a habilitación dunha área de acampada libre, un gran aparcadoiro e a instalación de polbeiros e artesáns ao pé do Campo da Festa. A hora de arranque da festa será ao caer da noite e con el préndense as luces das estrelas do folk que continuarán a brillar durante todo o verán nos distintos festivais e festas tradicionais da comarca da Estrada.

Imaxes arquivo 2013 @portal de noticias

Sígueme por correo electrónico:::