9 de xuño de 2013

Ouzande e Tabeirós quedan desde hoxe máis preto:::

Esta mañá, ás 10, partía desde a igrexa parroquial de Ouzande un grupo de sendeiristas convocados pola Fervenza de Ouzande camiño de Tabeirós. Aínda que as predicións dos últimos días tiñan amenazada a mañá con chuvascos, estes ausentáronse quedando unha espléndida mañá para a práctica de andar e falar. A ruta saiu polo Campo da Festa e cruzou os lugares de Alemparte e O Formigueiro para acceder á Somoza por Guillufe. Logo de atravesar os Sureiros o Campo da Festa da Somoza, a comitiva desviouse en Cernadela cara ao lugar de Outeiriño. As pistas e carreiros de Tabeirós levaron aos camiñantes ata a igrexa parroquial de Santiago de Tabeirós, para visualizar os canzorros e o contraforte do templo, a seguinte parada foi na Consolación para sacar unha foto ao pé do cruceiro e diante da capela. Ao encontro saiu unha socia da Fervenza, veciña da Consolación, que se uniu á ruta por esta parroquia. Abandonada a Consolación, os camiñantes adentráronse no monte desta parroquia, polo alto dos lugares das Quintas, Cepetelo e Tosar e camiño de Castrorramiro, na Somoza. Visitáronse varios muíños de auga, minas e antigos camiños destoutra parroquia antes de chegar ao alto deste último lugar. A marcha continuou polos Muíños da Freixa e a volta a Ouzande fíxose pola pista que dá servizo aos lugares da Carballeira, Alberiñas, Bargo, Chan da Aldea e Vila de Abaixo. Chegados ao empalme da estrada xeral, volveuse polo fermoso camiño que une estas dúas parroquias pola Veiga do Monte. Unha sorpresa desagradable indignou aos sendeiristas pois comprobaron que os traballos de limpeza da liña de alta tensión que pasa polo lugar deixou o camiño impracticable. A entrada en Ouzande fíxose pola zona da Moroza, O Topete e polo medio do lugar de Alemparte. A ruta alongouse un pouco máis do normal pois os propios participantes así o decidiron. O bo día, a alegría que transmitían os cans que acompañaban a marcha e as conversas agradables  sumáronse ás paradisíacas paraxes que se foron descubrindo ao paso, facendo que os 16km percorridos resultasen poucos. Queda así rematada a campaña de primavera de rutas a pé da Fervenza de Ouzande. 








Ningún comentario:

Publicar un comentario