Este pasado venres 7 de xuño celebrouse no Campo da Festa de Ouzande a tradicional festa de Santo Antonio. Ás oito do serán houbo misa rezada e ás 10 comezou a foliada. A degustación das sardiñas estivo amenizada polos Berros de Castro de San Sadurniño en primeiro lugar. A seguir o público gozou das cancións do Regato de Matamulleres. As actuacións completáronse con Retrouso, que estivo acompañado por Recanto, grupo de canto da parroquia que sorprendeu aos asistentes coas súas poderosas voces a cantar dúas pezas. Durante o festexo tamén se sortearon tres xamóns, os agraciados foron Marisa de Isaura, David de Ramos e os membros de Berros do Castro Ramón Dopico, Bruno Casal e Josecho Balseiros que xa non estaban no Campo no momento do sorteo, polo que José Luís de Xestoso foi o encargado de recoller o premio. A pesar de que durante a xornada choveu e o ambiente aínda estaba algo húmido ao serán, no momento da festa cesaran as precipitacións e a carpa instalada pola Xunta Parroquial, organizadora da festa, deu acubillo aos festeiros. A continuación ofrecemos un video coa música coa que Recanto agasallou aos asistentes.
Retrouso pechou a festa |
O Regato de Matamulleres animou a sardiñada |
As gaitas de Retrouso queceron a fría noite |
Unha churrería acudiu á festa |
Moi boas, quería matizar que o último xamón non me tocou a min senón a Ramón Dopico, Bruno Casal e Josecho Balseiros (membros de Berros do Castro) xa que eu como familiar dun membro da comisión non tiña ningunha rifa. Eu solo fun o encargado de mirarllas xa que eles tiveron que marchar.
ResponderEliminarUn saúdo, José Luis de Xestoso
Moitas grazas pola matización, corrección realizada.
ResponderEliminar