Don Olimpio Arca Caldas. |
O funeral celebrarase mañá mércores ás 16:30h na igrexa parroquial da Estrada. Desde mediados do século XX, Don Olimpio foi mestre de varias xeracións de estradenses desde que comezou a impartir docencia na escola de Couso. Estivo á fronte do Museo do Pobo Estradense e levou adiante numerosas investigacións sobre o pasado histórico e cultural da bisbarra. Entre outras, destacan os artigos publicados en xornais locais e posteriormente editados baixo o título Rueiro histórico da vila da Estrada sobre a historia do nomenclator das rúas da capital municipal. O entroido da Ulla foi outro aspecto que tratou de investigar e prestixiar dando charlas e publicando obras sobre os Xenerais. A figura de Waldo Álvarez Insua tamén foi abordada nunha biografia, dando a coñecer este histórico benefactor local. A festa dos Pereiriños, a figura de María Isaura, emigrantes sobranceiros da comarca, a tradición carpinteira da Estrada atópanse entre un longo etcétera de temas abordados polo ilustre mestre. Don Olimpio foi un promotor do teatro escolar nos anos 70 e autor de numerosas pezas escolares neste xénero. Na actualidade restrinxira o seu labor por motivos de saúde cara á súa faceta de conferenciante. Precisamente unha das súas últimas charlas abordaba a figura do inventor de curantes Don Ramón Verea. Nesa charla chamaba a atención sobre o feito de que non coñezamos a este insigne veciño que no século pasado camiñou mundo e inventou nin máis nin menos que a calculadora tal e como a coñecemos agora. "Sempre nos ocultaron as cousas" dicía Don Olimpio en relación á nosa cultura, á nosa xente. Nunca se deixou por parte dos poderes que progresáramos. É tempo de deixar de ser ignorantes e progresar. Con esta mensaxe do propio Don Olimpio e a xeito de aprendizaxe recordamos a súa figura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario