9 de xuño de 2014

Ruta turística polo Morrazo desafiando ao mal tempo:::

Chegada a Donón, en Cangas.
Contra vento e marea. Así foi a excursión anual da Fervenza de Ouzande que onte, domingo 8 de xuño, levou ao Morrazo a uns 63 intrépidos excursionistas. Cando eran as 9 da mañá arrancaba cheo ata a bandeira un autobús baixo fortes chuvascos. A entrada en Bueu fixérona con sintonía propia; “Se vou a Bueu” de Andrés do Barro. A primeira visita foi ao Museo Massó onde descubriron a cultura mariñeira e a historia da industria conserveira catalá no Morrazo. A seguir e tras unha pausa e visita a un pequeno estaleiro de carpintería de ribeira foron a Cabo Home, onde a chuvia fixo unha tregua para pisar o punto máis occidental da península morracense e gozar das impresionantes vistas que ofrece este punto. Esta tregua foi breve pois a visita a Cangas fixo que a vella fábrica dos Massó fose escenario dun “Legado do Tibo” colectivo, así como a visita á vila mariñeira. O desafío que os de Ouzande lle fixeron ao tempo provocou que contra as 2 do mediodía parase a chuvia e se abrisen os ceos, deixando unha tarde solleira. O xantar fíxose no pavillón deportivo do colexio de Darbo (parroquia de Cangas) onde houbo lugar para compartir manxares e relaxadas conversas e mesmo para o xogo dos máis pequenos. A tarde comezou en Monte Carrasco, gozando das vistas sobre a Ría de Vigo baixo un merecido sol de primavera. A continuación a excursión dirixiuse cara a Cabo Udra. Con unha importante dose de atrevemento e aventura, conseguiron chegar á Aula da Natureza desta impresionante paraxe natural. Logo da visita houbo tempo para pasear e descubrir tanto a paisaxe como o entorno natural e etnográfico do cabo, chamando a atención dos visitantes as curiosas formas xeolóxicas así como os chouzos de Chan de Esqueiros, lugares construídos contra as pedras naturais e destinados a albergar os veciños cando ían co gando a esta zona. O regreso fíxose con moi bo sabor de boca e comezando a contar os días que faltan para a excursión 2015, a que será a número 14 das organizadas ata o momento pola Fervenza de Ouzande.

Foto de grupo na "caracola" de Cabo Home.

O xantar realizouse no Pavillón do colexio de Darbo.

No Monte Carrasco, gozando das vistas panorámicas sobre a Ría de Vigo.

Foto de grupo no Monte Carrasco.

Visita á Aula da Natureza de Cabo Udra.

Chouzos de Chan de Esqueiros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario