30 de outubro de 2017

Baixo o sol do outono:::

Unhas  corenta persoas veñen de participar o pasado domingo dunha solleira ruta do outono na parroquia de Ouzande. Os visitantes, convocados pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, déronse cita ás 10 da mañá diante da igrexa románica para visitar algúns dos puntos máis turísticos de Ouzande, A Somoza e Ferreiros, xa en Arcos de Furcos no veciño municipio de Cuntis. Entre outros, visitaron os exteriores da igrexa románica, os lugares de Alemparte e O Formigueiro para adentrarse nos montes de Ouzande  e maila Somoza ou a aldea de Ferreiros. No regreso pasaron polo entorno da Fervenza para coñecer de primeira man o Pozo da Fervenza así como os muíños coas súas canles centenarias ou o rico entorno natural poboado de acivros e carballos. Ás 13.30h os camiñantes regresaban ao centro da parroquia coa satisfación de teren gozado dunha intensa mañá de outono pola parroquia ouzandesa.
As actividades culturais continuarán o vindeiro sábado cunha festa de outono no entorno do Campo da Festa de Ouzande. Contarán con diversas formacións musicais, así como con produtos de tempada.





24 de outubro de 2017

OUZANDE VOLVE ÁS RUTAS DE OUTONO:::

Co nome de Ruta dos Montes da Somoza e Ferreiros, a Fervenza de Ouzande volve a celebrar as súas rutas de outono. Será este domingo 29 de outubro polos camiños dos montes de Ouzande, A Somoza e Ferreiros. Aberto a todo o público que desexe coñecer a contorna da parroquia e totalmente gratuíta, trátase dunha actividade que ocupará toda a mañá, desde as 10:00h que comezará diante da igrexa de Ouzande e coa previsión de estar de volta ás 13:30h no mesmo sitio. Son 11 km de percorrido e de dificultade baixa. 
fotos de arquivo de rutas anteriores no outono


Teatro en Santeles e Santa Cristina de Vea con Disfunción Continua Teatro:::

Disfunción Continua Teatro participará este domingo día 29 de outubro ás 19h no teleclub da comedia do Concello da Estrada en Santeles. Así mesmo o día 25 de novembro poderáse ver esta compañía en Santa Cristina de Vea. 
A obra que han representar é TEIMAS, unha comedia de 80 minutos de duración na que o público terá a oportunidade de desconectar dos problemas do día a día, coñecendo distintos personaxes que acoden á consulta do Dr Teixeiro, trátase dun afamado psicólogo que fai terapias para curar as teimas, ou TOCs que fan a vida imposible a estes personaxes. A obra está dirixida por JOUSE GARCÍA e conta no seu elenco con actores moi coñecidos na Estrada como María Porto, Gonzalo da Esquina, Clara Iglesias, Natalia Carbajarl, Bea del Río ou Rosa López, contan tamén coa colaboración de Manuel Rosende ou do técnico de son Miguel Ares. Así mesmo, DISFUNCIÓN CONTINUA TEATRO, está a dar a coñecer a súa nova produción, de momento só se poderá ver en AGUIÑO-RIBEIRA o vindeiro 18 de novembro (20.30h) no AUDITORIO do Conservatorio de Música da localidade.