30 de outubro de 2017

Baixo o sol do outono:::

Unhas  corenta persoas veñen de participar o pasado domingo dunha solleira ruta do outono na parroquia de Ouzande. Os visitantes, convocados pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, déronse cita ás 10 da mañá diante da igrexa románica para visitar algúns dos puntos máis turísticos de Ouzande, A Somoza e Ferreiros, xa en Arcos de Furcos no veciño municipio de Cuntis. Entre outros, visitaron os exteriores da igrexa románica, os lugares de Alemparte e O Formigueiro para adentrarse nos montes de Ouzande  e maila Somoza ou a aldea de Ferreiros. No regreso pasaron polo entorno da Fervenza para coñecer de primeira man o Pozo da Fervenza así como os muíños coas súas canles centenarias ou o rico entorno natural poboado de acivros e carballos. Ás 13.30h os camiñantes regresaban ao centro da parroquia coa satisfación de teren gozado dunha intensa mañá de outono pola parroquia ouzandesa.
As actividades culturais continuarán o vindeiro sábado cunha festa de outono no entorno do Campo da Festa de Ouzande. Contarán con diversas formacións musicais, así como con produtos de tempada.





Ningún comentario:

Publicar un comentario