25 de setembro de 2013

Ouzande volve á escola:::

Co inicio do ano escolar 2013/2014 tamén en Ouzande dan comezo as clases de música e baile tradicional. A Asociación Cultural da parroquia, A Fervenza de Ouzande presentou os cursos que se poden facer este ano. O próximo sábado 28 de setembro será a reunión inaugural de presentación, é ás 16:30 no local social ouzandés, o mesmo lugar onde se han desenvolver as clases. Aínda que algúns cursos xa teñen horarios pechados, nesta reunión poderanse escoller quendas e preferencias horarias segundo as disciplinas. 
A oferta da Fervenza de Ouzande componse de gaita, pandeireta, tamboril, baile, acordeón e canto tradicional, unha ampla gama de materias nas que no curso pasado participaron máis de 60 persoas. Ao remate da reunión teñen previsto ofrecer uns pinchos e, como non, un pouco de música polo que convidaron ao alumnado a ir con instrumentos para facer festa.
As clases están abertas a todo o público, non é necesario ser socio/a, quen se queira informar pode acudir á xuntanza deste sábado ou chamar ao 986570285 ou enviar un correo electrónico a carreirosouzande@gmail.com. 
cartel dos cursos

8 de setembro de 2013

Fin de festa con Disfunción Continua Teatro:::

Esta tarde remataron as festas de Ouzande por todo o alto, grazas á función que Disfunción Continua Teatro ofreceu ás 20h no Campo da Festa. Unhas 150 persoas abarrotaron as cadeiras distribuidas na sala teatral na que A Fervenza de Ouzande converteu o campo de baile. A obra versaba sobre un grupo de mulleres que reflexionaron sobre a educación recibida na época fascista, fóronse remontando ás clases de matemáticas, relixión, ortografía, ximnasia, á visita á radio local ou rememorando a especial visita do inspector escolar. Tratábase dunha comedia apta para todos os públicos que fixo rir e moito a un público que se mostrou entregado e atento durante toda a sesión. A actuación de Disfunción Continua Teatro foi hoxe moi especial por ser esta unha compañía de teatro amador da Estrada que conta no reparto con dous veciños da parroquia. 
foto: Fernando Pereiras








Hoxe as festas rematarán con teatro no Campo ás 20h:::

A verbena de onte estivo animada polo Dúo Géminis e polo Grupo Iris con escasa afluencia de público. Esta mañá a Banda de Música Municipal da Estrada percorreu os camiños da parroquia e está previsto que ao remate das celebracións faga un concerto no adro da igrexa. Durante a mañá moitos fregueses foron sorprendidos pola suspensión da misa rezada que estaba prevista para as 10. Arestora comeza a tradicional poxa para a que a veciñanza foi facendo achegas durante toda a mañá. A sesión vermouth ten o aliciente de que se instalara un pequeno carro no adro favorecendo a convivencia veciñal no adro. Moitas das casas da parroquia celebran festa hoxe polo que os xantares se retrasarán. Por outra banda xa todo está listo no Campo da Festa para a obra de teatro ERAN OUTROS TEMPOS, OU NON? de Disfunción Continua Teatro que arrancará ás 20h. Trátase dunha comedia protagonizada por cinco mulleres que botan a vista atrás, recordando a escola de nenas na que compartían puputres aló por 1957. Co remate da obra ponse punto e seguido ás festas do Socorro de 2013.
Últimos preparativos para o teatro.
Pasarrúas da Banda de Música Municipal da Estrada.
Dúo Géminis, xa coñecido en Ouzande.

Grupo Iris animando a verbena


Intensa tarde de fútbol con victoria para os solteiros:::

Hoxe as maniotas fan mella en Ouzande, é o prezo que hai que pagar pola loita que onte se viviu no Campo da Festa. A tensión chegou a tal punto que o IV Triangular de Fútbol Mixto se tivo que resolver a penalties. Pero vaiamos por partes. Ás 18h comezaban os quecementos e a organización dos equipos. O batallón dos separados estaba formado por Xoque, Paco de Camba, Darío, Sergio, Manuel Ángel López (O Civil), Manolo de Bras e contaron coa colaboración con Carlos Porto na portería. 
Os "separados" ano incio do encontro.
 Pola banda dos casados tivemos a Xabier de Camba, José da Costa, Manuel Bouzón (pai), Fernando Oliveira, Roi Magán e co que fora árbitro nas tres edicións anteriores, Sergio Landaluce.
O escuadrón dos casados
Os solteiros contaron con Óscar Durán, César Vicente, Rodri López, José de Topete, Manuel Bouzón (fillo), Martín da Costa e Noelia Bouzón.
Os solteiros antes do partido
 Os partidos estiveron arbitrados por Juan de Topete. Fíxose un sorteo das quendas no que saiu que xogarían primeiro os solteiros contra os casados, logo os vencedores cos separados e nunha terceira volta os dous gañadores. E comezou o espectáculo. O balón marchou moitas veces para as veigas de millo da redonda, houbo que apartar coches mal aparcados para que entrara un camión orquesta, o árbitro foi aclamado sobre todo pola escuadra dos separados. Cambios constantes, goles e paradóns. A cousa foi quedando deste xeito; no primeiro encontro gañaron os solteiros 3-0, os puntos foron conseguidos por César Vicente, e Rodri que marcou dous tantos. Coa victoria dos solteiros, o segundo partido foi entre estes e os separados, houbo empate a tres con goles de José de Topete(2) e Rodrigo nos solteiros e Paco de Camba e Manolo de Bras nos separados e Carlos Porto. Con isto os casados quedaban de terceiros pero tiñan que xogar cos separados para quen era o equipo vencedor. O encontro quedou 2-1 os dous primeiros de Sergio (separados) e o outro de Bouzón pai (casados). A cousa complicábase e había que dicidir a victoria con penalties. Os tantos marcados polos solteiros déronllela victoria absoluta, conseguindo levar para a casa o trofeo.
Sergio Landaluce xogou na selección dos casados deixando a arbitraxe.

Juan de Topete foi o novo árbitro.

Loitouse moi intensamente

Máxima tensión no terreo de xogo.

Noelia Bouzón foi a única muller que se animou a participar.

O balón voou polo campo e polas veigas de millo.

Foto de grupo con todos os participantes.

Os solteiros celebrando a victoria.

7 de setembro de 2013

Duelo a tres bandas esta tarde no Campo da Festa:::

Esta tarde, a partir das 18h o Campo da Festa ouzandés hase convertir nun auténtico campo de fútbol, o escenario dunha batalla emocionante e intensa. A esa hora comeza a inscrición no mesmo lugar, as persoas que queiran participar poderán formar parte dunha das tres seleccións: solteiros/as, casados/as ou separados/as segundo o seu estado civil. A partir de aí os quecementos e estiramentos, sorteo de campos e quendas de xogo. A federación de casados loitará coma nunca polo trofeo pois é a única selección que nunca acadou a copa ouzandesa. 
Esta é a IV edición deste festival deportivo organizado pola Xunta Parroquial. Na de 2012 os casados quedaran ás portas dun triunfo. O trofeo levárano os solteiros no último minuto, unha victoria que se tivo que esclarecer a penaltis. O desenvolvemento da presente edición será semellante á dos demais anos, en 2012 o primeiro dos encontros fora entre os solteiros e casados, houbo un empate 4-4 e un desempate a penaltis favorable para os casados (4-1). O segundo dos encontros fora entre separados e solteiros (3-5) e o derradeiro disputárono os casados e os separados (3-3) Ao quedaren empatados houbo rolda de penaltis (3-0) Deste xeito gañaron os solteiros por golaveraxe. Durante o encontro non houbo incidencias a salientar aínda que a tensión e os ánimos estiveron caldeados durante os tres partidos. O público animou con forza ás súas seleccións nun encontro que resultou moi animado e que ofreceu espectáculo desde o principio até ao final. A espectación mantense candente e desatará esta mesma tarde un duelo a tres bandas, outro dos puntos álxidos das festas do Socorro. Pola noite continúa a festa con Iris e Géminis. Mañá continúa a festa no día grande do Socorro, con misas, actuación da Banda de Música Municipal da Estrada e a tradicional poxa. Pola tarde, ás oito teatro con Disfunción Continua no Campo da Festa.
Imaxe de arquivo. Xogadores na edición de 2012

6 de setembro de 2013

Fervenza de Músicas con sabor a Ouzande:::

Esta noite arrancaron coa VI Fervenza de Músicas as festas do Socorro. A velada estivo chea de sorpresas e de anécdotas, converténdose nunha cita moi agradable e festeira. Os encargados de romper o xeo foron Os ke hai de Callobre. Foron concentrando ao seu redor aos primeiros en chegar e caldeando o ambiente co seu repertorio. Os anfitrións da festa, Retrouso, habían sacar á xente do posto de polbo pois mesturaron as súas pezas coas de Recanto, un dos maiores reclamos desta cita. Non defraudaron, tras unhas pezas de Retrouso, aló baixaron polo camiño vestidos cos seus chaleques reflectantes.  O motivo desta indumentaria era que os ensaios son os sábados ás 22h, causa pola cal esta prenda de seguridade forma parte xa do grupo. O bo cantar dos ouzandeses foi moi aplaudido. Sorpresa foi a que causou o grupo Xurumelo, capitaneado por Marcos Varela, gañando moitos aplausos e máxima espectación ante unhas pezas reelaboradas e cun toque moi orixinal, a voz de Miriam, o acordeón ou o son da gaita mesturábanse coa pandeireta e coas coplas tradicionais. O peche da festa supuxo un dos puntos álxidos da mesma, pois estivo a cargo do Ghusto do Boi, unha especie de charanga ao xeito tradicional de Boqueixón que soubo poñer a bailar ao auditorio e facer partícipes aos festeiros, chamaron a atención con coreografías e moito humor, mesmo recreando unha procesión. Un grupo de músicos de distintas formación mantivo viva a festa ata altas horas da madrugada. A anécdota da noite protagonizárona dous coches de alta gama mal estacionados na entrada do campo da festa dos que ninguén se responsabilizou, motivando o atasco do polbeiro; a colaboración veciñal solucionou o problema ao mover un dos vehículos. 
O ambiente festivo arrancou no carro do polbo

Os Ke Hai abriron o festival

Recanto, reclamo da prensa

Retrouso presentou o disco OU

Con Xurumelo inzou o baile

O Ghusto do Boi aumentou a festa ata a madrugada

Muiñeiras e xotas mesturáronse cos pasodobres

Os vehículos mal estacionados complicaron a operación de saída do carro do polbo

No fin de festa houbo mesmo procesión

Hoxe arrancan as festas do Socorro cunha Fervenza de Músicas:::

cartel
Esta noite comezan en Ouzande as festas do Socorro coa VI Foliada “Fervenza de Músicas” organizada pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande. Será un dos puntos fortes da programación, sobre todo pola participación de grupos folk da comarca. Especial espectación está a despertar a presenza de Recanto, grupo de canto tradicional ouzandés no que se integran persoas de todas as idades, a maioría veciños e veciñas da parroquia. A festa comeza ás 22h e desenvólvese no Campo da Festa, baixo unha grande carpa. Haberá un carro de polbo e churrasco. O primeiro grupo en animar a velada é “O Ghusto do Boi” de Boqueixón, unha charanga moi animosa composta por doce persoas que levan unha intensa campaña de actuacións este verán. A seguir virán os arquicoñecidos “Os Ke Hai” de Callobre, que xa teñen participado nalgunhas foliadas en Ouzande e non faltan ás festas de música tradicional da zona. Unha das novidades desta edición é Xurumelo de Santiago, capitaneada por Marcos Varela, profesor de gaita e acordeón en Ouzande. Trátase dun trío que reelabora a música tradicional dun xeito moi orixinal. Veñen de participal no festival Folk de Callobre onde sorprenderon pola súa singular concepción de pezas populares. Na folidada de Ouzande non podía faltar Retrouso, grupo anfitrión que presentará ante o auditorio o seu disco OU, recentemente gravado. É un dos referentes da música tradicional da zona e leva un verán de moita actividade. En canto a Recanto, este vén de espertar moita espectación na comarca ao tratarse duns 20 veciños e veciñas que fundaron este grupo de canto tradicional recentemente, levan actuado nos “Cantos de Taberna” de Pontevedra, e nalgunhas festas de Ouzande como a Sardiñada de Santo Antonio ou o Magosto.  
O Ghusto do Boi nas Nosas Músicas de Couso
Os Ke hai no festival Folk de Raiz
Xurumelo deuse a coñecer no festival de Callobre
Concerto de presentación do disco OU de Retrouso no Teatro Principal da Estrada
Ensaio de Recanto