6 de setembro de 2013

Hoxe arrancan as festas do Socorro cunha Fervenza de Músicas:::

cartel
Esta noite comezan en Ouzande as festas do Socorro coa VI Foliada “Fervenza de Músicas” organizada pola Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande. Será un dos puntos fortes da programación, sobre todo pola participación de grupos folk da comarca. Especial espectación está a despertar a presenza de Recanto, grupo de canto tradicional ouzandés no que se integran persoas de todas as idades, a maioría veciños e veciñas da parroquia. A festa comeza ás 22h e desenvólvese no Campo da Festa, baixo unha grande carpa. Haberá un carro de polbo e churrasco. O primeiro grupo en animar a velada é “O Ghusto do Boi” de Boqueixón, unha charanga moi animosa composta por doce persoas que levan unha intensa campaña de actuacións este verán. A seguir virán os arquicoñecidos “Os Ke Hai” de Callobre, que xa teñen participado nalgunhas foliadas en Ouzande e non faltan ás festas de música tradicional da zona. Unha das novidades desta edición é Xurumelo de Santiago, capitaneada por Marcos Varela, profesor de gaita e acordeón en Ouzande. Trátase dun trío que reelabora a música tradicional dun xeito moi orixinal. Veñen de participal no festival Folk de Callobre onde sorprenderon pola súa singular concepción de pezas populares. Na folidada de Ouzande non podía faltar Retrouso, grupo anfitrión que presentará ante o auditorio o seu disco OU, recentemente gravado. É un dos referentes da música tradicional da zona e leva un verán de moita actividade. En canto a Recanto, este vén de espertar moita espectación na comarca ao tratarse duns 20 veciños e veciñas que fundaron este grupo de canto tradicional recentemente, levan actuado nos “Cantos de Taberna” de Pontevedra, e nalgunhas festas de Ouzande como a Sardiñada de Santo Antonio ou o Magosto.  
O Ghusto do Boi nas Nosas Músicas de Couso
Os Ke hai no festival Folk de Raiz
Xurumelo deuse a coñecer no festival de Callobre
Concerto de presentación do disco OU de Retrouso no Teatro Principal da Estrada
Ensaio de Recanto

Ningún comentario:

Publicar un comentario