6 de setembro de 2013

Fervenza de Músicas con sabor a Ouzande:::

Esta noite arrancaron coa VI Fervenza de Músicas as festas do Socorro. A velada estivo chea de sorpresas e de anécdotas, converténdose nunha cita moi agradable e festeira. Os encargados de romper o xeo foron Os ke hai de Callobre. Foron concentrando ao seu redor aos primeiros en chegar e caldeando o ambiente co seu repertorio. Os anfitrións da festa, Retrouso, habían sacar á xente do posto de polbo pois mesturaron as súas pezas coas de Recanto, un dos maiores reclamos desta cita. Non defraudaron, tras unhas pezas de Retrouso, aló baixaron polo camiño vestidos cos seus chaleques reflectantes.  O motivo desta indumentaria era que os ensaios son os sábados ás 22h, causa pola cal esta prenda de seguridade forma parte xa do grupo. O bo cantar dos ouzandeses foi moi aplaudido. Sorpresa foi a que causou o grupo Xurumelo, capitaneado por Marcos Varela, gañando moitos aplausos e máxima espectación ante unhas pezas reelaboradas e cun toque moi orixinal, a voz de Miriam, o acordeón ou o son da gaita mesturábanse coa pandeireta e coas coplas tradicionais. O peche da festa supuxo un dos puntos álxidos da mesma, pois estivo a cargo do Ghusto do Boi, unha especie de charanga ao xeito tradicional de Boqueixón que soubo poñer a bailar ao auditorio e facer partícipes aos festeiros, chamaron a atención con coreografías e moito humor, mesmo recreando unha procesión. Un grupo de músicos de distintas formación mantivo viva a festa ata altas horas da madrugada. A anécdota da noite protagonizárona dous coches de alta gama mal estacionados na entrada do campo da festa dos que ninguén se responsabilizou, motivando o atasco do polbeiro; a colaboración veciñal solucionou o problema ao mover un dos vehículos. 
O ambiente festivo arrancou no carro do polbo

Os Ke Hai abriron o festival

Recanto, reclamo da prensa

Retrouso presentou o disco OU

Con Xurumelo inzou o baile

O Ghusto do Boi aumentou a festa ata a madrugada

Muiñeiras e xotas mesturáronse cos pasodobres

Os vehículos mal estacionados complicaron a operación de saída do carro do polbo

No fin de festa houbo mesmo procesión

Ningún comentario:

Publicar un comentario