22 de febreiro de 2013

Un vídeo deixa os atractivos turísticos de Ouzande ao descuberto:::

Igrexa de Ouzande
O Concello da Estrada vén de facer a presentación dun video promocional do turismo municipal, ten unha duración de 4, 35 minutos e nel saen lugares e actividades relacionadas coa parroquia. O máis destacado é a igrexa románica que aparece en varias ocasión e da que se destacan tanto os canzorros que hai na ábsida e que representan distintas figuras humanas, cabezas de animais e ornamentacións xeométricas coma a fachada ou o fermoso e coidado adro. Tamén se fai mención aos sendeiros que nos permiten acceder ao conxunto patrimonial dos Muíños da Fervenza. Outras referencias é ás actividades que se poden realizar por chan ouzandés, especialmente a práctica do sendeirismo e mais a emerxente práctica de BTT (Bicicleta Todo Terreo) para a que A Estrada é un paraíso e un dos roteiros (o da Rapa das Bestas) comeza e remata nos montes de Ouzande. Retrouso tamén aparece este video promocional ao constituír a música galega un reclamo para a xente que nos visita, especialmente de fóra de Galicia.
Retrouso

Moitas das campañas turísticas que se teñen feito da zona destacan principalmente a Rapa das Bestas e mais o Pazo de Oca como estandartes do turismo local, pero desta volta compleméntase cos múltiples recursos que ten a zona: patrimonio, gastronomía, natureza, pesca, entroidos, árbores singulares, tradicións ancestrais, artesanía, feiras, 
Igrexa, adro e sendeiros de Ouzande

Manuel Pereira Valcárcel presentou o seu último libro en Zaragoza:::

Nun acto moi emotivo, Manuel Pereira fixo a prestentación do seu INTERIOR CON FROITEIRO E FERIDAS o pasado día 16 no CEIP Joaquín Costa. Este acto completa o triángulo de presentacións OUZANDE (3 xaneiro) - MADIRD (7 febreiro) - ZARAGOZA (16 febreiro) de lugares ligados ás vivencias que se proxectan nos versos deste ouzandés que estivo no Colegio de Huérfanos del Magisterio trala morte de súa nai de 1967 a 1973 e que actualmente traballa e reside na capital española aínda que son frecuentes as súas estadías na terra de orixe.
No acto estivo Narareth Fernández, a súa primeira profesora de literatura, Ana Cristina Lapiedra, ilustradora do poemario que non puidera achegarse en xaneiro a Ouzande e o amigo galego afincado en Madrid Antón Castro.
Manuel Pereira, Nazareth Fernández, Cristina Lapiedra e Antón Castro

Numeroso público arroupou a Pereira na presentación de Zaragoza

18 de febreiro de 2013

Natalia Carbajal, entrevistada no periódico "Capicúa":::

 Na edición desta quincena, o periódico impreso local "Capicúa" publica unha entrevista a Natalia Carbajal, veciña de Ouzande especialista en musicoterapia. Natalia é profesora de música desde hai anos e nesta entrevista explica en que consisten as terapias que utilizan a música como recurso para tratar desde estados de ánimo ata trastornos da aprendizaxe.




12 de febreiro de 2013

O Entroido 2013 trouxo as "EUROVEIGAS" a Ouzande [09/02/13]:::


Ouzande celebrou por todo o alto o pasado sábado día 9 de febreiro a festa do Entroido. Nesta ocasión A Fervenza de Ouzande anunciou a inauguración dun gran "casino" baixo o nome de Euroveigas. A partir das cinco da tarde dúas carrozas decoradas ad hoc percorreron os distintos lugares da parroquia, facendo paradas para escoitar as "coplas do Entroido" cantadas polas cegas, tamén houbo tempo para comer orellas e filloas e mais para visualizar o espectáculo do Demo do Ceo e o Anxo do Inferno. A festa completouse cos disfraces que levaron os asistentes e que, desta volta, xiraban en torno á temática de "Euroveigas".
Ao remate da xira promocional, veu o momento da inauguración, con casamentos incluídos no local social da parroquia. Houbo bingo, xogo da parcelaria, dominó, orellas, filloas, diversión e -sobre todo- moi bo humor para celebrar o Entroido 2013 en Ouzande.
Euroveigas contou con capela para casamentos

10 de febreiro de 2013

Apagón en Ouzande:::

Ouzande quedou á luz das velas durante boa parte da tarde do domingo. O motivo foi unha posible avaría a causa das malas condicións metereolóxicas que estamos a vivir nos últimos días. O apagón afectoulle á parte norte da parroquia, deixando sen electricidade á veciñanza por un período superior ás 3 horas. Operarios da empresa que xestiona este servizo traballaron durante a tarde no transformador ubicado no Picoto para restablecer a subministración eléctrica.
Por outra banda, a parroquia continúa en alerta amarela a causa da chuvia, sarabia, vento e mesmo existe a posibilidade de que caian folerpas de neve durante esta madrugada. Polo momento houbo tormentas en forma de tronos e precipitacións tanto de auga como de sarabia. Así mesmo, as intensas chuvias dos últimos dous meses non provocaron grandes danos polo momento.
Previsión de Meteogalicia para o luns

6 de febreiro de 2013

Ouzande prepárase para o Entroido:::

O Entroido, a festa máis tola do ano, xa se deixa sentir na parroquia. Os preparativos de disfraces, a organización de carrozas e as ideas tolas do que facer vanse perfilando a medida que pasan os días. A Fervenza de Ouzande decidiu darlle novamente unha temática común á festa que organiza o sábado día 9, será a inauguración dun casino  de nome EUROVEIGAS.
A concentración de disfraces será ás catro e media da tarde, unha vez preparado cadaquen no seu papel, unha comitiva encabezada por dúas cegas percorrerá a parroquia. Cantarán as "coplas das ceghas" coas que se lle dará un repaso humorístico á actualidade desde a parroquia ata á do mundo enteiro. Ao remate e no Campo da Festa será a inauguración de EUROVEIGAS, un tolo casino ao que non lle faltará ningún detalle. Desta volta toca comer as orellas e filloas ao son das apostas e mesmo das vodas para as que se habilitará unha capela. De seguro que corren os billetes de 500 pola parroquia esta fin de semana.