7 de setembro de 2013

Duelo a tres bandas esta tarde no Campo da Festa:::

Esta tarde, a partir das 18h o Campo da Festa ouzandés hase convertir nun auténtico campo de fútbol, o escenario dunha batalla emocionante e intensa. A esa hora comeza a inscrición no mesmo lugar, as persoas que queiran participar poderán formar parte dunha das tres seleccións: solteiros/as, casados/as ou separados/as segundo o seu estado civil. A partir de aí os quecementos e estiramentos, sorteo de campos e quendas de xogo. A federación de casados loitará coma nunca polo trofeo pois é a única selección que nunca acadou a copa ouzandesa. 
Esta é a IV edición deste festival deportivo organizado pola Xunta Parroquial. Na de 2012 os casados quedaran ás portas dun triunfo. O trofeo levárano os solteiros no último minuto, unha victoria que se tivo que esclarecer a penaltis. O desenvolvemento da presente edición será semellante á dos demais anos, en 2012 o primeiro dos encontros fora entre os solteiros e casados, houbo un empate 4-4 e un desempate a penaltis favorable para os casados (4-1). O segundo dos encontros fora entre separados e solteiros (3-5) e o derradeiro disputárono os casados e os separados (3-3) Ao quedaren empatados houbo rolda de penaltis (3-0) Deste xeito gañaron os solteiros por golaveraxe. Durante o encontro non houbo incidencias a salientar aínda que a tensión e os ánimos estiveron caldeados durante os tres partidos. O público animou con forza ás súas seleccións nun encontro que resultou moi animado e que ofreceu espectáculo desde o principio até ao final. A espectación mantense candente e desatará esta mesma tarde un duelo a tres bandas, outro dos puntos álxidos das festas do Socorro. Pola noite continúa a festa con Iris e Géminis. Mañá continúa a festa no día grande do Socorro, con misas, actuación da Banda de Música Municipal da Estrada e a tradicional poxa. Pola tarde, ás oito teatro con Disfunción Continua no Campo da Festa.
Imaxe de arquivo. Xogadores na edición de 2012

Ningún comentario:

Publicar un comentario