2 de xuño de 2013

De viaxe pola historia de Ourense:::

Na excursión deste ano, A Fervenza de Ouzande quixo viaxar alén das fronteiras do espazo e do tempo, así é que un autobús con 50 viaxeiros arrancou hoxe con destino ao Ourense romano. As explicacións na cidade correron a cargo de Diego, Pili e Miguel, tres voluntarios amigos da asociación e veciños da cidade das burgas que mostraron maxistralmente e de primeira man os principais lugares da cidade da ponte romana. Unha das primeiras paradas foi o Centro de Interpretación das archicoñecidas burgas, logo veu o entramado urbano deste o Montealegre cara ao río, as edificacións que foron testemuña das andanzas de múltiples personaxes ao longo da historia, tensión Concello e clero ou o Ourense decimonónico ata o máis actual. Un gran paseo que nos encheu de coñecementos sobre a vila do Santo Cristo. O xantar realizouse ao pé do Miño, na Feira Nova, entre a Chavasqueira e a Fonte do Tinteiro. Non houbo moito tempo de relax pois as visitas da tarde comezaban cedo, así que o autobús da Fervenza de Ouzande arrancou cara ao veciño municipio de Bande, na Baixa Limia. Alí coñeceuse a igrexa de Santa Comba que causou admiración e sorpresa por estar atendida polos veciños ante o desleixo das administracións. Aquis Querquennis foi a última das visitas. Tras pasar polo centro do interpretación que axudou a entender mellor o xacemento militar houbo paseo polas ruinas anegadas e tempo de reflexión do valor dos vestixios históricos e a súa conservación e difusión. A anécdota deuse no momento de emprender camiño de volta a Ouzande, pois unha farola que dificultaba as manobras do autobús tivo que ser desmontada e así poder sacar o vehículo do aparcadoiro do xacemento. Cumprida a folla de ruta do Ourense máis histórico hai que agardar á excursión do ano próximo coa satisfacción e a alegría de ter pasado un fermoso día de sol polas terras ourensás atrás das pegadas que desde os romanos nos foi deixando a historia.








Ningún comentario:

Publicar un comentario