5 de decembro de 2012

O Portal de Ouzande cumpre tres anos e recibe máis de 7.000 visitas:::

O portal dixital informativo de Ouzande vén de facer tres anos de vida, sumando máis de 7000 visualizacións desde a súa posta en marcha. Xurdiu coma un espazo onde expresar toda a actualidade da parroquia, atendendo principalmente ás noticias de carácter social da mesma. Os protagonistas deste blog informativo son os veciños e veciñas de Ouzande e todas aquelas informacións tanto que xera a localidade como que poidan ser de interese para a veciñanza. As noticias publicadas neste espazo dixital baséanse en textos e fotografías pero desde 2012 tamén se completan cunha canle de videos que recibe unha media bastante alta de reproducións. As últimas incorporacións son galerías de imaxes que se poden ver e mesmo descargar e mais un perfil na rede social Facebook que permite unha maior interacción dos lectores. 
O 27 de novembro cumpríronse 3 anos desta andadura e, curiosamente, foi este mes o de maior audiencia destes tres anos, aumentada desde a promoción deste blog nas redes sociais. Sobre 7.200 visualizacións, unha media de máis de 200 á semana avalan o interese pola información local mediada nun ámbito tan reducido como é o dunha parroquia de 300 habitantes. 
O Portal de Ouzande é unha entidade independente, de acceso gratuíto, sen publicidade, sen ánimo de lucro e sen ingresos de ningún tipo onde se permite aos lectores facer comentarios, enviar correos electrónicos (oportaldeouzande@gmail.com) e compartir informacións relacionadas con Ouzande.
Tres anos e máis de 7OOO visitas do Portal de Ouzande




Ningún comentario:

Publicar un comentario