Todos os anos, membros da Fervenza de Ouzande achéganse ata o lugar que lles dá nome con desbrozadoras, fouciños, podóns, gallas... para poñer bonito o entorno da afamada fervenza ouzandesa. Desta volta, o pasado sábado, mesmo substituíron "Unha noite no muíño" por unha intensa tarde de traballo na que participaron máis de 20 persoas da parroquia.
O Muíño do Rubio foi o punto de encontro e contra as 5 da tarde o lugar enchíase de veciñas e veciños con todo tipo de material de traballo, tamén subiron refrescos e merenda para completar esta convivencia. Distribuíronse en pequenas cuadrillas e dedicáronse ao desbroce dos carreiros e camiños da contora, á limpeza dun muro, á reposición e limpeza do tellado do Muíño do Rubio e á eliminación das numerosas silvas que ameazan outras especies de interese medioambiental que inundan a zona. A tarde foi longa e laboriosa pero contra as 20h as cuadrillas foron dando por finalizado os seus esforzos para agruparse fronte a unha mesa chea de viandas que a asociación organizadora tiña dispostas para mitigar o cansanzo. As conversas veciñais e o bo humor completaron unha tarde que deixa en Ouzande unha Fervenza máis limpa e coidada.
O obxectivo a longo prazo da asociación é manter a maior parte dos muíños en bo estado, mesmo reconstruir a maquinaria dalgúns deles, así como sinalizar a zona para compartir este paraíso que está a escasos metros do centro urbano da Estrada.
|
Os primeiros en chegar ao Muíño do Rubio |
|
A maleza foi desaparacendo pouco a pouco |
|
O Muíño do Rubio recibiu as súas atencións |
|
Últimos retoques |
|
completando a tarde cunha merenda |
Ningún comentario:
Publicar un comentario