1 de xuño de 2010

Monterrei acolle uns cincuenta veciños de Ouzande:::


Este domingo, 30 de maio 2010, A Fervenza de Ouzande emprendeu unha viaxe ás terras de Monterrei para celebrar a excursión anual.
Trátase dun val encaixado entre o Macizo Central Galego, a Serra do Larouco e os montes dos Riós. A primeira parada foi na Cidade-Fortaleza de Monterrei para visitar o recinto, especialmente o palacio renacentista, a igrexa gótica de Santa María e a Torre de Don Sancho, á que subiron os excursionistas para contemplar unhas vistas impresionantes sobre o val que se estende cara á Portugal; mesmo se podía ver ao lonxe a Torre de Monforte en Chaves. Chamou a atención o abandono das casas e o esquecemento ao que se relegou este enclave chave na nosa historia.
O segundo destino foi o casco vello de Verín, realizouse un pequeno roteiro urbano que pasou polos lugares máis emblemáticos da vila; casas ilustres, convento da Mercede, estatua do Cigarrón, Praza de García Barbón, capela de San Lázaro, Casa do Escudo...
Como a fame apretaba, tomouse rumbo a unha área recreativa chamada "das Balocas", á beira do Río Támega, en Castrelo do Val. Alí houbo tempo para degustar o viño e a auga da zona, así como a famosa Bica do Val de Laza.
Xa pola tarde fíxose unha visita ao recinto de Cabreiroá para probar as augas na fonte do minarete creado a principios do Século XX polo emprendedor Xosé García Barbón e para pasear polas inmediacións do antigo balneario e parque, con máis de 2000 exemplares arbóreos procedentes de todo o mundo. A visita ás terras do Támega rematou ás sete da tarde, tomando rumbo cara a Ouzande con gratos recordos e unha convivencia para repetir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario