12 de xaneiro de 2010

Visita á igrexa de Ouzande e á torre de Guimarei este sábado nas I Xornadas de Historia da Estrada:::

O vindeiro venres 15 de xaneiro comezarán na Estrada as I Xornadas de Historia da Estrada, un evento que versará sobre a historia medieval da comarca como recurso ou reclamo turístico. Así llelo presentou onte a Concelleria de Turismo da Estrada, Raquel López, aos medios de comunicación.
A cita será ás sete da tarde na Sala de Exposicións de Caixanova, na Rúa Principal da vila. Falará Anselmo López Carreira do contexto político do medievo en Galicia. E a catedrática en filoloxía románica da Universidade de Santiago, a estradense Mercedes Brea, tratará o mundo trobadoresco destacando figuras coma Pai Soares de Tabeirós.
No sábado é cando se ten prevista a visita á torre de Guimarei e á igrexa de Ouzande. A cita será ás 10.30 na Praza do Concello da Estrada para iniciar unha ruta a pé que descobra o patrimonio material medieval do concello. O roteiro deteráse nestes dous baluartes do medievo.
Xa na tarde do sábado está previsto que ás sete se proxecte na Sala de Exposicións de Caixanova un documental de Xosé Luna sobre a arte románica na comarca. Ao remate do video, o seu autor ofrecerá unha conferencia sobre esta temática.
Segundo o departamento municipal de turismo a asistencia a estas actividades é de balde e está aberta a todo o mundo. Esta iniciativa forma parte das actividades de promoción dos recursos turísticos da Estrada. Así, tamén se vén de proxectar unha guía turística sobre o concello que dá boa conta dos recursos turísticos que fornece a nosa parroquia aos visitantes coma a propia igrexa e o seu contorno como o conxunto dos muíños da Fervenza.
Tamén se anunciou que esta guía vai ser presentada oficialmente en FITUR, a feira internacional do turismo,o día 20 deste mes en Madrid.




1 comentario:

  1. Noticia recensionada en:

    http://www.vieiros.com/open/amosar/906/i-xornadas-de-historia-da-estrada-a-historia-como-recurso-turistico

    ResponderEliminar