11 de agosto de 2011

MÚSICA DE OUZANDE NO INICIO DAS FESTAS PATRONAIS:::


Retrouso, o Regato de Matamulleres e Os Berros do Castro son as tres formacións musicais que darán o pistoletazo de saída das festas patronais de Ouzande. A boa música animará a festa ao tempo que os asistentes degustan polbo e churrasco no carro que arestora xa está instalado no Campo da Festa.
A formación ouzandesa RETROUSO partirá logo desta actuación cara a terras francesas para repetir a experiencia que tiveron na Bretaña. O Regato de Matamulleres repite actuación en Ouzande e afirman sentirse xa da parroquia, recordamos que son músicos procedentes da veciña Callobre. O grupo menos coñecido é OS BERROS DO CASTRO que tamén ten relación con Ouzande pero non polo noso Castro pois é unha formación ferrolá na que actúa un ouzandés; Loureiro. Será a primeira vez que actúen na parroquia polo que son menos coñecidos. O seu repertorio confórmano pezas de música tradicional galega recuperadas de cancioneiros, como o "Cantos e bailes da Galiza" de J. Inzenga ou o "Cancionero Musical de Galicia" de Casto Sampedro; traballos de campo; ou pezas procedentes do repertorio de grupos tradicionais de renome en Galicia, entre outros, Raparigos, Os Cruceiros, Os Rosales, ou os Gaiteiros de Soutelo de Montes. Esta formación está integrada por José E. Rodríguez ao acordeón, Ramón Dopico na percusión, Marcos Gómez coa Percusión, Bruno Casal tocando a gaita, o ouzandés Xosé L. Loureiro co clarinete e Antón Varela no vento das gaitas e frauta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario