As reivindicacións identitarias non son patrimonio dos pobos sen estado. En Ouzande, o lugar do Tallo vén sufrindo desde hai tempo problemas co correo tradicional a causa da mala numeración das casas, pero sobre todo pola non consideración do Tallo como entidade de poboación por algúns organismos.
A numeración postal das casas na parroquia fíxose desde o número 1 ata o que se precisase e por lugares, pero no Tallo operan varias liñas de numeración, o que provoca que haxa varios casos de dúas casas co mesmo número. Por outra banda, algunhas entidades non consideran O Tallo como entidade de poboación polo que poñen O Castro ou o Cano Sifón nas cartas, sendo o primeiro o nome doutro lugar e o segundo un elemento singular que hai próximo ao Tallo, na estrada de Forcarei, pero xa na Estrada.
O Tallo é considerado hoxe polas súas características como unha entidade de poboación máis da parroquia, aínda que historicamente é unha das zonas máis novas. O Topónimo que tomou foi o do nome das terras de labranza nas que se asentaron as primeiras casas, hoxe próximas ao casco urbano da vila e, polo tanto, unha zona que medrou moito no século XX. A complicación con Correos veu a causa de que varias vías cruzan a aldea como a estrada local de Ouzande ou as dúas pistas que discorren paralelas entre este vial e a estrada provincial A Estrada- Forcarei.
Os veciños denuncian que teñen moitos problemas co correo, complicando a súa localización. Aínda que este problema foi exposto pola veciñanza ante diferentes organismos, parece que a solución é complexa ao implicar un esforzo na actualización de datos ou mesmo unha renumeración das casas desta zona da parroquia. Pero non só os veciños sofren as consecuencias desta situación, tamén o persoal de Correos e transportistas teñen que fiar fino para desenvolver o seu traballo, ao non se poderen fiar nin das numeracións nin dos nomes dos lugares e tendo que aprender o nome dos residentes de memoria ou recurrir ao vello método de preguntar casa por casa.
O Tallo, na entrada da parroquia experientou un crecemento poboacional importante. |
Algunhas casas están numeradas polo vial no que se asentan. |
Hai casas na mesma aldea co mesmo número. |
Algunha zona foi rebautizada como Cano Sifón, estando este na estrada de Forcarei. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario