|
cartel da actividade. |
O Areal de Berres acolle o venres 15 unha singular festividade, trátase do "Día das galegas nas letras", unha romería moi particular organizada pola asociación "A Sega" e que ten como obxectivo honrar a figura de
Dorothé Schubarth, unha musicóloga suíza que en 1984 chegou a Galicia para entrevistar mulleres e así recoller delas un importantísimo corpus musical publicado no
Cancioneiro Popular Galego. A entidade organizadora pretende deste xeito facer visible o labor das mulleres no ámbito cultural. Escolleron este venres cadrando co día da "Nosa Señora" e o Areal de Berres como espazo bucólico onde desenvolver a xeito de romería unha actividade do máis singulare e interesante. Como o obxectivo é "saudar a dignidade da literatura de tradición oral e o labor silenciado de todas as cantadoras que lograron manter vivo até hoxe o acervo musical que nos alimenta" convidan á veciñanza a ir comer de romería. Toda persoa, familia e grupo que traia comida para partillar e a alegría do canto e do baile será benvida.
Comezan ás 13.30.h coa presentación do acto e lectura dun manifesto ao respecto por parte das integrantes d'A Sega. Ás 14.00h comeza o "xantar compartido" para ás 16.00h facer festa coa intervención da contadora Paula Carballeira, madriña da Fervenza de Ouzande, Mercedes Peón, quen traballou arreo no eido da recollida de música tradicional, a guitarrista Isabel Rei e o grupo de pandereteiras Habelas Hainas. Terán megafonía con micrófono aberto para todas aquelas persoas que queiran cantar, tocar ou contar.
|
O Areal de Berres, lugar da actividade, ao pé do Río Ulla. |
|
Áurea Rodríguez, quen nos anos 20 dirixiu "Os marabillas de Cartelle" facendo un gran labor que daquela estaba prohibido ás mulleres e que aínda hoxe non se coñece. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario